Este libro encantoume (marzo de 2017)

Publicado por GÁLIX | 3.3.17 Deixa un comentario
Como sabes, GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Así, todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.

MARZO, 2017

Recomendamos: Sangue de Lúa, de Sabela González


Berenguela e Güenela conseguiron a apócema coa que poderán destruír a Pedra de Lúa. Porén, fuxir de Svörie, a illa dos sabios, e chegar até a capital do reino de Landereina non semella unha misión doada. Alí deberán rescatar o príncipe Ohn, peza clave no seu plan para impedir que Maëriss, a traidora, complete o seu poder. Para iso contarán coa axuda de Gan, o guerreiro huntai, e mais de Breihm, que procura redimirse da súa culpa. Deles catro depende o destino das xentes de Landereina, atemorizadas ante a posibilidade de que se repita a tiranía que sufriran anos atrás baixo o xugo de Wiasmau.

Sangue de Lúa é a derradeira parte da triloxía fantástica As crónicas de Landereina, da escritora Sabela Gónzalez. Tal e como fixera nas dúas primeiras entregas, combina a aventura das protagonistas con convenientes visitas ao pasado, que serven para que o lector conte cunha perspectiva global dos acontecementos. No caso de Sangue de lúa, o relato pretérito enfócase na vinganza de Wiesmau contra a dinastía dos Gheiroez, describindo o emprego do seu poder como feiticeiro para conxugar un elaborado plan co que atormentará durante décadas á súa descendencia, para acabar erixíndose como tirano de Landeireina. Este recurso enriquece o texto, axudando a narración a atar todos os cabos pendentes e outorgando ao lector información en doses medidas, sen chegar nunca a abafalo.

Este libro encantoume porque profunda nas virtudes que alberga a saga: axilidade narrativa, revisión de patróns e roles no relato fantástico, trazo firme de personaxes e naturalidade dos diálogos

Antonio M. Fraga
Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]