O próximo luns, 8 de febreiro, en sesión de tarde (16.00 – 20.00) celébranse estas Xornadas coa colaboración do Consello da Cultura Galega.
Ante a imposibilidade de realizalas de forma presencial retransmitiranse en directo a través da canle de YouTube de GALIX.
A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil ten entre as súas funcións recoller, promover, programar e executar iniciativas para a difusión do libro infantil e xuvenil galego. Por esta razón, faise necesario ter unha visión global da súa situación e, unha vez analizada, tentaranse aplicar as medidas necesarias para súa mellora.
Estas Xornadas estaban programadas a modo en encontro, no que poñentes e participantes reflexionaran conxuntamente no diagnóstico e intervención; de todas formas, tentarase recoller voces variadas que acheguen riqueza e diversidade ao debate.
Adaptándonos ás circunstancias e para dar comezo, contamos cun par de visións xerais (Manuel Bragado e Mª Jesús Fernández), e tres miradas sobre xéneros que non están tan representados na produción galega como son o libro informativo, a cargo de Xosé Ballesteros, editor de libros de coñecemento; o teatro, da man de Cándido Pazó, dramaturgo; e a banda deseñada, para o que contamos con Kiko da Silva, autor de banda deseñada que ao tempo tamén a edita e dirixe unha escola especializada en cómic (O Garaxe Hermético).
Interesa dar a coñecer as fortalezas do libro infantil e apoiar aqueles xéneros que poden precisar dalgunha acción positiva. Porque, poñer o libro infantil galego no centro do debate, é o obxectivo da asociación.
0 comentarios:
[Comentario blog]