venres, 26 de febreiro de 2021

Día Internacional do Libro Infantil (DILI) 2021

 Como todos os anos dende 1967, o IBBY (International Board on Books for  Young People) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril, conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen


Cada ano encoméndase a unha sección nacional a elección do tema do día do libro infantil. Esa Sección, que no ano 2021 é EE.UU.,  convida a importantes profesionais da escrita e a ilustración do seu país a escribir unha mensaxe para a infancia do mundo e deseñar un cartaz que a represente. O cartel e a mensaxe, traducida a todas as linguas presentes na organización, difundirase a nivel internacional.

 


 

A OEPLI e GÁLIX, xunto co resto das seccións da OEPLI, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte promoven a celebración deste día. 

Bibliotecas escolares e públicas, librarías e outras entidades adoitan celebrar esta data organizando exposicións, encontros con autores/as e ilustradores/as, presentacións de libros e actividades diversas de lectura.

 

 

 

Tendes aquí acceso aos materiais para que poidades descargalos e usalos.   


xoves, 25 de febreiro de 2021

Noelia Candal Suárez. Un achegamento á situación do libro infantoxuvenil galego. (Xornadas GÁLIX. Desfacendo a Raia V)

Esté é o segundo vídeo que publicamos como parte da actividade formativa Xornadas GÁLIX. Desfacendo a Raia V. Un achegamento á situación do libro infantoxuvenil galego.

Noelia Candal Suárez, técnica da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, aceptou a nosa proposta e achegounos este vídeo coa súa análise da situación do libro infantoxuvenil galego dende a súa posición de bibliotecaria, mediadora e prescriptora de libros infantís e xuvenís en galego na cidade de Vigo.

 

martes, 23 de febreiro de 2021

Na nosa biblioteca (226)

A Editorial Rodeira fainos chegar estes libros, como doazón para a Biblioteca de GÁLIX:



  • Somnámbulos

  • Ben 

     

Título: Somnámbulos

Texto: Carlos Vila Sexto

Ilustracións: José Luis Ocaña

Editorial: Rodeira

Colección: Tucán
 

+ info: https://edebe.com/publicaciones-generales/libro-somnambulos=4940=5=99

 

 

 

Título: Ben
Texto: Care Santos

Tradución: María Jesús Gómez Sanjurjo

Editorial: Rodeira
Colección: Periscopio

+ info: https://edebe.com/publicaciones-generales/libro-ben=4941=5=4

luns, 22 de febreiro de 2021

Abraham Carreiro: Un achegamento á situación do libro infantoxuvenil galego. (Xornadas GÁLIX. Desfacendo a Raia V)

Como parte das Xornadas GÁLIX. Desfacendo a Raia V. Un achegamento á situación do libro infantoxuvenil galego, solicitamos a participación dalgunhas persoas de diferentes ámbitos dentro do sector do libro. Froito desta colaboración son os vídeos que iremos incorporando á nosa canle de YouTube.

Abraham Carreiro comparte a súa opinión neste primeiro vídeo.

 

Abraham Carreiro é un vigués formado en Barcelona onde cursou Artes Gráficas, logo especializouse en Ilustración e traballa, a día de hoxe, como debuxante, ilustrador, deseñador gráfico e escritor.

A súa dedicación á literatura infantil e xuvenil e o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas é patente en obras como:

  • O cazador de Cambodia (A Nosa Terra 2009)
  • Latcho Drom (A Nosa Terra 2009)
  • As espiñas do porco espiño (A Nosa Terra 2010)
  • Xoeliki: as aventuras dun ciberpirata (Sotelo Blanco, 2011)
  • Xoeliki: o grande apagamento (Sotelo Blanco, 2012)
  • Xoeliki: os ordenadores apagados (Moito conto, 2017)

Cómpre suliñar a experiencia crowdfunding Os estudios Tex. O mundo dos debuxos animados, un interesante proxecto editorial e didáctico para achegar o mundo dos debuxos animados ao lectorado máis novo.

O Papagaio, o xornal da xente miúda, é unha revista creada e dirixida por Abraham Carreiro na que colabora un magnífico equipo de creadoras e creadores, ten periodicidade mensual e abarca unha chea de temas de índole científica e cultural de xeito rigoroso e cunha linguaxe clara e divertida. Unha gran achega para as bibliotecas escolares e públicas, para as familias e, máis que nada, para a rapazada que precisaba de algo así, en galego.




luns, 15 de febreiro de 2021

A Xanela de GÁLIX. Miguel Vázquez Freire

Miguel Vázquez Freire

Perfil biográfico

Naceu en 1951 en Corcubión.

Estudou Filosofía e Letras nas universidades de Santiago de Compostela e Complutense de Madrid, licenciándose na especialidade de Filosofía. Exerceu como profesor de Filosofía. A súa traxectoria como docente non se limitou ao traballo na aula, senón que foi membro fundador da asociación de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e promotor do congreso de Pedagoxía da Imaxe Pé de Imaxe.

Comezou a traballar no eido da literatura para a infancia dirixindo unha revista infantil en Madrid, que inicialmente se ía chamar El Tobogán e acabou publicada en forma de libro co título xeral de Escocuentos.

Dirixiu a revista Golfiño e foi codirector da colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia.

Colaborou e colabora como crítico e comentarista de literatura infantil en diversas publicacións, como Fadamorgana (xa desaparecida), a Revista Galega de Educación (da que forma parte do Consello editorial), Cuadernos de Pedagogía, CLIJ, El Urogallo e nas páxinas culturais e educativas de La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Foi coautor dos textos educativos de Filosofía, da editorial Xerais, desde 1990 ao 2008, como membro do grupo de Didáctica da Filosofía Enxergo e Nexos.Tamén forma parte do Consello de redacción da revista Tempos Novos.

Nunha entrevista para Baía edicións, Vázquez Freire declara ter sido un lector compulsivo desde antes dos dez anos:

Limitareime a dicir que medrei emocionándome, coma tantos rapaces, coas novelas de aventuras de Dumas, Verne, Stevenson, Twain e H. G. Wells; fascinoume, sendo adolescente, a complexidade psicolóxica dos personaxes de Dostoievski e, un chisco tardiamente, os relatos e novelas de Jack London ao tempo que os clásicos da primeira ciencia ficción (Bradbury, Asimov, Clarke)”. (10/10/2014)
Defensor apaixonado do valor didáctico da literatura infantil e xuvenil, é autor dunha vasta produción literaria destinada a adultos, á infancia e á mocidade, ademais das traducións ao galego de varios escritores europeos, que abranguen tanto textos clásicos, como O discurso do método de Descartes, como narrativa para nenos e adolescentes de Alvaro de Magalhaes e autores de banda deseñada, como os belgas Maurice Tillieux, Peyo e Francois Walthery.

Compre salientar así mesmo a publicación dun amplo abano de ensaios que responden tanto ao seu labor como profesor de Filosofía, escribindo textos para estudantes de Bacharelato e C.O.U. como outros nos que aborda temas de interese xeral no eido da política, os valores sociais e os dereitos humanos.

No ensaio Da Carapuchiña ao señor Lamote (2019, Xerais) están recollidos unha serie de textos publicados como artigos na Revista Galega de Educación entre 2006 e 2008. Neste libro, subtitulado Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade, o autor fai un percorrido analítico por obras literarias que deberían formar parte da bagaxe literaria da mocidade e tamén dun lector adulto. Esta viaxe comeza coa Odisea, segue cos contos clásicos tradicionais, de autores como Perrault e Andersen, e continúa con novelas que orixinariamente non foron escritas para nenos como As viaxes de Gulliver, de Swift ou o Oliver Twist de Dickens, por citar só algunhas. Neste percorrido, o autor dá conta así mesmo das versións cinematográficas de moitos destes clásicos, facendo unha análise comparativa dos filmes e os textos literarios, suxerindo actividades didácticas, adecuadas á idade do alumnado, que faciliten a achega e a comprensión destas obras. Nas “Palabras de presentación” do libro Da Carapuchiña ao Señor Lamote o autor defende a vixencia dos clásicos, afirmando que “seguen mantendo a súa forza de comunicación e fascinación diante dos nenos e nenas e, para que esa forza e fascinación sobreviva sen eiva, cómpre respectar a palabra orixinal” (p. 12. 2019. Xerais).

O autor reivindica que “a literatura para os pequenos lectores debe ser literatura sen máis, garantindo ao tempo unhas mínimas condicións de accesibilidade acordes coas características deses destinatarios. Por iso, un bo libro para nenos debe ser un libro co que tamén poida gozar o lectorado adulto”. 10/10/ 2014/ (entrevista publicada en Baia edicións)

 

Publicacións

Literatura infantil e xuvenil

  • Proxecto pomba dourada (1987). Vía Láctea. Reeditado por Xerais, Col. Fóra de Xogo. 4ª ed. 2007.
  • O Gato Bógar (1989). Xerais. (Tres contos). Ilustracións de Asun Balzola.
  • A malvada María Xosé (1989). Xerais, Col. Merlín. Ilustracións de Xosé Mª Collazo.
  • A cor do elefante (1994). Casals. Ilustracións de Ángel Esteban.
  • Anxos en tempos de chuvia (1997). Xerais, Col. Fóra de xogo. Novela, incluída na Lista de Honra do IBBY.
  • O neno que tiña medo dos robots. O robot que tiña medo dos nenos (1998) (2007). Rodeira. Ilustracións de Xosé Tomás.
  • A primeira máquina de fotos (1998).
  • María é maior (2007). Baía. Ilustracións de Xosé Tomás.
  • Contos de Reis e de Nadal (2007). Xerais. Ilustracións de Xosé Tomás.
  • Xurxiño quere ser... (2010). Baía. Ilustracións de Xosé Tomás.
  • O souto escuro e perigoso (2011). Xerais, Col. Merlín. Ilustracións de Xosé Tomás.
  • Fadita fosca (2013). Baía. Ilustracións de Xosé Tomás.

Narrativa

  • Galería de esquecidos de Feliciano Lobelos (1993). Xerais
  • Demos de verán (2017). Xerais.

Poesía

  • Follas acaídas. Versos de ocasión (2013). Aflera D.L., Madrid.
  • Memoria de meu (2015). Aflera D.L., Madrid.
  • Cantos do despois (2020). Aflera D.L., Madrid.

Ensaio

  • Ilustradores galegos para nenos (1991). Xerais.
  • Marabillas e milagres de Álvaro Cunqueiro (1991). Xerais.
  • Nietzsche C.O.U. (1991). Xerais.
  • O Curriculum (1992). Xerais.
  • Qué é a reforma (1992). Xerais.
  • Iniciación á Estética 3º BUP (1993). Xerais.
  • Política e Sociedade 3º BUP (1993). Xerais.
  • Mandar, obedecer, rebelarse (1996). Xerais.
  • Estética e teatro (2005). Galaxia.
  • Valores sociais (2006). Nova Galicia. En Portugués: Os valores sociais (2008). Ciranda Cultural, Sao Paulo..
  • Dereitos humanos (2007). Nova Galicia. En Portugués: Os direitos humanos (2008). Ciranda Cultural, Sao Paulo.
  • Da Carapuchiña ao señor Lamote (2019). Xerais.

Traducións

  • A luva de tres dedos, de Maurice Tillieux (1990). Casals.
  • Descartes, de Xosé Calviño Pueyo (1990). Xerais.
  • O tío Plácido, de Peyo e Walthéry (1990). Casals.
  • Os taxis vermellos, de Peyo (1991). Casals.
  • O circo Bodoni, de Peyo (1991). Casals.
  • O home que non quería soñar. Historias pequenas de bichos pequenos, de Álvaro de Magalhaes (1995). Xerais.
  • O discurso do método, de René Descartes (2000). Xerais.
  • Arredor da verdade, de Guillermo Domínguez (2003). Xerais.

Galardóns

  • Premio Camiño de Santiago de Teatro de monicreques (1993), pola obra A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos, escrita en colaboración con Gloria Sánchez.
  • Anxos en tempos de chuvia (1997) Xerais. Novela, incluída na Lista de Honra do IBBY (International Board on Books for Young People.

Proximamente vai ser nomeado Socio de Honra de GALIX
ACCESO AO CUESTINARIO

 

Documentación: Teresa Pérez Tilve

domingo, 14 de febreiro de 2021

Premios do concurso do DILI 2020, "Un poema na túa voz"

 Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil 2020, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) convocou o concurso de lectura poética "Un poema na túa voz" para animar ás crianzas a ler e desfrutar da poesía en galego no seu tempo de lecer.

O certame contou, mesmo coas dificultades derivadas do andazo, con máis de 100 participantes nas categorías de:

  • Lectorado Incial (1º, 2º e 3º de Educación Primaria)
  • Lectorado Avanzado (4º, 5º e 6º de EP) e 
  • Superlectorado (1º e 2º de ESO).

Tiñamos previsto un acto de entrega de premios, con presenza de autoridades e lectura dos poemas; mais as circunstancias obrigáronnos a adiar unha e outra vez o evento ata que decidimos facer a entrega a distancia, deixando as celebracións para tempos máis favorables.

Trasladamos o noso agradecemento ás gañadoras e gañador do concurso pola súa paciencia e comprensión e reiteramos os nosos parabéns.

Premios do Concurso DILI 2020. "Un poema na túa voz" son:

 

  • Lectorado Inicial: Paula Cañás Freire, co poema Cantarolas dos nenos de Xosé Neira Vilas.



  • Lectorado Avanzado: Mencía Domínguez Iglesias, co poema O meu cuarto de Manuel María.

 

 

  • Superlectorado: Bruno Rodríguez Docobo, co poema O mar de Fran Alonso.


xoves, 4 de febreiro de 2021

Xornadas GALIX. Desfacendo a raia (V) Un achegamento á situación do libro infantoxuvenil galego.

 

O próximo luns, 8 de febreiro, en sesión de tarde (16.00 – 20.00) celébranse estas Xornadas coa colaboración do Consello da Cultura Galega.


 

Ante a imposibilidade de realizalas de forma presencial retransmitiranse en directo a través da canle de YouTube de GALIX. 

 

 

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (sección da OEPLI correspondente ao ámbito galego) ten entre as súas funcións recoller, promover, programar e executar iniciativas para a difusión do libro infantil e xuvenil galego. Por esta razón, faise necesario ter unha visión global da súa situación e, unha vez analizada, tentaranse aplicar as medidas necesarias para súa mellora.

Estas Xornadas, que recibiron axuda do Ministerio de Cultura e Deporte, estaban programadas a modo en encontro, no que poñentes e participantes reflexionaran conxuntamente no diagnóstico e intervención; de todas formas, tentarase recoller voces variadas que acheguen riqueza e diversidade ao debate.


Adaptándonos ás circunstancias e para dar comezo, contamos cun par de visións xerais (Manuel Bragado e Mª Jesús Fernández), e tres miradas sobre xéneros que non están tan representados na produción galega como son o libro informativo, a cargo de Xosé Ballesteros, editor de libros de coñecemento; o teatro, da man de Cándido Pazó, dramaturgo;  e a banda deseñada, para o que contamos con Kiko da Silva, autor de banda deseñada que ao tempo tamén a edita e dirixe unha escola especializada en cómic (O Garaxe Hermético).

Interesa dar a coñecer as fortalezas do libro infantil e apoiar aqueles xéneros que poden precisar dalgunha acción positiva. Porque, poñer o libro infantil galego no centro do debate, é o obxectivo da asociación. 


 

 


mércores, 3 de febreiro de 2021