mércores, 19 de outubro de 2016

24 de outubro Día da Biblioteca


Por iniciativa da Asociación Española de Amigos del lIbro Infantil y Juvenil, desde 1997, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, celébrase o Día da Biblioteca, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento á labor dos/as bilbiotecarios/as.

Este ano, as autoras selecionadas para a redacción do pregón e o deseño do cartel que se difunde foron as gañadoras do Premio Nacional 2015, Ledicia Costas e Elena Odriozola.

Celebra con nós o Día da Biblioteca!

Velaquí o texto de Ledicia na súa versión galega.

Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 

Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 

Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:

—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?

Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!

Ledicia Costas



martes, 18 de outubro de 2016

Presentación de A Árbore da Escola en Moito Conto, A Coruña



Mañá, mércores 19 de outubro, Antonio Sandoval presentará a súa nova obra, A árbore da escola. Será na libraría Moito Conto da Coruña a partir das 19:00 horas.

Trátase dun álbum infantil, ilustrado polo Premio Nacional Emilio Urberuaga, que conta a relación entre un neno e unha pequena árbore que vai medrando no patio do colexio grazas ao agarimo que recibe do rapaz e ao afecto doutros compañeiros que seguen o seu exemplo.

A presentación, dirixida a público infantil e familiar, contará coa colaboración do músico Paco Nogueiras.

Máis información do evento en Facebook aquí //
Entrevista a Antonio Sandoval no programa ZigZag da TVG aquí 

Recencións: Brabádegos / Trafegando Ronseis / Caderno da Crítica


Teño uns pés perfectos entra na selección White Ravens 2016


O libro Teño uns pés perfectos: un libro para ler cos pés descalzos, de María Solar e publicado por Kalandraka, vén de ser incluído na selección The White Ravens 2016 pola Internationale Jugendbibliothek de Munich, que elixiu 200 obras de 60 países para formar parte desta prestixiosa escolma dos mellores libros infantís e xuvenís.

Con este recoñecemento, o galego é unha das 42 linguas representadas en The White Ravens 2016, cuxo comité de selección destacou que María Solar aborda nesta obra un aspecto tan “novidoso e inusual” como os pés, dando como resultado un libro “informativo e entretido”.
Le máis sobre esta nova aquí.

Parabéns, María!

luns, 17 de outubro de 2016

Héctor Cajaraville gaña o VII Premio Meiga Moira


 Héctor Cajaraville Araujo vén de gañar o 7.º Premio Meiga Moira 2016 de Literatura Infantil-Xuvenil convocado por Baía Edicións.

O Xurado, formado polas escritoras Andrea Maceiras e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, a tamén escritora Marica Campo, que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o martes  día 11 de outubro de 2016 resolveu conceder por unanimidade o 7.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Briolanxa”, correspondente á presentada polo escritor compostelán Héctor Cajaraville Araujo, que leva como título Denébola a Roxa e que vai dirixida a lectores a partir de 12 anos.

A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e o autor recibirá o premio de 2.500 euros.




xoves, 13 de outubro de 2016

Na nosa biblioteca (30)


Novas incorporacións para a nosa biblioteca! Hércules de Ediciones envíanos unha novidade ilustrada e da man de Xerais chéganos o catálogo coas 33 obras do benquerido amigo Agustín Fernández Paz.

Aquí tes toda a información:


Título: Max e Lea
Texto e Ilustracións:: Estefanía Padullés
Tradución: Ánxela Gracián
Editorial: Hércules de Ediciones
Colección: Novas lecturas de Hércules
Este libro preséntase o sábado 15 de outubro ás 12 horas na Librería Lume, de A Coruña. Máis información aquí.


Título: Agustín Fernández Paz : catálogo 2016
Editorial: Xerais
Descárgao aquí!

luns, 10 de outubro de 2016

Na nosa biblioteca (29)


E volvemos con máis novidades editoriais! Aquí tedes o último de Rodeira - Edebé e de Sushi Books:


Título: A casa do medo
Texto: Agustín Fernández Paz
Editorial: Rodeira - Edebé
Colección: Periscopio

Descarga un capítulo aquí


Título: A lenda de Sally Jones
Texto e Ilustracións: Jacob Wegelius
Tradución: Moisés Barcia
Editorial: Sushi Books
Colección: Álbum


Título: O xardín dos deuses
Texto: Gerald Durrell
Ilustración da cuberta: Jacobo Fernández Serrano
Tradución: Moisés Barcia
Editorial: Sushi Books
Colección: Avanzado

Este é o 3º libro da triloxía de Gerald Durrell, despois de A miña familia e outros animais e Bechos e demais parentes.

venres, 7 de outubro de 2016

Na nosa biblioteca (28)


Hoxe vimos con máis novidades, desta volta, da man de Kalandraka. ademais da edición en papel da Guía Ninja do Ilustrador:


Título: A árbore da escola
Texto: Antonio Sandoval
Ilustracións: Emilio Urberuaga *
Editorial: Kalandraka
Colección: Demademora

*Reseña en Trafegando Ronseis neste enlace
* Emilio Urberuaga: Premio Nacional de Ilustración 2011


Título: Cepillo
Texto: Pere Calders
Ilustracións: Carme Solé Vendrell
Tradución: Xosé Ballesteros
Editorial: Kalandraka
Colección: Maremar

Premio Lazarillo 1981


Título: Cinco minutos de paz
Texto e Ilustracións: Jill Murphy
Tradución: Sandra e Óscar Senra Gómez
Editorial: Kalandraka
Colección: Tras os montes


Coordinación: Alberto Guitián
Texto: Alberto Guitián, María Álvarez, Manel Craneo, Santy Gutiérrez, Henrique Torreiro
Ilustracións: José Domingo, Manel Craneo, Bernal Prieto, Jorge Peral, Nuria Díaz, Santy Gutiérrez, José Domingo, Alberto Guitián, Leandro Barea, Ictioscopio.
Editorial: AGPI

mércores, 5 de outubro de 2016

Na nosa biblioteca (27)


Velaquí as primeiras novidades deste curso, fresquiñas da man de Xerais:


Título: O cociñeiro Martiño
Texto: Iago López
Ilustracións: Macus Romero
Editorial: Xerais
Colección: Pequeno Merlín. Albums

*Reseña en Trafegando Ronseis neste enlace



Título: Bala perdida
Texto: Manuel Rivas
Ilustracións: Miguelanxo Prado
Editorial: Xerais
Colección: Sopa de libros. + de 10 anos


Título: Cambiache o conto
Texto: Carlos López
Ilustracións: David Pintor
Editorial: Xerais
Colección: Pequeno Merlín. Albums

*Reseña de Antonio García Teijeiro neste enlace


Título: Cousas de papá
Texto: Raúl Gómez Pato
Ilustracións: Balanca Barrio
Música: Héctor Lorenzo
Editorial: Xerais
Colección:Albums
Libro + CD



luns, 3 de outubro de 2016

Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil en Ourense



Durante o mes de outubro e ata o 9 de novembro, a Facultade de Ciencias da Educación  de Ourense acollerá o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil "Música e poesía dende a primeira infancia", unha actividade realizada coa colaboración da AELG .

Velaquí a súa programación. Máis información neste enlace.


  • 5 outubro | Montse Rivera | A tradición oral nas aulas
Recollida da transmisión oral e versión musical.
  • 11 outubro | Antonio García Teijeiro | A poesía e a música nas aulas: unha necesidade e un reto
Creación poética de autor: a importancia da poesía nas aulas.
  • 19 outubro | Uxía Domínguez Senlle | A música, universo suxestivo para a infancia
A música e os proxectos poético-musicais para a infancia.
  • 26 outubro | Elvira Riveiro Tobío | A poesía que queremos
A experimentación poética para a infancia e adolescencia.
  • 2 novembro | Fran Alonso | Poesía, a música da vida
A experimentación poético-musical ao redor da lírica.
  • 9 novembro | Susa Herrera | Músicas agochadas
Música e poesía para a infancia, a súa importancia para futuros docentes de infantil e primaria.