martes, 31 de xaneiro de 2023

Na nosa biblioteca (320)

 


Chegou á Biblioteca de GÁLIX esta doazón da Editorial Baía:

  • A mona de Schrödinger


Título: A mona de Schrödinger

Texto: Uxío Larvós

Editorial: Baía

+ info: https://baiaedicions.gal/a-mona-de-schrodinger.html

venres, 20 de xaneiro de 2023

María Canosa gaña a V edición do Premio Carlos Mosteiro de literatura infantil e xuvenil

 O Premio Carlos Mosteiro de literatura infantil e xuvenil é un certame convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal e a Editorial Galaxia, en colaboración coa asociación Barbantia e creado no 2018 como homenaxe ao escritor veciño deste concello e como medio de promoción para autores e autoras de literatura infantil en lingua galega.

 

O xurado formado por Encarna Pego, Xosé Antonio Neira Cruz, gañador da anterior edición, e Marcos Calveiro decidiu conceder o galardón da quinta edición do Premio Carlos Mosteiro de literatura infantil e xuvenil, á obra presentada baixo o título de Teño un volcán dentro que narra a historia dun rapaz coa síndrome de Asperger e o seu proceso de integración nun novo centro educativo, ademais da adaptación do seu círculo próximo á situación.

A autora da obra gañadora é María Canosa enxeñeira de Camiños e escritora con ampla traxectoria na LIX, libros de divulgación científica e biografías. Directora de Proxectos no Centro de Coñecemento da Costa da Morte. Tamén participou como experta nos concursos da RTVG Cifras e letras, Letras van e Coma un allo. A día de hoxe colabora como articulista en La Voz de Galicia, e foi contertulia en programas da Radio Galega e de Radio Voz.

Referencias á nova na web:

 

xoves, 19 de xaneiro de 2023

Dous libros galegos na Selección de libros destacados para mozos e mozas con discapacidade da IBBY 2023

IBBY (Organización Internacional para el Libro Juvenil considera que todas as rapazas e rapaces deberían ter acceso a obras literarias de calidade e iso supón que se publiquen libros en formatos accesibles, así como historias nas que sexan protagonistas.

Cada dous anos, os expertos seleccionan libros de todo o mundo entre os presentados polas diferentes seccións internacionais.

Para a elaboración do catálogo do 2023 GÁLIX, como sección galega de IBBY,  presentou unha listaxe de libros galegos que responden aos criterios de selección deste proxecto.



Na listaxe definitiva de 40 libros, de 24 países en 17 idiomas recóllense dous títulos dos presentados por GÁLIX : Nicolás cociña sen lume da Asociación BATA, ilustrado por Alicia Súarez (Kalandraka, 2020) e Plan de rescate de Antía Yáñez, ilustrado por Xiana Teimoy (Xerais, 2020).

O Catálogo presentarase na xina web de IBBY neste mes de xaneiro e presentarase na Feira de Bolonia 2023.

martes, 17 de xaneiro de 2023

Na nosa biblioteca (319)


Recibimos, como
doazón da Editorial Galaxia para a Biblioteca de GÁLIX:

  • Non deixarei de buscarte. A historia de Quin.

     

Autores: Alicia Tojeiro Ríos, Esther Rey Oliveira e Antonio Fernández Amil

Editorial: Galaxia

+ info: https://editorialgalaxia.gal/produto/non-deixarei-de-buscarte-a-historia-de-quin/

Novas na rede:

domingo, 15 de xaneiro de 2023

A Xanela de GÁLIX. Fina Casalderrey

Fina Casalderrey 

(Xeve, Pontevedra, 1951)

Escritora, mestra e socia nº 138 de GÁLIX


Numeraria da Real Academia Galega dende 2013 (na actualidade forma parte da executiva da institución como tesoureira), é unha das autoras máis lidas e galardonadas da literatura infantil e xuvenil galega. Dedica gran parte da súa vida á creación literaria e ao fomento da lectura. A etnografía, a gastronomía, o teatro escolar e o cine tamén ocupan un lugar importante na súa traxectoria. Con arredor de 60 títulos publicados (ademais dos que constan en libros colectivos), os seus orixinais foron traducidos a todas as linguas peninsulares; algúns, tamén, ao bretón, coreano, italiano, francés, inglés, córnico, serbio e chinés. No 1996 logra o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa.

No ano 2023, atendendo á proposta de GÁLIX -IBBY Galicia-, a OEPLI (Organización Española Para el Libro Infantil y Juvenil) presenta a candidatura de Fina Casalderrey ao Premio IBBY Hans Christian Andersen, o máis importante do mundo en literatura infantil.

Outros premios: Merlín, 1991. Barco de Vapor, 1994. Edebé, 1995. “Premio Lecturas” 2001. Premio Nacional de Xornalismo Puro Cora 2001 e I Premio de Xornalismo Fernández del Riego 2003. Medalla Castelao da Xunta de Galicia 2003. Benito Soto, 2003. The White Ravens 1998 e 2006. Premio Frei Martín Sarmiento 2009 e 2014. Premio Cidade de Pontevedra, 1996 pola súa traxectoria literaria. Premio “Autora do ano” da Federación de Libreiros de Galicia, 2007. Premio Ramón Cabanillas 2008, pola agrupación de libreiros de Cambados. Autora homenaxeada no X Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2009. Candidata española, proposta pola OEPLI e por GALIX, ao premio ASTRID LINDGREN 2010 e 2012. Lista Outstanding Books 2013. Oslo, por O neno can. Premio “Xosé María Álvarez Blázquez. Autora do ano” pola Asociación Galega de Editores (AGE) 2013. Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras (Creación Literaria) 2015. Premio "Bos e xenerosos" da Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso), 2016. Premio Picadillo á difusión da gastronomía galega, Fórum Gastronómico, 2017 (A Coruña). Premio Rosa dos Ventos do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Buenos Aires, 2018. Premio Josefa Fariña de Igualdade na modalidade de Cultura, 2022.

Entre as distincións honoríficas: Insignia de ouro de Moraña, homenaxe Letras Galegas da Asociación Monte Blanco de Ponteceso, Insignia de ouro da Asociación Cultural “Amigos de Pontevedra”, Galega destacada, do Colectivo Diálogos 90; Galardón Feira do Libro de Pontevedra, Escritora do mes pola AELG. Pontevedresa do ano no apartado de Cultura (Diario de Pontevedra e Nova Caixa Galicia). 

Descubre as respostas de Fina Casalderrey ao...

ACCESO



Para saber máis: http://fina.casalderrey.com



martes, 10 de xaneiro de 2023

Xornada GÁLIX. Desfacendo a Raia X. Libros informativos, divulgativos e de coñecemento

Xornada GÁLIX. Desfacendo a Raia X. Libros informativos, divulgativos e de coñecemento, é unha actividade formativa organizada por GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil , sección da OEPLI correspondente ao ámbito galego) con axuda do Ministerio de Cultura e Deporte.

A actividade contará coa colaboración do Consello da Cultura Galega que nos cede o espazo de celebración e os medios técnicos de retransmisión.

O CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) certificará 9 horas de formación ao profesorado que participe e que pode inscribirse a través da plataforma FPROFE co código G2202035 .



Sabendo que os libros informativos son a porta do coñecemento, que dan respostas á curiosidade do lectorado máis novo e fornecen de modelos para interpretar o mundo, somos tamén conscientes da necesidade de que estas fiestras da mente se abran en galego para normalizar o seu uso como lingua de comunicación e de saber.

Convidamos ás persoas interesadas e profesionais da mediación e a creación do libro infantil e xuvenil galego, a participar nesta xornada na que reflexionaremos sobre o momento actual, centrándonos especialmente nos logros, mais tamén nas carencias para poder entre todos e todas achegar alternativas que colaboren a mellorar a situación.

 


domingo, 1 de xaneiro de 2023

Este libro encantoume! Xaneiro 2023

 

XANEIRO 2023



Recomendamos A paso de tartaruga de Boniface Ofogo




Boniface Ofogo naceu en Bogondo, un pobo situado no corazón de Camerún. Doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid, cidade á que chegou en 1988 grazas a unha bolsa outorgada polo Goberno español. Narrador oral e mediador intercultural é ademais especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra. A paso de tartaruga é a súa derradeira entrega, coidadosamente editada por Kalandraka. Esta fábula fundacional é o resultado da adaptación dun conto tradicional africano que ten como protagonista inesperada á tartaruga, un animal con moitas calidades, a pesares da súa aparente lentitude e pasividade, pois é tenaz, forte e lonxeva, e está considerada por moitos como un símbolo de resiliencia e lonxevidade. Deseñado pola prolífica ilustradora Rebeca Luciani, o libro transmite atraentes mensaxes cromáticas e visuais, que encarreiradas nunha combinación rítmica e equilibrada reflicten unha sensación máxica e reconfortante.

Neste álbum que bebe das historias de transmisión oral, o texto mergúllase na ilustración a dobre páxina, potenciando un acabado estético máis satisfactorio, proporcionando dinamismo e expresividade á narración, conciliando a imaxe e a palabra para acadar unha harmónica simbiose na composición final. Pero o verdadeiramente importante do libro de Boniface Ofogo e Rebeca Luciani, son os valores fundamentais que pretende transmitir, pois son a base da nosa existencia, eses valores que enriquecen e melloran a humanidade e a sociedade, que dignifican e axudan á persoa a adquirir a propia identidade e constitúen o tecido máis íntimo da alma dun pobo. De todos é sabido que os contos entreteñen e educan, velaí a súa riqueza, que está presente na meirande parte dos relatos: o respecto pola natureza e os seus elementos e sobre todo pola capacidade de crear un mundo que, independentemente de que exista ou non, nos faga imaxinalo e crealo ao noso antollo, porque aló o imposible non existe. Tan só precisamos ás veces recuperar as enerxías necesarias para continuar a cumprir os nosos soños, con acougo e sen présa, A paso de tartaruga.

 

OFOGO, Boniface e LUCIANI, Rebeca, A paso de tartaruga, Kalandraka Editora, Pontevedra, 2021.


Rafael Fernández Lorenzo



___________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.