Marilar
Aleixandre (María Pilar Jiménez Aleixandre, Madrid, 1947)
Socia nº 141 de GÁLIX
Narradora,
poeta, feminista e algunha identidade máis
Marilar
Aleixandre ten a lingua gallada aínda que, segundo ela, non todos os
bichos con lingua bífida son perversos. Naceu en Madrid, nunha
maternidade na rúa O'Donnell na que roubaban criaturas, polo que non
está segura de ser quen é. As súas primeiras lembranzas son de
Ceuta, onde viviu até os sete anos, nunha casa con horta e unha
tartaruga, despois foi para Madrid, con moitos meses pasados na vila
cordobesa de Doña Mencía, onde nacera o seu pai. Por iso, na súa
páxina web http://marilar.gal,
di que ten saudades de todos os lugares onde viviu, do limoeiro de
lúa de Ceuta, de ir comer figos á alba co seu pai en Doña Mencía,
do Cine Club de Areneros, en Argüelles, onde viu por vez primeira
Freaks,
das mimosas en flor en xaneiro en Vigo, e dalgúns máis.
Desde
a adolescencia ten unha identidade escindida entre escritora e
naturalista. Estudou bioloxía a finais dos 60, participando na loita
clandestina contra o franquismo e facéndose feminista, ao tempo que
adquiría unha sólida formación en música de rock , folk e blues.
Quixo facer unha tese sobre serpentes da península ibérica, mais
por trastornos debidos á ditadura acabou iniciando unha sobre os
saltóns e ensinando entomoloxía na Universidade Complutense de
Madrid, cun contrato de 4 horas á semana. Mentres, para pagar o
alugueiro nun piso compartido, daba clase en colexios de secundaria:
o Sagrado Corazón de Rosales, un infame colexio de Entrevías, do
que a botaron por poñerse de parte das alumnas mais onde aprendeu
leccións imborrábeis, outro en Vallecas e unha academia masculina
en Argüelles onde tiña moito prestixio entre o alumnado por ser a
única profesora que chegaba en moto (era unha Derbi vermella). En
1973 o catedrático, Salvador, díxolle que nunca lle daría un
contrato a tempo completo porque as mulleres non investigaban;
daquela fixo as oposicións de instituto, chegou a Vigo, fíxose
galega e até hoxe. En Vigo ensinou trece anos no Instituto Castelao,
participou na Asociación de veciños do Calvario, na fundación das
primeiras asociacións feministas, e namorouse das Illas Cíes e de
Cabo Udra. Coautora dos primeiros textos de ciencias en galego,
acabou facendo unha tese sobre aprendizaxe da selección natural e
levando a contraria a Salvador, xa que é unha das investigadoras
europeas máis recoñecidas en didáctica das ciencias,
(https://scholar.google.com/citations?hl=es&user=p_gy4i4AAAAJ)
cun Ih de 43 e un artigo citado case 2000 veces. En 2019 recibiu o
premio da asociación estadounidense NARST
(https://www.publico.es/sociedad/marilar-aleixandre-veces-vemos-dilema-ensenar-ciencias-alumnado-siglo-xxi-estuviesemos-xviii.html)
o máis importante na didáctica das ciencias, polas súas
contribucións ao pensamento crítico.
 |
Fotografía de Miguel Taboada |
En
literatura, empezando polo final, en 2022 acadou o Premio nacional de
narrativa –primeira muller galega en recibilo– pola
novela As malas mulleres
(Galaxia, 2021), que antes recibira o
Blanco Amor. Nese ano 2021 publicou, con
María López Sández o ensaio Movendo
os marcos do patriarcado: O pensamento feminista de Emilia Pardo
Bazán (Galaxia). Talvez
por esa lingua partida a súa poesía está inzada de plantas
ventureiras (Desmentindo a primavera,
Xerais; e
Desescribindo, Apiario),
e animais rebeldes (Ovella descarreirada
Xerais, 2014). Acadou
premios de poesía, o Esquío 1998 por
Catálogo de velenos,
o Caixanova-PEN 2007 por Mudanzas,
reescrita feminista das Metamorfoses,
estes xunto con Abecedario de árbores
(2006), reeditados como Mudanzas e
outros velenos (Galaxia, 2017). A súa
narrativa recibiu outros premios: o Álvaro Cunqueiro 1997 (A
Compañía clandestina de contrapublicidade),
ou o Xerais 2001 por Teoría do caos.
Con todo, o que prefire escribir son
relatos, como os d'O coitelo en novembro
(Xerais
2010) ou Lobos
nas illas (Xerais, 1996; en castelán
Lobos en las islas,
Arde, 2022): coidado coas narradoras, non
se sabe quen é autora, quen personaxe.
Comezou
a súa andaina literaria na narrativa infantil e xuvenil –aínda
que ela non fai caso desas etiquetas– con A
formiga coxa, en 1989, acadando os
premios o Merlín e da Crítica, por A
expedición do Pacífico (1994),
un clásico que no seu momento foi acusado de contar a primeira regra
dunha rapaza –certo, por vez primeira na literatura galega–.
Despois virían, entre outros, O trasno
de Alqueidón (1996, Premio Rañolas),
A banda sen futuro (1999,
Premio Lazarillo), Paxaros de papel
(2001, Lista White Ravens); Herbalúa
(2006), A cabeza de Medusa (2008,
premios Caixa Galicia e White Ravens), sobre a violación social que
segue á física, ou A filla do
minotauro (2018, premio Raíña Lupa).
Tamén
é tradutora, por exemplo de Lewis Carroll, A caza do carbairán, ou
de J. K. Rowling, Harry
Potter e a pedra filosofal,
xa que considera que todo o que escribimos e parte do mesmo. En 2017
ingresou na Real Academia Galega co discurso Voces
termando da paisaxe galega
(https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/view/315/310/273).