NOVEMBRO 2025
Recomendamos O xenio da Cidade do Sal de Fina Casalderrey.
A autora está nominada pola OEPLI, a proposta de GÁLIX, para os premios ALMA (Astrid Lindgren Memorial Award), a máxima distinción en literatura infantil e xuvenil a nivel mundial, outorgado anualmente polo Consello Cultural Sueco. Entre os gañadores anteriores hai persoas tan importantes como Shaun Tan, Christine Nöstlinger ou Maurice Sendak.
Se algo caracteriza a obra de Fina Casalderrey é que sempre sorprende, agás na indubidable calidade literaria que impregna cada unha das súas historias.
O xenio da Cidade do Sal é unha sinfonía literaria, que dá acubillo á música e á ilustración, para crear un conxunto artístico, transversal e suxestivo, que se traduce nunha viaxe sensorial da que ninguén logra fuxir.
O eixe central da obra é a figura dun Mozart aínda neno, quen, rompendo as regras do tempo e do espazo, vai ir amosando, ademais das súas filias e fobias, os efectos derivados da síndrome de Tourette que padece. Mais o relato de Fina Casalderrey, malia estar moi ben documentado, non peca dun didactismo no que sería sumamente fácil caer nunha obra destas características; a autora, cunha mestría extraordinaria, vai descubríndonos a faceta de xenio de Mozart, pero tamén a máis humana, a dun rapaz de 12 anos cuxo maior desexo é liberarse das imposicións da súa familia, máis preocupada por explotar as magníficas calidades que posúe ca polos seus sentimentos.
Especialmente importante é o papel da irmá do protagonista; ela é o centro do universo emocional do pequeno Amadeus (ou Xoán como quere que lle chamemos) e reflicte a visión que da muller tiña a sociedade patriarcal da época. E, xunta ela, o fabuloso cabalo branco que aparece perante a súa casa co que vivirá significativas experiencias ao longo do Camiño de Santiago.
Da complicidade e do apego que a autora sente polos personaxes creados pola súa desbordante imaxinación, dá boa conta a segunda carta; nela, Fina convértese na destinataria das palabras de Mozart e reflexiona sobre o proceso da escrita.
Toda a obra é un gran diálogo… entre manifestacións artísticas, entre dúas voces narrativas, entre realidade e ficción, entre culturas, entre emocións contrapostas, entre a idade adulta e a infancia, entre pinceladas de humor e verdades descarnadas.
Deixádevos levar polas magníficas ilustracións de Xosé Cobas, polas notas da frauta de Luis Soto e pola exquisitez narrativa de Fina Casalderrey en O xenio da Cidade do Sal.
Irene Penas Murias
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.









0 comentarios:
[Comentario blog]