xoves, 23 de abril de 2020

FELIZ DÍA DO LIBRO

Este ano que teremos que celebralo en confinamento convidámosvos a participar na proposta do IBBY de ler na noa lingua o  manifesto do Día Internacional do Libro Infantil  e compartilo nas vosas redes. 
Ademais, hoxe, autoras e autores de GÁLIX queren festexalo con toda a nosa xente dende as súas casas con Lecturas nómades, aloxadas na nosa canle de YouTube.

martes, 21 de abril de 2020

Día do Libro e Dereitos de Autoría 2020

Para celebrar o Día Mundial do Libro e Dereitos de Autoría, a UNESCO escolleu un día simbólico, a data na que finaron Miguel de Cervantes e William Shakespeare, 23 de abril.
Aínda nas actuais e excepcionais circunstancias nas que nos atopamos, a Asociación Galega do Libro Infantil (GÁLIX) non quere deixar de celebralo con todas as persoas grandes e pequenas que forman o lectorado galego e con esta intención propón sumarse ás dúas iniciativas do IBBY nas que poden participar persoas de todas as idades.
Animamos ás nenas e nenos que se retraten nestes días de confinamento para configurar unha exposición dixital formada polos retratos e sentimentos das nenas e nenos de todo o mundo nestes tempos de andazo e confinamento.
Como te atopas estes días? Como vives coas restricións? Fai un autorretrato e mándao escaneado para que apareza na galería dixital da exposición. Envía o teu debuxo e indica o teu nome, a túa idade e que fas o envío a través de GÁLIX (Galicia, España) ao enderezo electrónico: direktion@ijb.de.
Lectura do manifesto Fame de palabras
A xunta directiva de GÁLIX únese, con este vídeo, á iniciativa do IBBY na que propón a todas as súas seccións a lectura en rede  do manifesto do Día Internacional do Libro Infantil no seu idioma. Convidamos, logo, a todas as persoas socias de GÁLIX a gravar un vídeo lendo a tradución do manifesto deste ano, titulado “Fame de palabras”, redactado orixinalmente por Peter Svetina e ilustrado por Damijan Stepancic, e que o pendure nas redes sociais o Día do Libro (23 de abril) etiquetando a GÁLIX. A tradución ao galego foi realizada por Héctor Cajaraville.
A tradución está dispoñible na seguinte ligazón: http://www.galix.org/2020/03/2-de-abril-dia-internacional-do-libro.html

xoves, 9 de abril de 2020

I Premio Pinto e Maragota a través de correo electrónico

Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra vén de habilitar unha ligazón para facilitar, en tempos de confinamento, a presentación de obras á primeira edición do Premio Literario Pinto e Maragota a través de correo electrónico.
Comunicamos no seu momento a convocatoria da primeira edición deste premio, pensado para visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero, que está convocado polo Concello de Pontevedra en colaboración con Edicións Xerais de Galicia
Pódese acceder ás bases a través do blog de GÁLIX
Acceso á ligazón para presentar obras.

luns, 6 de abril de 2020

#euquedonacasa

#euquedonacasa é un conto de Ramón D. Veiga, ilustrado por Iván Erre para que os nenos e nenas da casa saiban que comprendemos o que están a pasar e acepten, na medida do posible, a necesidade de ficar na casa.
Protagonistas desta historia son, máis do que ningunha outra cousa, as vivencias e os sentimentos da cativada. 
Unha historia escrita e ilustrada para a rapazada e tamén para os maiores; para que as persoas maiores entendan como se senten os máis pequenos.
A iniciativa que está sendo moi ben acollida en redes e tamén recollida en Praza Pública e no no padlet de Gálix, Recursos con moita LIX para ficar na casa. Agradecemos aos autores a súa idea para axudarnos a ficar na casa en familia e por compartila nas redes accesible para todo o mundo.

sábado, 4 de abril de 2020

Lectura ilustrada do Principiño polo Día Internacional do Libro Infantil 2020.

No Día Internacional do Libro Infantil 2020 o noso Vicepresidente 1º, Antonio Seijas, agasallounos coa lectura ilustrada dunha parte do Principiño de Antoine de Saint-Exupéry que presentou dentro da iniciativa #YoLeoEnCasa que a OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil) e McDonal's para celebrar esta data.

FAME DE PALABRAS NO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2020

Adoitamos considerar o mes de abril como o mes da Literatura Infantil; a partir da conmemoración, o día 2 deste mes, da data de nacemento de Andersen as bibliotecas escolares e públicas énchense de actividades ao redor do libro e da literatura.
Neste malfadado ano 2020, as escolas e as bibliotecas están baleiras e as nenas e nenos teñen FAME DE PALABRAS.
Aproveitemos, como aconsella Héctor Cajaraville neste vídeo gravado para o programa A REVISTA da TVG, para ler en galego en familia.



FAME DE PALABRAS é tamén a proposta da Asesoría de bibliotecas escolares en Twitter que convida a lles enviar unha palabra xunto á portada do libro á que pertence.

 

Ler e recitar poesía infantil en galego para o concurso "Un poema na túa voz" é o convite de GÁLIX para este mes de abril.
Aulas Galegas convocan o concurso de narrativa sonora Ouvea o Lobo. Iniciativa para promocionar a escritura e o desenvolvemento do talento e a ficción sonora como xénero, na que colaboran artistas e promotores culturais galegos, Fundación Luis Seoane e o Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT), e o Festival Internacional de Narración Oral Atlántica




Recollemos no padlet, RECURSOS CON MOITA LIX PARA FICAR NA CASA, outras moitas iniciativas solidarias para ler e ocupar o tempo das crianzas con actividades creativas, educativas e de calidade

venres, 3 de abril de 2020

QUERO SAÍR! Un conto para ficar na casa

Quero saír! é un conto que Nico Ordozgoiti e Cova Díaz publicaron no Twitter para axudar a convencer  ás nenas e nenos de que teñen que ficar na casa. É natural que estas persoíñas pequechas se sintan desconcertadas, mesmo encabuxadas co que pode parecer unha inxusta imposición das persoas maiores. Por iso e para axudarnos a explicarlles cal é a situación, o perigo, e que temos que facer para vencelo co noso SUPERPODER, Nico e Cova publicaron esta historia na rede.
GÁLIX quere colaborar coa difusión desta iniciativa entre as familias e a rapazada de Galicia, compartindo a tradución ao galego de Héctor Cajaraville.


xoves, 2 de abril de 2020

FELIZ DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Celebramos hoxe o Día Internacional do Libro Infantil, conmemorando a data de nacemento do escritor Hans Christian Andersen
Con motivo desta celebración, en tempos de confinamento, multiplícanse as mensaxes na rede como este vídeo que nos remite a escritora, socia de GÁLIX, Fina Casalderrey.



Este vídeo é un dos que publica hoxe, a Secretaría Xeral de
Política Lingüística, para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil 2020, e que poderedes atopar na súa canle co portelo #aculturasegue LIX 2020.

 
Pola súa parte GÁLIX convídavos, con ocasión deste día, a compartir connosco en Instagram o voso conto preferido de Andersen en galego.