xoves, 25 de maio de 2017

Velaquí as gañadoras galegas do concurso do DILI 2017 Andersen Hoxe


Como ben sabedes, con motivo do Día Internacional do Libro Infantil a OEPLI e as súas seccións, entre as que se inclúe GÁLIX, convocan un concurso no que poden participar nenos e nenas dende os seus colexios e bibliotecas.

Este ano, o concurso chamouse Andersen Hoxe e os participantes debían debuxar como sería un personaxe da obra de Andersen se a súa historia fose escrita na actualidade.

Na nosa sección, as gañadoras foron:

PRIMEIROS LECTORES


Cristina Garrido Vázquez. Biblioteca Pública Municipal “Os Templarios”.Cambre (A Coruña)

LECTORES AVANZADOS


Ángela Fontecoba Fernández. Biblioteca Pública Municipal “Os Templarios”. Cambre (A Coruña)

SUPERLECTORES


Katia Tojo Soto. B.P. Ánxel Casal. Santiago de Compostela (A Coruña).

Noraboa ás tres! Pronto poñeremos data para a entrega de premios, seguídenos para non perder detalle ;)


luns, 22 de maio de 2017

Gañadores e gañadoras da Gala do Libro Galego 2017


O mes pasado dabamos a coñecer as obras e persoas finalista da Gala do Libro Galego 2017 nesta nova.

Este sábado celebrouse a gran gala das nosas letras no Teatro Principal de Santiago de Compostela. GÁLIX estivo presente, representada por varios membros da nosa directiva mais dende aquí queremos reiterar o noso aplauso ás persoas gañadoras e recoñecidas nestes premios.

Velaquí os gañadores e as gañadoras no ámbito da LIX e da ilustración:

Literatura Infantil e Xuvenil


Libro Ilustrado

Teatro
Felicitamos de novo tamén á nosa secretaria Antía Marante, parte do grupo que fai posible A Sega, iniciativa gañadora do premio á mellor iniciativa literaria na rede.

Podes ver a gala completa neste enlace.

mércores, 17 de maio de 2017

Letras Galegas 2017 - Carlos Casares

Imaxe de cultura.gal


Hoxe, no noso día, o día das Letras Galegas, lembramos ao gran Carlos Casares.

Son moitas as actividades, actos e publicacións que ven a luz co gallo deste día, como a reedición da súa única peza teatral, o libro Onde vai Carlos?, de Xosé A. Perozo e con ilustracións de Antonio Seijas que se poderá conseguir hoxe cos diarios La Región e El Progreso e multitude de obradoiros e iniciativas dende os colexios, editoriais, etc.

Nós deixámosvos cunha achega á súa bibliografía de LIX. 

Descubride máis de Carlos Casares aquí!


BIBLIOGRAFÍA DE CARLOS CASARES

Literatura infantil

Literatura infantil traducida a outras linguas

O can Rin e o lobo Crispín (1983)
  • El perro Rin y el lobo Crispín [Mª Victoria Moreno], Barcelona, La Galera, 1983. [Outra edición en Madrid, Hyspamérica, 1985].
  • El gos Tupí i el llop Crispí [Ángel Serra Costa], Barcelona, La Galera, 1987.
  • Rin eta Krixpin [Joxantonio Ormazabal], Barcelona, La Galera, 1983. [Outra edición en San Sebastián, Elkar. 1986].
  • Toupi ar c’hi ha Krispi ar bleiz: marvailh [Beatris Jouin], Kemper, Kerdrezeg, 1989.
  • Su cane Rubino e su lupu Crispinu [Diegu Corraine], Nuoro, Papiros. 1989.
Lolo anda en biclicleta (1996)
  • La bicicleta de Lolo [Avel·lí Llinac], Bromera, Alzira, 1996. [Valencián; outra edición en Valencia, Tàndem, 1996].
  • Lolo va en bicicleta [Jordi Vidal], Barcelona, La Galera, 1996. [Catalán].
  • Lolo anda en bicicleta [Blanca Cassany], Barcelona, La Galera, 1998 [Catalán; outra edición en Valencia, Tándem, 1996].
  • Lolo bizikletan dabil [Joxantonio Ormazabal], San Sebastián, Elkar, 1996.

Traduccións de Casares dende outras linguas (Literatura Infantil e Xuvenil)
  • Le petit prince, de A. de Saint Exupéry > O principiño, Vigo, Galaxia, 1972 [14ª ed., 2010].
  • Tordyvlen flyger i skymningen, de M. Gripe > Os escarabellos voan á tardiña, Vigo, Galaxia, 1989.
  • The Old Man and the Sea, de E. Hemingway > O vello e o mar, Vigo, Galaxia, 1999.
  • Doménica, de Gonzalo Torrente Ballester, Madrid, Espasa Calpe / Madrid, Espasa Calpe, 1999.


luns, 15 de maio de 2017

Na nosa biblioteca (54)

Unha nova e prezada adición á nosa biblioteca é este libro tan especial. Non se trata neste caso dun libro infantil ou xuvenil, senón dunha autobiografía: a de Jella Lepman, creadora da Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic, fundadora de IBBY e promotora do premio Hans Christian Andersen.

Engadímolo ás nosas novidades por tratarse dun referente e libro moi especial para nós.

Este libro editouse en alemán en 1964 e en 1969 en inglés, pero esta é a súa primeira edición en español. A conferencia de Ortega y Gasset que o acompaña tampouco se publicara ata o de agora.



Título: Un puente de libros infantiles
Texto: Jella Lepman
Tradución: Augusto Gely
Editorial: Creotz
Colección: Velda Autoras

Prólogo de Wally De Doncker, presidente de IBBY.
Epílogo de Christiane Raabe, directora  da Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnich.
Inclúe:"La paradoja de la pedagogía y el ideal de una educación creadora de mitos" de José Ortega y Gasset.  (Conferencia sobre literatura e educación, leída en Múnic, 1951)



luns, 8 de maio de 2017

Na nosa biblioteca (53)


Máis novidades! Desta volta, da man de Kalandraka:


Título: Ernesto e Celestina, músicos da rúa
Texto e Ilustracións: Gabrielle Vincent
Tradución: Tamara Andrés
Editorial: Kalandraka
Colección: Tras os montes
Reseña literaria en Trafegando Ronseis

Título: Venezia
Texto e Ilustracións: David Pintor
Editorial: Kalandraka
Colección: Cadernos de viaxe


Título: Minilibros Imperdibles 1
Texto e Ilustracións: VV.AA.
Editorial: Kalandraka
Colección: Imperdibles


Título: Minilibros Imperdibles 2
Texto e Ilustracións: VV.AA.
Editorial: Kalandraka
Colección: Imperdibles


Texto e Ilustracións: Leo Lionni (1910-1999)
Tradución: Xosé Manuel González "Oli"
Editorial: Kalandraka
Colección: Tras os montes


Texto: Virginie Aladjidi
Ilustracións: Enmanuelle Tchoukriel
Tradución: Fernando Moreiras
Editorial: Kalandraka
Colección: Inventarios ilustrados


Na nosa biblioteca (52)

Novas obras recibidas como doazón á nosa biblioteca:


Título: Periplo Atlántico: unha versión moi libre de "O negriño Panchito" de Alfonso R. Castelao
Texto: Enrique Mauricio e Carlos Taboada (Polo correo do vento)
Ilustracións: Carlos Taboada
Editorial: Lela Edicións
Data edición: Decembro 2016


Título: Un ronsel de ardora: pequena biografía de Ángeles Alvariño
Textos e Ilustracións: Enrique Mauricio e Carlos Taboada (Polo correo do vento)
Corrección: Miguel Montpellier
Editorial: Lela Edicións
Data edición: Outubro 2016
Colección: Mulleres galegas, 1


Título: Meiga nova, metade anxo metade marisco: pequena biografía de Maruja Mallo
Texto e Ilustracións: Enrique Mauricio e Carlos Taboada (Polo correo do vento)
Corrección: Miguel Montpellier
Editorial: Lela Edicións
Data edición: Abril 2017
Colección: Mulleres galegas, 2

venres, 5 de maio de 2017

Na nosa biblioteca (51)


Novidades de Xerais na nosa biblioteca



Título: A boca do inferno: un misterio para Tintimán en Ourense
Texto: Jaureguizar
Ilustracións: José Matalobos
Editorial: Xerais
Colección: Tintimán, 5


Título: A cazadora de estrelas
Texto: María Canosa
Ilustracións: Dani Padrón
Editorial: Xerais
Colección: Merlín. Verde (de 9 anos en diante)

Finalista Premio Merlín de Literatura Infantil 2015 e 2016
Reseña literaria en Trafegando ronseis


Título: Debaixo dun parasol
Texto: Azucena Arias Correa
Ilustracións: Ignacio Hernández
Editorial: Xerais
Colección:Merlín. Verde (de 9 anos en diante)


Título: Avións de papel
Texto: Xavier Estévez
Ilustracións: Marcos Viso
Editorial: Xerais
Colección: Merlín. Laranxa (de 11 anos en diante)

Este libro presentarase o día 20 de maio en Vigo

Título: Reckless. O fío de ouro
Texto e Ilustracións: Cornelia Funke
Tradución: (do alemán) María Alonso Seisdedos
Editorial: Xerais
Colección: Milmanda


Título: Catálogo de lecturas xuvenís
Editorial: Xerais
*Este catálogo pode consultarse ou descargarse en pdf desde a web de Xerais. O catálogo ofrece unha selección de títulos das diversas coleccións de Xerais de literatura xuvenil organizados tematicamente.

xoves, 4 de maio de 2017

IV Premio de Álbum Infantil Ilustrado Ciutat de Benicarló


Onada Ediciones infórmanos da apertura do prazo do IV Premio de Álbum Infantil Ilustrado "Ciutat de Benicarló" que convoca o concello desta vila en colaboración coa editorial Onada.

O prazo de presentación de obras está aberto ata o 15 de xuño. Nel, acéptanse proxectos de obras ilustradas escritas en valenciano/catalán, castelán ou inglés, nun formato de 210 x 210 mm, ata 32 páginas. Este premio está dotado con 5.000 euros.

Bota un ollo ás bases para máis información.

mércores, 3 de maio de 2017

Na nosa biblioteca (50)



Dende o Salón do Libro envíannos a obra elaborada para a edición de 2017 por Antonio Manuel Fraga:


Título: Escaquis e Romeu
Texto: Antonio Manuel Fraga
Ilustracións: Jacobo Fernández Serrano
Editorial: Pazo de Cultura de Pontevedra

Máis infoReseña no Blog da BPM de Pazos de Borbén


martes, 2 de maio de 2017

Este libro encantoume (maio 2017)


MAIO, 2017

Recomendamos: Poemar o Mar, de Antonio García Teijeiro
Poemar o mar completa a triloxía das obras poéticas dirixidas ao público infantil que Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) lle dedica ao mar, logo de En la cuna del mar (Ed. Creotz, 2015; ilustrado por Xosé Cobas) e Palabras do mar (Ed. Embora, 2015; ilustrado por Xosé Tomás).
García Teijeiro móvese como peixe na auga (nunca mellor dito) no difícil xénero da poesía para nenos e nenas, ao que se leva dedicando arredor de tres décadas. Nesta ocasión preséntanos un mar no que todo é posible, un mar que soña, que sabe sumar pero non restar, que estraña o que non ten e borra o que lle sobra, que escribe poemas coas ondas na area e por cuxo interior corren ríos de auga doce, un mar que se marea coas ondas que o mexen e ten que tomar pílulas de algas para se curar.
En Poemar o mar os personaxes reais alternan no protagonismo cos lendarios ou os fantásticos, e así atopamos capitáns de barco, veleiros, sereas, gaivotas e andoriñas, piratas, nenos mariñeiros… como elementos centrais de cada un dos poemas, nos que se pasa tamén da forza evocadora do imaxinario («Eu gardo no meu armario / diversas clases de mares: / uns, con ondas amarelas / ou sen elas, /quen o sabe!») á contundencia do descritivo («Escoitades? / Ronca o mar / alá moi lonxe / e as gaivotas voan tolas / pola liña do horizonte»), ou mesmo á mensaxe reivindicativa ou de denuncia («O mar / anda murcho / e teme dicir / que o lixo dos homes / o quere ferir»).
Xogos léxicos («Ten só tres letras / o MAR / mais se lle damos / un bico / medra / sorrí / e aparece / o verbo aMAR») e conceptuais («Os ollos das nenas / reflíctense no mar. / Neles míranse, presumidos / moitos peixes»), repeticións («Danzar co MAR / Brincar co MAR / Bicar o MAR / Calar sen MAR / Chegar ao MAR / Voltar do MAR / Amar o MAR […]»), pareados («[…] quere flores / de colores / quere rosas / olorosas / quere ovellas / sen orellas / quere gatos / con zapatos / quere festas / con orquestras […]»), versos encadeados («Gaivotas no mar: veleiros. / Veleiros no mar: escumas. / Escumas no mar: fervenzas. / Fervenzas no mar: a chuvia») e outro tipo de repeticións («Do / re / mi / fa / mar / eu non sei nadar […] si / fa /sol / re / mar / sabedes vogar?»), creacións léxicas («Atopei / unha palabra / que rima / co sorriso do mar: / sorrimar»)… son algúns dos recursos formais dos que se serve o autor para darlle forma a este libro, no que tamén atopamos estruturas recoñecibles como os haikus («Métese o mar / no peto dunha noite / chea de estrelas») ou fórmulas próximas á greguería («Cando lle dixeron ao mar / que tiña a tensión alta, / quixo deixar o sal / e converteuse nun estanque»).
O mar de Poemar o mar preséntase como un espazo máxico no que as palabras baten en nós coa cadencia, a perseveranza e a intensidade das ondas. Ademais, nas setenta páxinas do libro podemos encontrar máis de trinta ilustracións de Xan López Domínguez, practicamente unha por cada poema, todas elas dotadas do mesmo onirismo e da mesma forza expresiva que a parte textual.
En definitiva, unha suxestiva proposta tras a que, cando rematemos a singradura, arribaremos a porto co cabelo despeiteado polo vento mareiro e cun intenso sabor a salgado nos beizos.
Héctor Cajaraville
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.

luns, 1 de maio de 2017

I Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade


O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o concello de Vilalba, coa colaboración de Edicións Xerais de Galicia promoven o recén creado Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade.

Poderán concorrer a este premio todas as persoas que presenten narracións inéditas en lingua galega dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade, etc. O autor ou autora da obra gañadora, que será publicada por Xerais en 2018, recibirá 3.000 €.

O prazo de presentación do orixinais ábrese o 23 de abril, Día Internacional do Libro, e péchase o 12 de xullo de 2017, coincidindo co primeiro cabodano do pasamento de Agustín Fernández Paz. O xurado emitirá o seu ditame no mes de outubro.

As bases en pdf poden descargarse aquí.