Este libro encantoume (maio 2017)

Publicado por GÁLIX | 2.5.17 Deixa un comentario

MAIO, 2017

Recomendamos: Poemar o Mar, de Antonio García Teijeiro
Poemar o mar completa a triloxía das obras poéticas dirixidas ao público infantil que Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) lle dedica ao mar, logo de En la cuna del mar (Ed. Creotz, 2015; ilustrado por Xosé Cobas) e Palabras do mar (Ed. Embora, 2015; ilustrado por Xosé Tomás).
García Teijeiro móvese como peixe na auga (nunca mellor dito) no difícil xénero da poesía para nenos e nenas, ao que se leva dedicando arredor de tres décadas. Nesta ocasión preséntanos un mar no que todo é posible, un mar que soña, que sabe sumar pero non restar, que estraña o que non ten e borra o que lle sobra, que escribe poemas coas ondas na area e por cuxo interior corren ríos de auga doce, un mar que se marea coas ondas que o mexen e ten que tomar pílulas de algas para se curar.
En Poemar o mar os personaxes reais alternan no protagonismo cos lendarios ou os fantásticos, e así atopamos capitáns de barco, veleiros, sereas, gaivotas e andoriñas, piratas, nenos mariñeiros… como elementos centrais de cada un dos poemas, nos que se pasa tamén da forza evocadora do imaxinario («Eu gardo no meu armario / diversas clases de mares: / uns, con ondas amarelas / ou sen elas, /quen o sabe!») á contundencia do descritivo («Escoitades? / Ronca o mar / alá moi lonxe / e as gaivotas voan tolas / pola liña do horizonte»), ou mesmo á mensaxe reivindicativa ou de denuncia («O mar / anda murcho / e teme dicir / que o lixo dos homes / o quere ferir»).
Xogos léxicos («Ten só tres letras / o MAR / mais se lle damos / un bico / medra / sorrí / e aparece / o verbo aMAR») e conceptuais («Os ollos das nenas / reflíctense no mar. / Neles míranse, presumidos / moitos peixes»), repeticións («Danzar co MAR / Brincar co MAR / Bicar o MAR / Calar sen MAR / Chegar ao MAR / Voltar do MAR / Amar o MAR […]»), pareados («[…] quere flores / de colores / quere rosas / olorosas / quere ovellas / sen orellas / quere gatos / con zapatos / quere festas / con orquestras […]»), versos encadeados («Gaivotas no mar: veleiros. / Veleiros no mar: escumas. / Escumas no mar: fervenzas. / Fervenzas no mar: a chuvia») e outro tipo de repeticións («Do / re / mi / fa / mar / eu non sei nadar […] si / fa /sol / re / mar / sabedes vogar?»), creacións léxicas («Atopei / unha palabra / que rima / co sorriso do mar: / sorrimar»)… son algúns dos recursos formais dos que se serve o autor para darlle forma a este libro, no que tamén atopamos estruturas recoñecibles como os haikus («Métese o mar / no peto dunha noite / chea de estrelas») ou fórmulas próximas á greguería («Cando lle dixeron ao mar / que tiña a tensión alta, / quixo deixar o sal / e converteuse nun estanque»).
O mar de Poemar o mar preséntase como un espazo máxico no que as palabras baten en nós coa cadencia, a perseveranza e a intensidade das ondas. Ademais, nas setenta páxinas do libro podemos encontrar máis de trinta ilustracións de Xan López Domínguez, practicamente unha por cada poema, todas elas dotadas do mesmo onirismo e da mesma forza expresiva que a parte textual.
En definitiva, unha suxestiva proposta tras a que, cando rematemos a singradura, arribaremos a porto co cabelo despeiteado polo vento mareiro e cun intenso sabor a salgado nos beizos.
Héctor Cajaraville
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]