domingo, 29 de decembro de 2024

GÁLIX DESÉXAVOS UN FELIZ 2025

María Montes fixo esta fermosisima imaxe para celebrar a chegada dun novo ano.

Neste 2024 que está para rematar a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), como vén facendo dende 1989, continuou o seu labor de promoción e difusión da cultura galega e do libro infantil e xuvenil en galego.

  • Publicamos, como cada ano, o Catálogo de libros infantís e xuvenís de Galicia que leva a produción galega de libros infantís e xuvenís á Feira Internacional de Bolonia. 
  • Elaboramos, por primeira vez, o catálogo de libros para a infancia e a xuventude traducidos ao galego no ano 2024.

  • Gloria Sánchez foi, no 2024, a persoa escollida como Socia de Honra de GÁLIX e homenaxeada nun entrañable acto celebrado na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela.
  • GÁLIX presentou a candidatura de Fina Casalderrey aos Premios ALMA.
  • Mantemos, coma en anos anteriores, un convenio de prácticas detradución coa Universidade de Vigo.

O noso blog ten unhas seccións fixas:

  • Este libro encantoume!, na que as nosas socias e socios recomendan algún libro publicado nos dous últimos anos.
  • Rescate en audio!, unha nova sección, para a que solicitamos de socias e socios un audio no que comenten un libro clásico, ou con máis de tres anos de antigüidade.

Actualizamos permanentemente o blog con información de:

  • Novidades editoriais
  • Convocatorias de concursos, actividades de formación, xornadas, publicacións.
  • Concesión de premios de literatura infantil e xuvenil galegos.
  • Celebración de eventos, cursos ou xornadas relacionados coa lectura e os libros.
  • Novas internacionais relacionadas coa LIX.

Gálix está tamén presente nas redes sociais máis populares.

Este ano cumprimos 35 anos e o nos compañeiro Miguel A. Alonso Diz, lembrounos nun extenso artigo publicado en Plaza Pública cal foi a súa orixe e o seu papel no coñecemento, promoción, difusión e defensa do libro en galego para o lectorado máis novo.

xoves, 19 de decembro de 2024

A XANELA DE GÁLIX. Anxo Fariña

 


Anxo Fariña, Vigo 1977,

Socio nº 322 de GÁLIX

Ilustrador, escritor e deseñador de libros infantís e xuvenís en galego.

É licenciado en Belas Artes. 

 

 

 

Ten participado en Salóns do Libro, obradoiros de ilustración, campañas de promoción do galego, como «Graffiti e letras», «Creando historias con Anxo Fariña» e «Ti creas a historia».

Colaborador habitual en actividades de formación do profesorado e do alumnado en actividades organizadas polos centros escolares

Creador das exitosas series:

  • Os megatoxos
  • Antón e Pompón

  • Don Quixote e Breogán

  • O Pelelliño
  • Gliz, o pastor de nubes

 É tamén autor de:

  • Os magos das formas. (A Nosa Terra, 2004).
  • Xabi non pode durmir. (A Nosa Terra, 2004).
  • As linguas dos animais. (A Nosa Terra, 2007).
  • O ladrón de palabras. (A Nosa Terra, 2008).
  • A Monstroescola. Que veñen os monstros!. (A Nosa Terra, 2008).
  • A chave da Atlántida. (Xerais, 2011).
  • Os ecos do lume (Xerais, Col. Merlín, 2019).

Recibiu os premios Merlín (2011) e Frei Martín Sarmiento (2013)

 

--- a difusión da nosa literatura debería ser un traballo de todxs.
  1.  Ti es o socio número 322. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?

Creo que o seres humanos funcionamos mellor en equipo por solitario e, aínda que escribir ou ilustrar sexa un traballo normalmente individual, a difusión da nosa literatura debería ser un traballo de todxs.

  1. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?

A biblioteca do meu colexio público.

  1. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?

Infinitos… Non podo escoller un só.

  1. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?

Penso que a mesma resposta da anterior pregunta. Limitar “o imprescindible” a unha ou un autor, a un estilo, ou unha temática é algo imposible para min.

  1. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?

Pois con calquera dos personaxes dos Megatoxos ;)

A maior fortaleza (da LIXG) é o incrible talento e dedicación de autoras e autores á hora de escribir nunha lingua minorizada e as veces maltratada.

  1. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?

Eu mesmo. Non é unha cuestión de egolatría, senón porque cando escribo o fago co meu caderno de debuxo ao lado. Para min narrar é unha cuestión tanto de palabras como de imaxes.

  1. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.

A maior fortaleza é o incrible talento e dedicación de autoras e autores á hora de escribir nunha lingua minorizada e as veces maltratada.

A maior debilidade é que nunha escola ou instituto falen de literatura galega a un libro traducido do inglés ou outro idioma. As tradutoras e tradutores teñen todo o meu respecto, pero a literatura é creación. E polo tanto debería estar diferenciada. A ninguén se lle ocorre dicir que as obras de William Shakespeare (por moito que estén traducidas ao castelán ou outras linguas) sexan literatura hispana.

Se non apoiamos a creación desde Galiza e en galego, nós mesmxs somos os que tiramos pedras no noso tellado.

Engadir, por suposto, a falta de apoio institucional e o maltrato á nosa lingua.

  1. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución

Tristemente, o descenso de lectores na nosa lingua.

  1. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?

Insuficiente. Tal e como comentei na outra cuestión.

  1. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.

Apoio á creación galega en Galego.

Apoio @s creador@s.

Apoio a tradución a outras linguas.

 Descargar PDF



 

luns, 16 de decembro de 2024

Acto de entrega do Premio Arume.

Este venres 13 de decembro ás 19 h no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela tivo lugar a entrega a Beatriz Dourado do Premio Arume de poesía para a infancia, iniciativa da Fundación Neira Vilas, en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil - GÁLIX, co inestimable apoio da empresa Deleite e a participación do Concello de Vila de Cruces e a editorial Embora.


En opinión do xurado, formado por Rosalía Morlán (membro do padroado da Fundación), Pilar Sampedro (membro do padroado e socia de GÁLIX) e Miguel Alonso Diz (en representación de GÁLIX), Latexos, o poemario premiado, destaca polo intelixente e suxestivo uso de recursos diversos como as onomatopeias, anáforas ou metáforas que constrúen un universo poético engaiolante para o público novo, co que busca establecer un diálogo.

Presentouse tamén o libro Versos (a)variados, de Pablo Nogueira, gañador da edición anterior, que compartiu os seus versos co público asistente.

Dende GÁLIX agradecer a todas as entidades e persoas que dan vida a un premio que dá continuidade ao legado de Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, e que, sen dúbida, contribúe dun xeito importante a literatura infantil en galega

sábado, 14 de decembro de 2024

Na nosa biblioteca (434)

 

Chegaron novidades da editorial Bululú como doazón para a Biblioteca de GÁLIX :


  • Leo o pirata

 

 

Título: Leo o pirata 

Texto: Carmen Dopico

Ilustracións: Héctor Borlasca

Tradución: Xosé Duncan

Editorial: Bululú
Colección: Carantoña

+ info: https://www.editorialbululu.com/producto/leo-o-pirata/

xoves, 12 de decembro de 2024

Beatriz Dourado. Premio Arume 2024

O Premio Arume de Poesía para a Infancia é un certame creado no 2001 por Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil. Fundación Xosé Neira Vilas e GÁLIX co patrocinio da empresa galega Deleite veñen convocando dende hai anos este premio que, neste ano 2024 ten como gañadora a poeta lucense Beatriz Dourado co seu poemario Latexos.

O xurado destacou o uso de recursos diversos como as onomatopeias, anáforas ou metáforas que constrúen un universo poético engaiolante para o público novo.

Na nosa biblioteca (433)

 


 

A Editorial Sushi Books achéganos estas novidades para a Biblioteca de GÁLIX:

  • Que é a guerra




Título: Que é a guerra  

Texto: Eduard Altarriba

Ilustración: Eduard Altarriba

Tradución: Moisés Barcia

Editorial: Sushi Books

Colección: Álbum
+ info: https://rinoceronte.gal/sushibooks/produto/que-e-a-guerra/

xoves, 5 de decembro de 2024