xoves, 26 de novembro de 2015

Coñece a Helena Villar Janeiro, Socia de Honra 2015

Foto: Álvaro Ballesteros

Helena Villar Janeiro vén de ser elixida Socia de Honra 2015 de Gálix. Co gallo deste nomeamento, celebraremos o 9 de decembro un acto para homenaxeala no que participará o alumnado do IES Xelmirez I de Santiago de Compostela ás 13:30.

Con ela, ademais, inauguramos esta sección de Coñece a..., coa que queremos ofrecervos unha ollada sobre os nosos socios e socias. Grazas, Helena, por adicarnos o teu tempo e verbas!


[COÑECE A HELENA]

Foto: Jorge M. de la Calle

Helena estudou Maxisterio en Lugo e, posteriormente, licenciouse en Filosofía e Letras, na sección de Pedagoxía, na Universidade de Madrid. Exerceu de profesora de ensino primario e secundario ata a súa xubilación, no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela. Está casada co tamén escritor Xesús Rábade Paredes e é nai da poeta, profesora e investigadora María do Cebreiro e do músico Abe Rábade.

Como escritora, cultivou varios xéneros, pero cunha atención especial á literatura infantil e xuvenil. Ademais, pertenceu ao colectivo poético Cravo Fondo. Entre os anos 2005 e 2012, Helena foi presidenta da Fundación Rosalía de Castro e membro do Plenario do Consello da Cultura Galega.

Ademais, foi cofundadora de GÁLIX e vicepresidenta da primeira xunta directiva.

Helena é, tamén, colaboradora habitual de prensa e tradutora, e ten realizadas varias exposicións de fotografía creativa, case sempre acompañada de nanorrelatos ou haikus.



[OBRA]

POESÍA
  • Alalás, 1972, edición da autora.
  • Rosalía no espello, 1985, Patronato Rosalía de Castro.
  • Festa do corpo, 1994, Deputación da Coruña.
  • Album de fotos, 1999, Espiral Maior.
  • Nas hedras da clepsidra, 1999, Edicións do Castro.
  • Pálpebra azul, 2003, PEN Clube de Galicia.
  • Remontar o río, 2014.
En colaboración con Xesús Rábade Paredes:
  • O sangue na paisaxe, 1980, Edicións do Cerne Minor.
  • No aló de nós, 1981, Universidade de Santiago.
  • Cabeleira de pedra, (con traducións a outras linguas europeas e fotografías de Xaquín Novoa), 1993, Consorcio de Santiago/Galaxia.
  • Cabeleira de pedra, 2004, Editorial Compostela/Concello de Santiago.
  • Dona e Don (poesía), 2004, Galaxia.
LITERATURA INFANTIL E XUVENIL
  • O día que choveu de noite, 1985, Galaxia.
  • Viaxe a Illa Redonda, 1987, Galaxia.
  • Vermiño, 1988, Galaxia.
  • A cidade de Aldara, 1989, Casals.
  • Ero e o capitán Creonte, 1989, S. M.
  • Patapau, 1989, Ir Indo.
  • A canción do Rei, 1992, Galaxia.
  • Don Merlo con chaqueta, 1993, Xerais.
  • Contos do paxaro azul, 1994, Sotelo Blanco.
  • Novos contos para nenos, 1994, Citania.
  • A voda do papá, 1994, Obradoiro.
  • A campá da lúa, 1999, Xerais.
  • O avó de Pipa, 2000, Bruño.
  • Belidadona, 2003, Edelvives.
  • Na praia dos lagartos, 2004, Edicións do Castro.
  • Raúl, 2005, Galaxia.
  • Rosalía, 2006, Fundación Rosalía de Castro. Biografía para nenas e nenos.
  • O souto do anano, 2007, Obradoiro-Santillana.
  • Un rato na casa, 2008, Galaxia.
  • O caderno de Edua, 2010, Xestión Literaria Galega.
  • As señoras cousas, 2014, Galaxia.
  • O caderno de Edua, 2015, Sushi Books.
Compuxo tamén varias cancións que foron interpretadas en distintas edicións do Festival de Canción Infantil Cantareliña.
    En colaboración con Xesús Rábade Paredes:
    • O libro de María (cancións), 1984, Consellería de Cultura.
    • O libro que non se quería pechar (relatos e poemas), 1984, SM.
    NARRATIVA
    • O enterro da galiña de Domitila Rois, 1991, Galaxia.
    • A tarde das maletas, 1992, Contos do Castromil.
    • O cadro, 1993, Relatos do Pedrón.
    En colaboración con Xesús Rábade Paredes
    • Morrer en Vilaquinte, 1980, Universidade de Santiago.
    • Contos de nós e da xente (narrativa), SM, Madrid, 1983
    ENSAIO
    • Os equipos de normalización lingüística nos centros de ensino, 1993, Xunta de Galicia.
    • Delas, 1999, Toxosoutos.
    • Paseos literarios, 2001, Xunta de Galicia.
    • Feminino plural, 2003, El Correo Gallego.
    En colaboración con Xesús Rábade Paredes
    • Símbolos de Galicia (ensaio), 1971, Patronato Rosalía de Castro.
    • Lección conmemorativa sobre Rosalía (ensaio), Patronato Rosalía de Castro, Santiago, 1980
    • Eduardo Blanco Amor con Auria ó fondo, 1993, Xunta de Galicia.
    OUTROS XÉNEROS
    • O sabor da terra. Encontro cos cogomelos, guía de busca que inclúe unha parte literaria e outra gastronómica, 2005, Galaxia.

    [PREMIOS]

    • Premio Patronato Rosalía de Castro para Mestres e Pedagogos en 1979, pola obra en común con Xesús Rábade Paredes Símbolos de Galicia. A bandeira, o escudo e o himno.
    • Premio Galicia de Narrativa da Universidade de Santiago no 1980, pola obra en común con Xesús Rábade Paredes Morrer en Vilaquinte.
    • Premio Xosé María Chao Ledo, Concello de Vilalba, 1980.
    • Premio Galicia da Universidade de Santiago no 1981, pola obra en común con Xesús Rábade Paredes No aló de nós.
    • Premio Manuel Antonio no 1981, pola obra en común con Xesús Rábade Paredes O sangue na paisaxe.
    • Premio Eusebio Lorenzo Baleirón no 1991, por Nas hedras da clepsidra.
    • Premio Modesto R. Figueiredo no 1991, por O cadro.
    • Accésit do Premio Miguel González Garcés no 1994, por Festa do corpo.
    • Premio Puro Cora de Xornalismos, 1995,  El Progreso.
    • Premio Arume de literatura infantil outorgado pola Fundación Xosé Neira Vilas no 2003, por Na praia dos lagartos.
    PREMIOS E DISTINCIÓNS Á OBRA INFANTIL
    • Patronato Rosalía de Castro (ensaio).
    • Barco de Vapor (2º) (narrativa).
    • Valmiñor (contos).
    • Arume (poesía).
    • White Raven (1990 e 1994).
    • Lista de Honra do IBBY (2002 e 2004).
    OUTRAS DISTINCIÓNS
    • Membro de honra do Seminario da Paz.
    • 21 mulleres galegas, 21 historias cotiás, da Fundación Iniciativas 21, 2009.
    • Día Internacional da Muller, 2010 do Concello de Santiago de Compostela.
    • Galegos do mes de xullo, (conxuntamente con Xesús Rábade) de El Correo Gallego, pola súa traxectoria na defensa e promoción da lingua e da cultura galega, 2008.
    • Alecrín dourado 2013, da FEGALCAT, polo labor poético e a defensa de Rosalía de Castro.
    • Hectómetro Literario nº 8 do Paseo dos Soños (conxuntamente con Xesús Rábade)  da Asociación Xermolos de Guitiriz no ano 2013.
    • Premio Picadillo (cultura) do Forum Gastronómico 2014, pola defensa e difusión da gastronomía galega a través da obra literaria.
    • Membro de honra da asociación ecoloxista e de desenvolvemento rual Castiñerio e Nogueira, 2013.
    • Foi epónimo da Primeira Edición de Relatos pola Igualdade convocado por Bolboreta Animación en colaboración con varios Concellos (2014)

    [PREGUNTAS A HELENA]

    Con motivo do nomeamento de Socia de Honra de Gálix, fixémoslle unhas preguntas a Helena para descubrades máis curiosidades sobre ela e a súa carreira.

    A túa formación é de letras, foi o amor pola escritura o que te levou aos teus estudos ou sucedeu á inversa?

    Estudei Maxisterio por imperativo económico. O que me gustaba era a música, pois tiña cualidades e vocación para ser soprano. Unha vez mestra, licencieime no que máis se parecía ao meu traballo, a daquela Especialidade en Pedagoxía dentro de Filosofía e Letras. Non abandonei as artes, aínda que finalmente só seguín coa literatura. A afección pola pintura, que abandonei ao naceren os nenos porque era un perigo para eles, retomeina agora a través da fotografía artística.

    Como cres que avanzou ou cambiou o teu xeito de escribir e de enfrontar aos textos novos co tempo?

    Unha ten que vivir todo o tempo do seu tempo. Ultimamente publico cousas nas redes sociais (en Facebook e os blogues Tirar do fío e Galego na rede), precisamente por adaptarme aos novos tempos. A maneira de escribir non cambia para o que viñas facendo sempre, pero  hai que ter en conta por que medio vai ser difundido o texto, porque nin é o mesmo público o receptor nin se percibe da mesma forma. Estas publicacións directas nas que percibes a reacción de quen le fíxome baixar moito á realidade como escritora. Estou moi agradecida a esta nova experiencia.

    Se cadra non queda bonito dicilo, pero todas temos algún texto, libro ou garabato favorito de entre todas as nosas creacións. Cal destacas ti da túa produción?

    Todo o que decides publicar é porque che gusta. Logo hai circunstancias que fan dun libro algo especial, non porque che guste máis ou menos senón polas circunstancias en que foi escrito e por outra chea de circunstancias. Pola fermosura do libro como obxecto de arte, non hai dúbida que teño unha predilección especial por Remontar o río. Tamén hai que recoñecer que quen pode facer esa distinción é quen le. E ás veces marabíllate o que elixen, non porque ti non o valores senón porque non esperabas que outras persoas lle ían dar esa importancia.

    Que consellos che gustaría darlles ás novas xeracións de autores/as galegos/as? Que pensas das novas fornadas creadoras de Galiza?

    O primeiro consello pode parecer elemental, pero é imprescindible: que aprendan a lingua. Non se pode escribir nun idioma que non se domina cabalmente. E o segundo, que lean os clásicos, que son os grandes mestres, aínda que despois se elixan, como parece normal, camiños novos. Sen unha formación clásica non hai base para tomar ningún camiño.

    Tes algún proxecto en marcha do que che gustaría contarnos?

    Hoxe estou moi entusiasmada coa produción de poesía e imaxe. Pero sigo simultaneando a escrita de sempre: poesía, narrativa e artigos de prensa. Colaboro en proxectos literarios –a miña obra solta é abundantísima– e preparo unha especie de memorias, porque teño xa unha vida bastante longa e moitas experiencias que contar. A vida foi moi xenerosa comigo dándome tantas oportunidades para coñecer mundo e moitos mundos.

    Por último, gustaríanos pedirche algunha recomendación de LIX, deste ano ou de anos anteriores. Que cres que deberiamos ler (se non o fixemos xa)?

    Hai tanta produción para estas idades que non me atrevo a dar consellos. Pero si podo falar dos libros para a infancia que moito me gustaron e animaron a escribir cando empezaba a facer cousas para María e Abelardo: O bosque de ouriol (Arcadio López Casanova, 1973), Le Petit Prince (Antoine de Sanit Exupéry, 1943), Platero y yo (Juan Ramón Jiménez, 1917). Tamén exerceron moita influencia as cancións infantís populares francesas, tanto que unha delas motiva a noveliña  A canción do rei. Por raro que pareza, nunca me interesou a novela de aventuras, nin de misterio, nin de medo. Pasei moito medo de nena e despedinme del. Incluso lle estou trucando algúns contos populares á miña neta.

    Grazas, Helena, por compartir tantos anos con nós en Gálix.

    Actividades de Espazo Lectura para a fin de semana



    Espazo Lectura presenta as seguintes actividades para esta fin de semana:

    Venres, 27 de novembro, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar
    Sesión de Contos en cueiros. Actividade de achegamento á lectura para bebés de 0 a 3 anos. 
    Contos no colo. Ladaíñas, recitados e contos cantados. Contaranse contos cantados e achegaranse á tradición oral infantil con cancións e xogos para desfrutar cos bebés no colo. É necesaria inscrición previa.

    Sábado, 28 de novembro, ás 12:00h
    Sesión do club de lectura compartida Lendo contigo.
    Para nenos e nenas de 7 a 11 anos e as súas familias. A sesión xirará arredor do libro
     Vic e Bombona, de Sara Barreiro, e contará coa presenza da autora.

    Sábado, 28 de novembro, de 20:00h a 00:00h, na Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas)
    Sesión do Comando Le, para rapaces e rapazas de ESO e Bacharelato.
    Nesta sesión farase un achegamento 
    á realidade cotiá das persoas con discapacidade e ao labor dos profesionais e voluntarios que traballan nese ámbito e loitan cada día por superar dificultades e barreiras. Contarase coa presenza dun grupo de persoas que participan no proxecto DisCamiño, que une discapacidade e Camiño de Santiago, e coa presenza de Miriam Aller, de Entresignos, intérprete de lingua de signos que traballa con persoas xordas e xordo-cegas.


    venres, 20 de novembro de 2015

    Convócase o XIII Premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil



    A Deputación de Ourense convoca o XIII Premio de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez".

    Este premio está dotado con 3.000 € para as dúas modalidades. O prazo para a admisión dos traballos de narración remata o 31 de decembro de 2015.

    As obras, en lingua galega, deben ser inéditas e orixinais, cunha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100.



    xoves, 19 de novembro de 2015

    Presentación do libro O Abecedario





    Mañá, venres, 20 de novembro, ás 18:30h, na Fundación Eugenio Granell, a Agrupación Cultural O Galo, en colaboración coa Fundación Eugenio Granell, realizará unha actividade lúdica, dirixida a  nenas e nenos de 2 a 7 anos, co obxectivo de potenciar a creatividade das nenas e nenos a través da pintura, o canto e o baile. A actividade estará dirixida por Mónica Pazos. 

    Neste acto, presentarase o libro O ABECEDARIO, un disco-libro publicado por A Mesa pola Normalización Lingüística, ilustrado por Óscar Villán, con música de Maxín Blanco.

    Polo Correo do Vento presenta en Pontevedra a súa homenaxe a Manuel María



    O colectivo Polo Correo do Vento, especializado en actividades de promoción da lectura, comprensión oral en galego e desenvolvemento da creatividade e expresión artística para o público máis novo, presenta este venres 20 de novembro en Pontevedra o seu novo libro O poeta do Miño, unha homenaxe a Manuel María.

    A presentación para pequenos terá lugar na Libraría Cronopios ás 18:30 e, para os non tan pequenos, ás 21:00 na Casa da Luz.



    Toda a información na web de Polo Correo do Vento, aquí.

    Socia de Honra 2015: Helena Villar Janeiro



    A xunta directiva de GÁLIX reuniuse en Santiago e, por unanimidade, decidiu nomear Socia de Honra 2015 a Helena Villar Janeiro.

    Co gallo deste nomeamento, celebraremos o 9 de decembro un acto aberto ao público para homenaxeala. Este evento terá lugar no IES Xelmirez I de Santiago de Compostela ás 13:30.

    María Solar será a encargada de realizar a laudatio e logo o alumnado do centro participará coa lectura de textos de Helena Villar Janeiro e manterá con ela un diálogosobre a súa obra e vivencias.

    O Presidente de GÁLIX fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o seu nomeamento.

    Lembrámosvos que en anteriores edicións foron declarados Socios de Honra Xavier Senín, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey e Xoán Babarro.

    [Le máis sobre Helena aquí]

    O Caderno A FONDO, de Sermos Galiza, adicado á promoción da lectura



    O caderno de análise nº 124 A FONDO, de Sermos Galiza, estivo a semana pasada adicado á promoción da lectura.

    Este caderno, coordinado polo escritor, editor e xestor cultural Francisco Castro, vai destinado a poñer en valor o hábito de ler, derrubando as fronteiras mentais coas que moitas veces se enfronta esta cuestión.

    A promoción da lectura é un tema de grande importancia, se ben non adoita considerarse relevante nos medios. Por este motivo, Francisco Castro asumeu o reto de adicar estas páxinas a profundar no universo da lectura.


    E lembra que podes conseguir a versión dixital do caderno aquí.

    martes, 17 de novembro de 2015

    Na nosa biblioteca (11)


    Temos novidades fresquiñas de Kalandraka para a nosa biblioteca!



    Despois da chuvia

    Texto e ilustración: Miguel Cerro
    Tradución de Manuela Rodríguez
    Editorial: Kalandraka, 2015
    Colección: Premio Compostela
    VIII Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados




    Inventario ilustrado de insectos

    Texto:Virginie Aladjidi
    Ilustracións: Emmanuelle Tchoukriel
    Tradución de Fernando Moreira
    Editorial: Kalandraka, 2015
    Colección: Faktoria K de Libros







    Diario de Ana Frank

    Texto:Ana Frank
    Tradución de Tomás Ruibal
    Editorial: Kalandraka, 2015
    Colección: Faktoria K de Libros

    luns, 16 de novembro de 2015

    Ledicia Costas, Premio Lazarillo 2015 de Creación Literaria




    O pasado día 13 de novembro fallouse en Madrid o PremioLazarillo 2015 na súa modalidade de creación literaria, convocado  pola OEPLI, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, e cunha dotación de 2500 euros, da que resultou gañadora Ledicia Costas coa obra titulada Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante

    Este prestixioso galardón, o máis antigo da literatura infantil e xuvenil, foi convocado polo extinguido Instituto Nacional del Libro Español no ano 1958 co fin de estimular a creación de bos libros para nenos e rapaces. Desde o ano 1986 é a OEPLI a encargada de convocalo anualmente,  nas modalidades de “Álbum Ilustrado” e  “Creación literaria”.    

    O xurado estivo integrado  por Xosé Antonio Perozo, co-presidente da OEPLI, e por Arantxa Bea, Aurelio Erdozain, Ana María Navarrete e Antonio Manuel Fraga, designados por cada unha das catro seccións territoriais da OEPLI.  Actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaría Técnica da OEPLI. O xurado destacou que a obra gañadora é “Unha novela ben escrita, cunha narración fluída, unha estrutura moi ben conseguida, cunha boa linguaxe literaria, onde a realidade constrúe unha ficción que lle dá un aire de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura”.

    LEDICIA COSTAS
    Escritora galega licenciada en dereito. Publicou, entre outras obras: Unha estrela no vento (Xerais, 2008), Recinto Gris (Xerais, 2014), incluída na Lista de Obras recomendadas para persoas con discapacidades do Centro IBBY (International Board on Books for Young People); O corazón de Xúpiter  (Xerais, 2015), coa que obtivo o  Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro Infantil e Xuvenil, e o Premio da Asociación de Escritores e Escritoras en lingua galega á mellor obra de literatura infantil e xuvenil), e  Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais, 2014) coa que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil, o  Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de literatura infantil e xuvenil, o Premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores ao mellor libro infantil e xuvenil, incluído na Lista de Honra do IBBY 2016, e o Premio Nacional de Literatura Infantil y Xuvenil. Como poeta, publicou a obra Xardín de inverno (Everest, 2012).
    Recentemente acaba de publicar en Tambre-Edelvives a obra Inmundicia e Roñoso, e no eido da narrativa para adultos Un animal chamado néboa (Edicións Xerais), libro de relatos ambientados na II Guerra Mundial.
    Defensora da difusión da literatura infantil e xuvenil galega, é unha das coordinadoras da Revista Criaturas, publicación dixital especializada en LIX.
    JULES VERNE E A VIDA SECRETA DAS FEMMES PLANTE
    Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante é unha obra ambientada no Vigo do S.XIX. Nela recréase unha das visitas de Jules Verne á cidade cuxa ría o inspirou para escribir un dos episodios de 20.000 leguas baixo dos mares. Porén, en contra do que acredita a documentación da época, esta visita de Verne a Vigo no ano 1884 non é fortuíta. O escritor chega á cidade porque está seguindo o rastro das misteriosas mulleres planta.

    A protagonista desta obra é Violeta, unha adolescente intelixente e inconformista que vive cos seus avós nunha botica. Os tres están convencidos de que ninguén máis que eles coñece o segredo que gardan desde hai décadas: que tanto a propia Violeta como a súa avoa Melisa pertencen a esa estirpe de mulleres metade humanas,  metade plantas. Coa chegada do escritor á cidade iníciase unha aventura onde hai submarinos, iates a vapor, limpachemineas e estrañas criaturas con alma de planta.


    Noraboa, Ledicia!

    xoves, 12 de novembro de 2015

    Na nosa biblioteca (10)



    Velaquí as novidades de Xerais para a Biblioteca de Galicia:


    Nena e o mar

    Texto: Érica Esmorís
    Ilustracións: Dani Padrón
    Editorial: Xerais, 2015
    Colección: Merlín
    Premio Merlín de Literatura Infantil 2015





    Europa express

    Texto: Andrea Maceiras
    Editorial: Xerais, 2015
    Colección: Fóra de xogo
    Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2015







    Unha casiña branca

    Texto: Marcos Calveiro
    Ilustracións: Marcos Viso
    Editorial: Xerais, 2015
    Colección: Sopa de Libros. De 8 anos en diante




    Onde viven as fadas?: conto para ler ás escuras

    Texto e ilustración: Ignasi Valios i Buñuel
    Tradución de Anair Rodríguez
    Editorial: Xerais, 2015
    Colección: Edicións Singulares


    luns, 9 de novembro de 2015

    Coñécense os nominados aos Premios ALMA 2016


    Veñen de darse a coñecer os nominados aos Premios ALMA (Astrid Lindgren Memorial Award) para o ano 2016.

    Entre eles/as, atópanse os seguintes representantes españois:

    Agustín Fernández Paz, autor
    Elena Odriozola, ilustradora
    Miguelanxo Prado, ilustrador
    Jordi Sierra i Fabra, autor

    Noraboa a todos/as!!

    Os/As gañadores/as daranse a coñecer o 5 de abril de 2016 en Estocolmo.


    venres, 6 de novembro de 2015

    Entrevista a Érica Esmorís no Zig Zag da TVG


    Se o pasado día 26 de outubro non puideches ver a entrevista a Érica Esmorís no programa Zig Zag da TVG, visita o enlace que che traemos.


    Érica vén de publicar Nena e o mar, a obra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015.