Este libro encantoume (outubro 2020)

Publicado por GÁLIX | 1.10.20 Deixa un comentario

 

OUTUBRO 2020


Recomendamos: Nana para un soldado de Pepablo Patinho    .




Encantóume este libro porque é sinxelo e complexo á vez, porque mestura humor e drama e, sobre todo, porque nos mergulla nun mundo con todos os elementos escenográficos sen esquecer detalle ningún.


Xa co título Nana para un soldado o autor quérenos suavizar a atrocidade da guerra convertendo o amargo en doce. Amosa unha utópica situación na que os inimigos fanse amigos e toman té con pastas xunta unha muller que non aparenta ter interese ningún polo que está a acontecer aínda que viva nun lugar asolado e espere un fillo dun soldado probablemente morto na contenda. Deste xeito todo o horror que rodea a escena queda neutralizado polas situacións da vida cotiá que se van sucedendo e pola inxenuidade dos personaxes. Todo o que sucede en escena é irreal pero a poesía que desprende a obra vainos acompañando coma se se tratara dunha peza musical. Tamén a comicidade aparece en moitos momentos para relaxar a tensión.

Deixo para o final un dos aspectos que máis me chamaron a atención: a precisión das acoutacións nas que fai unha descrición detallada de cada un dos elementos escenográficos, dos movementos dos personaxes da escena así como da súa xestualidade. Todo iso fai que só coa súa lectura sexamos capaces de facernos unha imaxe mental da peza que van máis alá das ilustracións. Con isto non quero dicir que estas non concorden co texto, todo o contrario, existe unha perfecta harmonía entre imaxes e texto: inxenuas, sinxelas e de cores suaves. Pero, volvendo ao tema, nesta peciña apréciase que o autor é un home de teatro e o que escribe estao vendo, dalgún xeito, representado.

 


Ánxela Doval Méndez



______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]