Laudatio de Mª Xosé Queizán no acto de nomeamento de Marifé Quesada como Socia de Honra de GÁLIX
Publicado por GÁLIX | 9.1.17
Deixa un comentario
Coñezo
a Marifé Quesada desde nena, cando tiña 9 anos e se trasladou a
Vigo coa súa familia, desde a Zamora natal. O pai, Antonio Quesada,
era de Ourense e pertencía a unha familia coñecida de pintores.
Instalouse a familia no 3º andar do edificio onde vivía e vivo, na
rúa Regueiro nas Travesas, onde naceu a última integrante, Alicia.
O seu nacemento é curioso porque sucedeu no ascensor. A clínica,
Povisa, onde estaba previsto o seu nacementos, estaba a un paso da
casa. A nai, unha señora moi doce, cun falar suave, que sempre tivo
aspecto de moza, seica lle dicía ao pai: “Antonio, imos, xa chegou
a hora”. O pai tomábao con vagar. Baixaban no ascensor cando á
nena decidiu saír e asomou a cabeciña. Déronlle rapidamente ao
botón de subida e a nena terminou de saír na casa e deseguida veu
unha ambulancia que levou á nai e a filla a Povisa. Menos mal que
non lle puxeron de nome Ascensión.
Daquela tiñamos un ascensor antigo
coas portas derramadas, que facía das súas. Se a porta de fóra non
quedaba ben pechada, podía pararse entre un andar e outro. Unha
noite, xa estaba durmindo toda a xente no edificio, espertáronme os
golpes metálicos e unha chamada de socorro. Eran os pais de Marifé
que quedaran pechados e libereinos. Penso que co seu humor e mestría,
algún día, Ilustrará as historias daquel ascensor.
Aquela
nena pre-adolescente e linda, que vivía no terceiro, xa gañara o
Premio Nacional de Pintura Infantil aos 4 anos en Zamora. Ignoraba,
daquela, que posuía o don da figuración e que xa era a mellor
alumna do pai.
Todas
as persoas nacen con vocacións ou con determinadas habilidades para
desenvolver unha actividade humana. Algunhas as descobren axiña e
comezan a cultivarse desde a infancia. Outras tardan máis e perden
tempo estudando carreiras ou iniciando profesións para as que non
están dotadas. Aínda hai outras que teñen a sorte de ter a man os
artefactos, os instrumentos, os materiais cos que poden crear, tocar
música, traballar a madeira ou pintar e debuxar como é o caso da
artista que hoxe é galardoada.
Apaixonada
pola descrición pictórica, polo debuxo, pola imaxe, pola cor, desde
a infancia; criada entre pinceis, lenzos, cores, paisaxes no taller
do seu pai; rodeada de arte e artistas desde nena, Marifé Quesada,
foi pioneira da ilustración de libros e unha das creadoras máis
elegantes e orixinais nesta faceta artística en Galicia.
O
movemento está sempre presente nos seus debuxos. Os personaxes
actúan. Non só os personaxes, senón tamén as cousas: Os pelos
disparados como lanzas; os zapatos en punta para arriba; os espellos
se alongan, as figuras, as casas adelgazan e se elevan. A tendencia é
a subir, nunha ascensión optimista e positiva. Unha elevación que
nos incita. Hai alegría nos xestos, nas cores, nas liñas. Unha
brincadeira que quere transmitir á infancia, a esas criaturas que
coñece ben, que quere acariñar como no seu traballo en pediatría,
porque a súa profesión é a enfermería. Aledámonos cos debuxos de
Marifé e estamos seguras de que ela tamén goza creando e pintando,
pero non deixa de ter presentes ás nenas e nenos, para confortalas e
facelas felices porque coñece o seu sufrimento e as enfermidades, e
se condoe.
Transmítelles
o amor aos animais e a tenrura. Non sei se vistes esa ilustración
dun grupo de elefantes durmindo placidamente uns por riba dos outros
nun abrazo xigantesco. Unha masa amalgamada de amor! Non hai dor nos
seus debuxos.
Hai
crítica, iso si.
A
sabedoría está presente e a defensa da lectura, da transmisión de
coñecementos. Dúas nenas, da man da nai que avanza, observan un
Libro, un miserable sen teito sentado nunha pedra do camiño,
chorando a mares, o pobre. Porque case ninguén compra libros. Os
libros semella que van desaparecer. O libro chora. As nenas mírano
con compaixón. A nai non se decata, non lle compra libros ás
fillas. Avanza indiferente.
Ignora que sen libros nunca serán
persoas cultas, por moi boas notas que leven noutras materias. Porque
nos libros está a vida, tanta vida e de tanta xente, historias de
todo o mundo, de todas as xeografías, con todas as paisaxes.
Pensade no que vos digo, querido
alumnado de Valadares, cos libros viaxades, coñecedes criaturas,
persoas que teñen as vosas penas, os vosos problemas, os vosos
pensamentos. Descubrides que hai quen cisma no que vos cismades,
naquilo que non vos atrevedes a falar con ninguén. Cos libros vos
comunicades. Os libros son amigos para toda a vida. Marifé sábeo e
móstrao cunha metáfora que nos conmove: ese libro que chora.
Destaca
o seu agudo sentido do humor: Na manifestación, o bebé que leva
pintados no cartón os riles e a vexiga, a que necesita controlar
para liberarse dos dodotis; o gordo manifesta as tripas cheas, e así.
Os dragóns sentados como paisanas e coa man nas costas, como
magoados polo lumbago; as colas rebirichadas dos animais en xeral,
disparadas como resortes. O humor sae como unha gargallada dos seus
debuxos, pero en moitas ocasións nos fan pensar. Lémbranos a frase
de Castelao, un escritor doutra época, e un bo debuxante con moito
sentido do humor. Dicía: Non vos riades
que o conto é triste. ( Que
comerá o rei?, pregunta un pobre rapaz
a outro. E comerá sucre?, responde
o outro ) Porque
o humor é un lóstrego de intelixencia que nos permite ás veces ver
as dúas caras dunha mesma realidade.
A
observación como primeira acción científica. Unha nena curiosa
reparando en como rachan os pitiños os ovos, como saen da casca. Así
mesmo é o cerebro o que leva unha muller maior como bandeira, o
pensamento, a intelixencia dirixindo a marcha do mundo, á xente de
todas as idades.
É
unha muller maior, con experiencia, unha Sensatanai, que, no meu
libro, O Segredo da Pedra Figueira, é o nome da avoa que ten
recollido os coñecementos e ten experiencia. Creo que foi o 2º
libro que ilustrou a nosa artista. Preciosos debuxos. Síntome
orgullosa de ter un libro ilustrado por Marifé Quesada.
O primeiro que salta á vista é a
cantidade de nenas e rapazas que hai nos seus debuxos. Quere cambiar
o de sempre, o atrasado, a desigualdade entre nenas e nenos. Antes
non aparecían as nenas nos contos, nin nas historias, nin nas
ilustracións. Coma se non existisen. Nos libros de contos galegos de
hai anos, todos os protagonistas eran nenos, porque tamén os
escritores eran homes. Homes que procedían do ambiente rural,
fundamentalmente. Por iso había tantos nenos labregos. Hoxe xa hai
máis poboación cidadá e moitas escritoras e ilustradoras, daquela
aparecen nenas como protagonistas, como nas ilustracións da artista
que hoxe agasallamos. Porque o mundo é común e debemos compartilo.
A Igualdade é algo fundamental no noso pensamento, xunto á
liberdade. Somos distintos pero debemos ter os mesmos dereitos e as
mesmas oportunidades. Queremos ser libres, temos a obriga de
conseguir a nosa liberdade, pero só o seremos cando a liberdade sexa
compartida.
María
Xosé Queizán
0 comentarios:
[Comentario blog]