martes, 2 de abril de 2019

Este libro encantoume (abril 2019)

ABRIL, 2019




Avións de papel é, en esencia, un libro que fala da amizade. Da amizade, de arte, de poesía, de rebeldía, de descubrirse a un mesmo, de soidade, de libros... e de avións de papel. Pois son estes inocentes xoguetes os que mudaran a vida de dous rapaces. Un neno e unha nena que viven illados por cadanseu motivo poderoso, e que se unen grazas ao azaroso voo destas improvisadas aeronaves. Unha unión que pronto atopará os puntos en común, en concreto a aparición dunhas misteriosas, poéticas e subversivas pintadas dun artista do graffiti, que nos lembra a Bansky. Un artista que poñerá en xaque ao concello no que viven e que traerá controversia á cidade entre os que aman as súas pinturas e os seus detractores.
Unha narración con ritmo variable como as ondas do mar, ás veces rápido e intrigante, como cando
investigan ao autor das marabillosas pintadas e outro máis lento, reflexivo, poético, como nos momentos nos que os nenos describen os seus pensamentos ou ideas sobre o que ven.
Un libro que xira entorno á arte non podería entenderse sen as marabillosas ilustracións de Marcos Viso, cuxo estilo sorprende pola (aparente) sinxeleza e que combina á perfección cunha estrutura en cadriños que nos lembra á banda deseñada. Un acerto!
Pode a arte cambiar unha vida? E a unha vila?

Anxo Fariña
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

[Comentario blog]