xoves, 27 de xuño de 2019

Na nosa biblioteca (166)

Doazón de Sushi Books para a biblioteca de GÁLIX:


Título: O niño
Texto: Kenneth Oppel
Ilustracións: Jon Klassen
Tradución: Moisés Barcia ; revisión, Estela Villar
Editorial: Sushi Books




 
En Caderno da crítica, novidade:
https://cadernodacritica.wordpress.com/2019/06/22/novidade-172-o-nino-de-kenneth-oppel/

Podes ver unha mostra do libro nesta ligazón.

martes, 25 de xuño de 2019

Na nosa biblioteca (165)

Recibimos como doazón, enviado por Ed. Xerais para a biblioteca de GÁLIX, as seguintes novidades:
Dragal V. O segredo do dragón de Elena Gallego Abad
Penumbra de Daniel Landesa
Aprende banda deseñada con Fiz de Kiko da Silva
A nena, o monstro e o mar de Teresa González Costa
Título: Dragal V. O Segredo do dragón
Texto: Elena Gallego Abad
Ilustracións:[cuberta] Miguel Abad
Editorial: Xerais de Galicia
Colección: Fóra de xogo
 
Título: Penumbra
Texto: Daniel Landesa
Ilustracións: [cuberta] David Sierra
Editorial: Xerais de Galicia
Colección: Fóra de xogo

Título: A nena, o monstro e o mar : unha historia de Leopolda Diéguez
Texto: Teresa González Costa
Ilustracións: Martín Romero
Editorial: Xerais de Galicia
Colección: Sopa de libros. A partir de 8 anos
Título: Aprende banda deseñada con Fiz, o neno máis porco do mundo
Texto e Ilustracións : Kiko da Silva
Limiar: Álvaro Pons
Editorial: Xerais de Galicia
Colección: Cómics

luns, 24 de xuño de 2019

Revista Platero nº 221

Recibimos na biblioteca de GÁLIX o Nº221 (maio - xuño 2019) da revista de literatura infantil – juvenil Platero, publicación bimensual do Seminario de Literatura Infantil y Juvenil, Animación a la lectura y Bibliotecas Escolares. Centro de Profesores y Recursos de Oviedo.
Artigos que podedes atopar neste número, que se pode descargar en formato dixital.
  • Recomendacións lectoras para profesionais:
"Historia crítica de la Literatura Infantil y Juvenil en la España actual (1939-2015)". / Jaime García Padrino. - Ed. Marcial Pons, 2018
"Lo que mis alumnos me enseñaron : reflexiones sobre la docencia". Carmen Guaita. - Ed. PPC, 2018
"Leer y escribir en la escuela del XIX : prensa pedagógica y Didáctica de la lengua" . [Antoloxía de artigos editados na prensa profesional da época]. - Ed. Biblioteca nueva, 2018
"Los pedagogos : ensayo histórico sobre la utopía pedagógica" /Jean de Viguerie.- Ed. Encuentro, 2019
 

xoves, 20 de xuño de 2019

Cambios na Secretaría de IBBY


Deixa a IBBY Luzmaria Stauffenegger, unha persoa de orixe iberoamericano e de fala en español, que foi unha gran axuda para toda a OEPLI
 
A mexicana Luzmaria Stauffenegger-Lobato leva moitos anos residindo en Basilea, onde colaborou como deseñadora e realizou diversas tarefas administrativas en Stauffenegger+ Stutz.
En 2008 foi voluntaria na biblioteca intercultural JUKIBU e no ano seguinte participou no panel de lectura do Fondo de libros infantís Baobab para o proxecto Fremde Welten (outros mundos). Uniuse a IBBY como asistente administrativa en xaneiro de 2011.
Nos últimos nove anos Luzmaria Stauffenegger traballou na Secretaría IBBY de Basilea.
E agora decidiu que é hora de asumir novos retos noutro traballo e comunica que deixa o secretariado da organización.
Desexámoslle moito éxito e felicidade nesta nova andaina.

martes, 18 de xuño de 2019

Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade

Guía de lectura infantil e xuvenil para a igualdade
Esta guía ofrece unha selección de libros publicados nos anos 2014, 2015 e 2016, distribuídos en tres tramos en función da idade ou competencia lectora. As obras escollidas alentan a reflexión e o debate sobre o papel da muller na sociedade ou o concepto de xénero e aportan referentes necesarios de mulleres, de novas masculinidades e diversidade de opcións sexuais.

Pilar Sampedro, coñecida experta en Literatura Infantil e Xuvenil e Vicepresidenta de GÁLIX, coordinou o equipo que elaborou esta guía, formafo por:
  • M.ª Dolores Tobío Iglesias
  • M.ª Isabel Serantes Gómez
  • Pilar Sampedro Martínez
  • Atenea Ruibal Durán
  • Maruxa Caamaño Varela (GÁLIX)


Algúns parágrafos da presentación de Pilar Sampedro son o máis axeitado para definir este documento:
“A literatura infantil e xuvenil galega é unha manifestación artística de éxito que en menos dun século de vida se colocou ao nivel das literaturas que corresponden ás lingua normalizadas na nosa contorna. A súa calidade está fóra de toda dúbida, como o demostran os premios acadados fóra de Galicia e a tradución dos nosos libros a outras linguas.”
“GÁLIX agradece a oportunidade que a Secretaria Xeral de Igualdade lle ofrece para colaborar na elaboración deste recurso, poñéndoo nas mans das familias, profesorado, persoas bibliotecarias e outros axentes que posibiliten unha nova mirada no camiño da igualdade.”
 ACCESO AO DOCUMENTO


xoves, 13 de xuño de 2019

Entrega de premios do concurso SELFIE-LIX

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e Xosé Antonio Perozo, presidente de GÁLIX, participaron este mércores, 12 de xuño, no acto de entrega de premios do concurso Selfie LIX de Galicia convocado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), sección galega da Oepli.
O acto celebrouse na biblioteca o Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, onde fomos recibidos polo seu director Xulio Noia e pola monitora da biblioteca Medea Santiago. As rapazas integrantes do club de lectura infantil foron as encargadas de nos dar a benvida e presentar o acto.
O premiado na categoría de primeiros lectores (de 1º a 3º de Primaria) foi Oriol de la Fuente Rial, que participou a través da Biblioteca Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo (Santiago), cunha representación do libro “Axente Riciños”.


O premio dos lectores avanzados (de 4º a 6º de Primaria), foi para Mara López Rivera, do CEIP Virxe do Carme de Sober (Lugo), cun selfie sobre “O soño do merlo branco”.
 O gañador na categoría de Súper Lectores foi Joel Covelo Gallego, do IES Carlos Casares de Vigo, cunha foto que representa unha das ilustracións do libro “O misterio do faro vello.


Para dar cumprido remate ao acto Flora Grande, responsable da biblioteca escolar do CEIP Virxe do Carme de Sober dixo unhas palabras en nome das bibliotecas premiadas e o grupo de pandereteiras do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre agasallounos cun para de pezas.

mércores, 12 de xuño de 2019

Convocada a V edición do Premio Nortear



O Premio Literario Nortear Novos Escritores Norte de Portugal-Galicia é unha iniciativa conxunta da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e mais a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT).
O certame de relato curto en lingua galega ou portuguesa, está dirixido persoas de entre 16 e 36 anos e pretende incentivar a creatividade literaria entre as persoas máis novas, residentes en Galicia e no Norte de Portugal e fomentar a circulación e distribuición de obras literarias alén das fronteiras

luns, 10 de xuño de 2019

Rosa Aneiros e Emma Pedreira, premios LIX de Xerais 2019

O pasado sábado, 8 de xuño, déronse a coñecer os Premios Xerais do ano 2019, dotados con 10.000 euros cada un. 
 
Rosa Aneiros é a gañadora do XXIV Premio Merlín de Literatura Infantil coa obra “Xelís, o guieiro das botellas de mar”. De entre as 28 obras presentadas, o xurado valorou o ser un texto de doada lectura, escrita nun galego de gran riqueza léxica; tamén o tema, centrado na crise ecolóxica e da contaminación do plástico; e destacou a excepcional construción dun universo propio, habitado por personaxes entre o fantástico e o real.
 














O XI Premio Jules Verne de Literatura Infantil foi para Emma Pedreira, membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega, pola obra titulada “Os corpos invisibles” que destacou entre as 20 presentadas polo seu firme feminismo e a orixinalidade no desenvolvemento da trama.

Máis información:

sábado, 8 de xuño de 2019

XII PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO



A autora e ilustradora húngara Mariann Máray, ilustradora de libros para público infantil e seleccionada para a Bienal de Ilustración de Bratislava e a mostra de ilustración da Feira
Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña,   gañou o XII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado coa obra “O can de Mimo”.

Entre 300 traballos procedentes de 24 países, o xurado escolleu "O can de Mimo” pola coherencia do seu discurso narrativo, tanto textual como gráfico e suliña a atrevida aposta plástica de estética naif.  Da obra finalista, “Atrapamiradas”, Marina Núñez Monterroso e Avi Ofer, destacou o humor e a actualidade da temática
A editorial KALANDRAKA publicará a obra de Mariann Máray en novembro deste ano



xoves, 6 de xuño de 2019

Este libro encantoume (xuño 2019)

XUÑO 2019



É este un conto para o deleite dos sentidos. Só os que estiveron nun zoco árabe como o da cidade siria de Alepo, ou calquera outro, saben do bulir incesante de sensacións que se perciben. Só os que pasearon por esas prazas e rúas puideron sentir o verdadeiro pálpito da vida. Alí, en ese escenario, onde tampouco falta a música, nin os buscadores de palabras, “que apañan contos como outros cereixas”, nin os narradores e narradoras, que engalanan as palabras e as lanzan ao ceo como se de cometas se tratase, sitúanos Marilar Aleixandre da man de Antoine Galland, personaxe real, orientalista francés do século XVIII, disposto a escoitar o conto clásico de Alí Babá.

    As palabras en lingua galega escollidas pola autora, que parecen estar cosidas con fíos de seda, van recreando unha trama coñecida, que a pesares diso, non perde interese nin intensidade, senón máis ben o contrario, acrecentan a nosa curiosidade. Do mesmo xeito, e de forma simultánea sentímonos seducidos polo personaxe de Morxiana, muller feiticeira e intelixente que non dubida en empregar todas as súas armas para enfrontarse aos bandidos e vencelos. Ela é a verdadeira protagonista da historia. Unha escrava que sirve na casa de Alí Babá e que rachará coas leis do seu destino. A mirada feminina queda abertamente manifesta dende o momento que Marilar Aleixandre inclúe o nome de Morxiana no título do conto. Unha maneira de visibilizar e facer xustiza a tantos anos de silencio.
    Tampouco faltan na historia chiscadelas alusivas ao tempo actual: aos banqueiros, á venta de petróleo... que denotan que os tempos non evolucionaron tanto como, talvez, pensamos.
    Desfrutamos desta lectura do conto tradicional, que non varía a trama, nin os personaxes, pero que aporta un estilo de narrar suxestivo desde a mirada de hoxe e cunha perspectiva de xénero necesaria para poñer en valor o papel dunha muller, Morxiana, no lugar que sempre lle correspondeu.
Dolores Tobío Iglesias



Mestre das viaxes imaxinarias, Xabier P. Docampo

Este martes 4 de xuño de 2019, na Biblioteca Pública Ánxel Casal dedicamos o día á lectura dos textos de Xabier P. Docampo, porque tal como nos dixo Pilar Sampedro, organizadora do evento: "A lectura, e máis na nosa lingua, é sempre un acto de resistencia e identidade, por eso o mellor recoñecemento para un escritor tan comprometido é lelo".

As súas amistades e os seus lectores e lectoras, admiradores todos da obra e a persoa de Xabier P. Docampo, enchemos, dende as 10 da maña ás 9 da noite, o salón de actos da biblioteca no emotivo recoñecemento ao Mestre das Viaxes Imaxinarias, o fermoso título que Héctor Cajaraville pensou para a homenaxe.

Pola mañá participaron no acto os centros escolares composteláns. Durante todo o día centos de persoas, a título individual ou como representantes de diversos colectivos, achegáronse para poñer voz ás palabras de Xabier. Chus Fernández, amiga, crítica e máxima coñecedora da súa obra agasallounos cunha fermosa charla titulada Xabier P. Docampo, o escritor. Tradición e modernidade. Para rematar o acto Xosé Antonio Perozo, presidente de GÁLIX, fíxolle entrega á familia, da figura conmemorativa de Socio de Honra que se lle concedera en 2018 e que non se lle puido entregar no seu momento.
As fotos do acto están en:  https://photos.app.goo.gl/v1XTfAcDCG5r8GGPA