Este libro encantoume (xuño 2017)

Publicado por GÁLIX | 12.6.17 Deixa un comentario


XUÑO, 2017

Recomendamos: Corredora, de María Reimóndez
Se che gusta correr, vaiche gustar Corredora, de María Reimóndez, e se aínda non tes ningún libro de María, xa podes escoller entre todos estes escritos para ti: Usha (Xerais 2006), Lía e as zapatillas de deporte (Xerais 2008), O monstro das palabras (Xerais 2009),  Volvo! O regreso de Usha (Xerais 2014), e agora Corredora (Xerais 2017). Genet naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía, rodeada de montañas. Alí vive coa súa nai e co seu pai que pasa tempadas fóra, na chaira, pacendo os animais. Coma todas as nenas da aldea, Genet encárgase da casa e de levar a cabra a pastar cando queda soa. Sempre hai escaseza, pero o ano en que a situación é desesperada pola fame, os homes da aldea deciden que as mulleres máis novas deben camiñar ata a cidade para pedir esmola, nas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba. Aquí comeza aventura da corredora. Na cidade hai unha chea de cousas atractivas das que Genet non vai poder gozar polo de agora: ”Quen sabe se algún día ela poderá probar tales beberaxes”. Genet, adopta o alcume de Solomon e o aspecto dun neno para pasar desapercibida, e mentres fai os recados, corre: “ninguén ataca a unha persoa que corre veloz”. A historia da corredora é un conto de superación persoal, da moza que se vai facendo Genet, que grazas ao apoio da súa nai Toiba, a do seu adestrador Abebe, á das súascompañeiras como Meseret, e sobre todo, á da súa afouteza, que lle permite pasar de correr para ser invisible a correr para que a vexan. Toda unha campioa que retrata a tradición de estrelas etíopes do atletismo como Tiki Gelana, de Tirunesh Dibaba, de Teyba Erkesso, de Eyerusalem Kuma, e tantas outras!

Ana Luna Alonso
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]