XULLO 2019
Se
Nova York representa unha das cidades máis cosmopolitas e
desenvolvidas do mundo, Galicia, sen embargo apenas é un punto no
mapa para os americanos. David, fillo de emigrantes galegos en EEUU
séntese un americano máis, que con dezaoito anos vai visitar a
terra dos seus pais por vez primeira. Dende o seu metro noventa de
altura aterra en Santiago de Compostela e atópase cunha Galicia, da
que os seus pais fuxiron na busca de mellores oportunidades, moi
diferente, cunha calidade de vida que supera a que ten en América.
Así avanza a trama da novela, entre Nova York e Galicia, collendo os
estereotipos de ambos lugares e rachando ao mesmo tempo con cada un
deles.
Por
outra banda, dúas familias son as que David cómpre que coñeza.
Familias ben distintas que amosan unha dualidade: a evolución fronte
ao inmobilismo. A familia materna fai eco da Galicia moderna, que non
dubida en coller os cartos que unha inmobiliaria lle oferta para
facer adosados, aínda que haxa que derribar a casa matriz. A familia
paterna, formada por un avó cheo de rancor, unha avoa que sufre e
unha tía enferma, saca á luz esa Galicia patriarcal,
involucionista, ancorada en principios conservadores que non é capaz
de perdoar as faltas do pasado.
Pero
a familia da nai, os Formoso gardan un secreto. O non falar do asunto
é a consigna establecida durante todos estes anos que seguiron á
guerra do 36. Pero estas feridas permanecen máis alá de quen as
causou. A pesar desta lousa coa que conviven, Pastor, o fillo
vinculeiro, sabe perdoar e logra limpar a súa conciencia. Unha
maneira de actuar e entender a vida totalmente contraposta á do avó
paterno de David que non perdoa ao fillo que foi ás Américas.
A
novela vai fluíndo paseniño da man de Sonia e David, brincadeiros,
charlatáns... todo vai ben, demasiado ben, máis, talvez, do que
cabe esperar... e con eles viaxamos no Seat Arousa como convidados
polas páxinas dunha lectura áxil e suxestiva.
Estamos ante unha
novela de iniciación, de aprendizaxe, de descuberta do amor e
doutras culturas; de reencontro e afirmación das raíces; de saldar
as débedas co pasado; de curar as feridas dun tempo silenciado.
Acaso, pódese pedir máis?
Dolores
Tobío Iglesias
______________________________
GÁLIX
aporta cada mes unha
reseña feita por algún socio para a sección Este
libro encantoume da
OEPLI,
ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as
recomendacións das seccións
aquí,
na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no
noso blog (bota un
ollo na barra lateral!). Se queres colaborar
coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos
contactar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
[Comentario blog]