O blog de GÁLIX

 


A Editorial Sushi Books
achéganos estas novidades para a Biblioteca de GÁLIX:
  • O cabalo sen cabeza

  • Ó revés




Título: O cabalo sen cabeza

Texto: Paul Berna

Tradución: Moisés Barcia

Editorial: Sushi Books

Colección: Intermedio
+ info: https://rinoceronte.gal/sushibooks/produto/o-cabalo-sen-cabeza/





Título
: Ó revés

Texto: Florence Hinckel

Tradución: Tais Rego

Ilustración: Clothilde Delacroix

Editorial: Sushi Books

Colección: Intermedio
+ info: https://rinoceronte.gal/sushibooks/produto/o-reves/

 


MAIO
2024

Recomendamos Charlotte de Consuelo Vercher

 

 

Como se lle conta a una nena de sete anos que a súa nai vai morrer? Consuelo Vercher coñece ben as claves e acerta na súa estrea como narradora dunha historia na que a protagonista, a pequena Charlotte, vai convivir en poucos meses con esa situación na súa casa. Unha historia tan real como os fermosos trazos da ilustradora, Clara Encinas, que acompañan en harmonía as páxinas deste libro. A autora da tradución ao galego e ao castelán, Tamara Andrés, resolve con éxito os cambios de voz da narradora e atende aos xogos de palabras desa nena tenra e intelixente.


Entre todos os temas tratados neste magnífico relato que nos trae reminiscencias de Voltaire, de Colette ou de Lindreng: a fantasía dunha nena, a convivencia familiar, o comportamento dos habitantes do barrio, as relacións de amor e amizade, o racismo, a homofobia, a desigualdade ou a solidariedade...; quédome coa maneira de presentar as emocións que desenvolve unha cativa ante a enfermidade e a ameaza irreversible da desaparición da súa nai:

 

 

A mamá heille regalar unha viaxe a unha illa, para que poida cumprir por fin o seu soño, que é marchar para poder descansar e durmir”.

Sentimentos que non sempre son tristura e desánimo, senón tamén por veces, rabia e impotencia: “A verdade é que as persoas adultas non se me dan moi ben”.

Se o fin máis importante da educación é facer persoas felices, a literatura pódenos axudar a descubrir a capacidade de apreciar a beleza e a entender mellor as emocións. A protagonista debe enfrontarse a nada doada descuberta da complexidade do mundo:

As cousas que me gustan son inventar palabras (sobre todo as que rematan en OSO), abrazar ao meu irmán; liberar grilos; apañar pensamentos bonitos; dobrar a roupa; disfrazarme; usar lapis de labios; pasar tempo no retrete; espiar; correr polo xardín [...] facer a revolución; debuxar nas paredes, e mamá cando non chora”.

A historia de Charlotte cumpre esa necesaria función socializadora que leva implícita a literatura, simplemente porque fala e reflexiona sobre a humanidade dende a altura dunha nena de sete anos, o que nos permite ver cos ollos dos demais e dende perspectivas distintas como poden sentirse as persoas, a forma en que valoran os sucesos, os recursos cos que se enfrontan aos seus problemas ou o que significa seguir as normas e as consecuencias de infrinxilas segundo as variables de cada situación.

Ana Luna Alonso

______________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

 


O Día Mundial do Libro e do Dereito de Autoría foi fixado pola
UNESCO en 1995, o 23 de abril, para conmemorar a morte de Cervantes, Shekaspeare e o o Inca Garcilaso. e coa intención de render homenaxe aos libros e ás persoas que os crean, e recoñece neles o valor da creatividade e a diversidade, o seu papel na consecución da igualdade no acceso ao coñecemento e como ferramenta contra a pobreza e a intolerancia.

Co obxectivo de garantir que todo o mundo teña acceso ao coñecemento e á cultura, a UNESCO designa cada ano unha Capital Mundial do Libro. Estrasburgo é a cidade escollida como Capital Mundial do Libro 2024, referente da cultura e a literatura universal polo seu patrimonio literario e a organización de actividades que combinan a literatura con outras disciplinas artísticas, como a música, o teatro e a ilustración.

 


Recibimos
da Editorial Entre Nubes y Cuentos, como doazón para a Biblioteca de GÁLIX

  • As manchas de Palmira

Título: As manchas de Palmira
Texto: Ana Meilán
Ilustracións: Silvina Eduardo
Editorial: Entre Nubes y Cuentos


 A exposición "Fina Casalderrey: medrando entre historias" inaugúrase o vindeiro xoves 18 de abril ás 12:00 na praza da Ferraría.


O Concello de Pontevedra en colaboración con GÁLIX, rende homenaxe á figura de Fina Casalderrey con esta mostra, configurada por 20 paneis escritos por María Lado e ilustrados por Nove Noel.

A autora homenaxeada é candidata aos Premios Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA), outorgados anualmente polo goberno sueco coma homenaxe á creadora de Pippi Mediaslongas. Nestes premios recoñécese o labor dos diversos actores que conforman o mundo do libro infantil e xuvenil. Este ano concorren 245 candidaturas de 68 estados, a maioría pertencen ao campo da escrita ou da ilustración, pero preséntanse tamén asociacións ou organizacións.


A escritora, que formou parte da directiva de Gálix, é a primeira autora en estar nomeada simultaneamente aos dous premios máis prestixiosos da LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) a nivel internacional: o Premio Hans Christian Andersen outorgado polo IBBY e o  Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) do goberno sueco.