SETEMBRO
2020
Recomendamos:
O País Gran Furado de
Xerardo Quintiá
“O País do Gran Furado
non é redondo nin cadrado.
Está achatado polos lados.”
Así comeza o conto rimado que ganou a II convocatoria do Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade.
O País do Gran Furado relata a rebelión feminina contra a tiranía que exerce MAXI-Miliano sobre as mulleres do país que preside. Elas non só teñen que traballar mentres os homes xogan, senón que carecen dos mesmos dereitos: nin pode ser felices, nin comer perdices; tampouco ler poesía ou andar coas orellas luxadas. Se isto acontecer, serán guindadas a un volcán durmido que recibe o nome de Gran Furado.
Un grupo de mulleres capitaneadas por Toribia, unha poeta e vocalista dunha banda musical, sublevarase contra esta situación. Despois de capturaren o ditador e os seus ministros, encerraranos nun curral e administraranlles a menciña que a elas lles foi negada: comer perdices, gozar da poesía... para que entendan que cómpre eliminar as imposicións para construír un país máis equitativo e mellor.
Quintiá, ao igual que en Titiritesa, retoma o conto tradicional para presentar unha historia na que a protagonista desmantela as normas que rexen as sociedades patriarcais; unha narración hiperbólica na que o absurdo sobrevoa entre os personaxes e na se que introduce a historia do feminismo e a reivindicación da igualdade.
O relato, ateigado de humor e rimas, está iluminado por Noemí López Vázquez. As súas ilustracións completan a palabra escrita con detalles non explicitados e transmiten unha mensaxe paralela á do texto. Neste sentido, destaca a caracterización física da heroína: a forma e a cor do seu cabelo afástanse do estereotipo de beleza feminina e a súa vestimenta é transmisora da súa personalidade e cultura; unha cultura que conecta coa tradición galega e que contrasta con outras máis exóticas, como as mostradas por algunhas figuras masculinas.
Maruxa Caamaño
______________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recensións para esta sección, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]