domingo, 1 de xaneiro de 2023

Este libro encantoume! Xaneiro 2023

 

XANEIRO 2023



Recomendamos A paso de tartaruga de Boniface Ofogo




Boniface Ofogo naceu en Bogondo, un pobo situado no corazón de Camerún. Doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid, cidade á que chegou en 1988 grazas a unha bolsa outorgada polo Goberno español. Narrador oral e mediador intercultural é ademais especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra. A paso de tartaruga é a súa derradeira entrega, coidadosamente editada por Kalandraka. Esta fábula fundacional é o resultado da adaptación dun conto tradicional africano que ten como protagonista inesperada á tartaruga, un animal con moitas calidades, a pesares da súa aparente lentitude e pasividade, pois é tenaz, forte e lonxeva, e está considerada por moitos como un símbolo de resiliencia e lonxevidade. Deseñado pola prolífica ilustradora Rebeca Luciani, o libro transmite atraentes mensaxes cromáticas e visuais, que encarreiradas nunha combinación rítmica e equilibrada reflicten unha sensación máxica e reconfortante.

Neste álbum que bebe das historias de transmisión oral, o texto mergúllase na ilustración a dobre páxina, potenciando un acabado estético máis satisfactorio, proporcionando dinamismo e expresividade á narración, conciliando a imaxe e a palabra para acadar unha harmónica simbiose na composición final. Pero o verdadeiramente importante do libro de Boniface Ofogo e Rebeca Luciani, son os valores fundamentais que pretende transmitir, pois son a base da nosa existencia, eses valores que enriquecen e melloran a humanidade e a sociedade, que dignifican e axudan á persoa a adquirir a propia identidade e constitúen o tecido máis íntimo da alma dun pobo. De todos é sabido que os contos entreteñen e educan, velaí a súa riqueza, que está presente na meirande parte dos relatos: o respecto pola natureza e os seus elementos e sobre todo pola capacidade de crear un mundo que, independentemente de que exista ou non, nos faga imaxinalo e crealo ao noso antollo, porque aló o imposible non existe. Tan só precisamos ás veces recuperar as enerxías necesarias para continuar a cumprir os nosos soños, con acougo e sen présa, A paso de tartaruga.

 

OFOGO, Boniface e LUCIANI, Rebeca, A paso de tartaruga, Kalandraka Editora, Pontevedra, 2021.


Rafael Fernández Lorenzo



___________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

[Comentario blog]