Novembro 2019
Encantoume Pioneiras 2, porque ao igual que o
precedente libro Pioneiras editado no pasado ano , é un libro
necesario, que informa cunha linguaxe sinxela pero moi atinada,
suxerinte e poética, da vida de once mulleres que foron quen de saír
dos roles que a sociedade agardaba delas para introducirse en novas
áreas de traballo ou de lecer que ata ese momento estaban reservadas
aos homes.
A
autora procura de novo aportar referentes femininos valorados
socialmente, diversos e non estereotipados, historias de mulleres
valentes, valiosas polo que conseguiron facer e non polo seu físico,
que contribúan a ofrecer unha imaxe poderosa da muller, con
demasiada frecuencia sometida a papeis secundarios.
Nesta
segunda entrega de Pioneiras atópanse quizá nomes menos coñecidos
que na primeira, case todos do século XX, mais igualmente
apaixonantes e que sen dúbida poderían dar lugar a interesantes
películas:
Antonia
Ferrín: a primeira galega profesora universitaria de matemáticas e
a primeira astrónoma.
Rita
Fernández Queimadelos: a primeira arquitecta galega e a primeira en
España en asinar proxectos propios.
Antonia
Sanjurjo: promotora da práctica deportiva feminina.
Mercedes
Mariño: a primeira actriz galega en escenarios americanos.
Ángela
Ruiz Robles: a inventora do primeiro libro electrónico; na súa
Enciclopedia mecánica xa prevía a lectura de diferentes maneiras,
con luz, son, pantalla para escribir e ata lente de aumento.
Elisa
Patiño: a primeira aeronauta.
Concepción
Pérez Iglesias: a primeira alcaldesa galega e a segunda de España.
María
Barbeito: pioneira da renovación pedagóxica, promotora dunha escola
gratuíta, aberta e creativa.
Josefina
García: a inventora dun dos primeiros traxes de auga para as xentes
do mar.
Manuela
Barreiro Pico: a primeira galega que cursa bacharelato e a primeira
muller que se licencia na universidade compostelá, no ano 1901.
María
Cardarelly: a primeira fotógrafa con estudo propio.
Este
conxunto de pioneiras mostra o moito que ten cambiado a situación da
muller neste último século, en Galicia e no mundo.
Considero
que é moi importante que as novas xeracións teñan coñecemento
deste relevante e recente cambio histórico, que sexan conscientes de
que ata hai ben pouco eran moitísimas as cousas que unha muller non
podía facer, tanto polo que ten de conquista respecto da que non se
debe baixar a garda, como polo exemplo que ofrecen para seguir
cambiando o mundo e conquistando dereitos.
Contribúe
a que poidamos gozar plenamente deste libro unha coidada edición, en
tapa dura, con fermosas e coloridas ilustracións, acaídas ao texto.
Pilar Sampil
___________________________
GÁLIX
aporta cada mes unha
reseña feita por algún socio para a sección Este
libro encantoume da
OEPLI,
ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as
recomendacións das seccións
aquí,
na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no
noso blog (bota un
ollo na barra lateral!). Se queres colaborar
coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos
contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]