Xullo
2022
Recomendamos
A
formiga fóra
do carreiro
de
Raquel Castro
As
fábulas forman parte do noso imaxinario colectivo e transmiten de
xeración en xeración os valores morais da sociedade. A da chicharra
e a formiga, sen dúbida unha das máis coñecidas, presenta desde a
primeira versión de Esopo, coas posteriores reelaboracións de La
Fontaine ou Samaniego, dous arquetipos antagónicos: a chicharra,
como modelo de conduta negativo —a preguiza, a ociosidade, a
imprevisión e a bohemia—, fronte á formiga, como referente
positivo —o traballo, o esforzo, a disciplina e o aforro—, se
ben noutros textos esta encarna tamén a avaricia e a rapina.

Mais
esta obra teatral de Raquel Castro está protagonizada por unha
formiga que rompe co estereotipo. Cansa de repetir todos os
días a mesma rutina de carrexar comida ata o formigueiro, despídese
das súas irmás, abandona o carreiro polo que todas xuntas
transitaban e disponse a iniciar unha viaxe en solitario na procura
dun porvir máis pracenteiro. “Quero ver mundo, viaxar, coñecer
xente nova, vivir experiencias”, afirma. No seu percorrido
pola Fraga dos Altos Carballos entra en
contacto con outros animais: unha araña que, como a malvada bruxa
dos contos, soña con engulir algunha presa incauta, unha
mosca aviadora sempre cruzando os ceos, as
irmás Pulguini, as pulgas máis famosas do Gran Circo das
Estrelas, e unha Eiruga transformista á espera do momento de mudar
en fermosa bolboreta. A todos eles expoñerá a formiga os seus
proxectos: “Fuxo do meu carreiro para atopar o meu
verdadeiro destino”. Grazas ao
consello da Eiruga —“O
teu destino está dentro de ti, só tes que deixalo saír”—
e á súa determinación, Formiga descubrirá que é o que máis lle
gusta, aquilo que a fai realmente feliz.
Esta
obra encantoume porque é unha peza divertida que, mediante uns
diálogos áxiles e
uns personaxes ben deseñados (as ilustracións de Ángela Álvarez
completan e enriquecen a súa personalidade), transmite unha
importante mensaxe, a mesma que expresa
a canción “A formiga no carreiro” de Zeca Afonso con que remata
ao acto primeiro: mudar o rumbo, non renunciar aos soños e loitar
por unha vida mellor son empeños fundamentais para acadar unha
existencia plena e venturosa.
Celia
Díaz Núñez
___________________________
GÁLIX
publica
cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para
a sección Este
libro encantoume
da
OEPLI.
Todos os meses poderás ver neste
blog as
recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web
da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos
lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar
coas
túas recomendacións, non dubides en nos
contactar.