martes, 26 de xuño de 2018

Adeus a Xabier P. DoCampo

Fotografía tirada do Facebook de Xabier P. DoCampo
 Hoxe é un día triste para o noso colectivo en particular e para a cultura galega en xeral. Xabier P. DoCampo deixounos esta noite logo dunha longa enfermidade.

Quen tivemos a sorte de coñecelo e cultivar a súa amizade manteremos vivo o seu espírito de gran persoa, o seu sentido do humor, a súa man permanentemente tendida e o seu carácter entusiasta.

Quen o coñeceron só grazas á súa literatura, ás súas conferencias e charlas ou que tiveron a sorte de pasar polas súas aulas manterán vivo o seu carácter de propagador da cultura, especialmente nos eidos da infancia e da xuventude.

Xabier marchou sen poder recoller o título de Socio de Honra de GÁLIX, que neste ano lle outorgamos, porén todos sabemos que foi unha honra que formase parte, activa e importante, da nosa asociación. Tamén el sabía do noso afecto e admiración.

Hoxe foise o ser humano pero con nós queda eternamente viva a súa obra. Xabier P. Docampo xa forma parte dos nosos inmortais.

Descanse en paz.

domingo, 10 de xuño de 2018

Novas da LIX


Velaquí algunhas novas que nos quedaron atrás no mes de maio: 2 revistas e un premio de teatro:




TítuloRevista Platero nº 215 (mar. - abr., 2018)
Neste novo número recoméndase a novela "Días azules, sol de la infancia" de Marcos Calveiro. Edelvives (Col. Alandar,  + 14 anos), 2017. 

TítuloRevista Platero nº 216 (mai. - xuñ., 2018)

Edita o Seminario de Literatura Infantil y Juvenil, Animación a la lectura y Bibliotecas Escolares. Centro de Profesores y Recursos de Oviedo.

Estes números e os anteriores pódense consultar no blog da Revista e tamén na oficina de GÁLIX.



Título: Bookbird: a journal of international children's literature nº 1, vol. 56, 2018 e nº 2, vol. 57, 2018
Edita o IBBY International Board on Books Young People, con periodicidade trimestral.

Estes números e os anteriores pódense consultar na oficina de GÁLIX. Queres ver os contidos de cada número? Avísanos e farémoschos chegar!


A ASSITEJ (Association Internacionale du Théâtre pour l’Enfance et la Jeuneusse)-ESPAÑA convoca o XX Premio ASSITEJ España de Teatro para la Infancia y la Juventud:
Descargar bases 2018 / Máis información
Idioma: castelán ou calquera das lenguas cooficiais do Estado español (acompañadas de tradución ao castelán)
Xénero: Teatro, adaptado ao público infantil ou xuvenil
Dotación: un único premio de 2.500 € e un trofeo conmemorativo para a mellor obra presentada
Prazo: Finaliza o 31 de outubro de 2018.
O xurado fará público o seu veredicto antes do 15 de febreiro do próximo ano.



xoves, 7 de xuño de 2018

Na nosa biblioteca (108)

Velaquí as últimas obras que recibimos para a nosa biblioteca da man de Xerais:



TítuloO ladrón de soños
Texto: Sabela Fernández Trelles
Ilustracións: Alicia Suárez Otero
Editorial: Xerais
Colección: Pequeno Merlín. Álbums
Recomendación de lectura da libraría Couceiro no canal de televisión Correo TV de Santiago de Compostela

TítuloSara ten un segredo
Texto: Ramón Caride
Ilustracións: María Lires
Editorial: Xerais
Colección: Sopa de libros. A partir de 8 anos.

mércores, 6 de xuño de 2018

Divinas Palabras Revolution, un caderno pedagóxico máis de GÁLIX para o CDG

Xa está dispoñible o último caderno pedagóxico elaborado por GÁLIX para o CDG, para o estudo da obra Divinas Palabras Revolution, da man de Mª Jesús Madera Seoane e Mª Teresa Leis Rey (GÁLIX).
Descárgao aquí
Podes consultar todos os cadernos pedagóxicos elaborados por GÁLIX na nosa páxina de Recursos, no apartado de CATÁLOGOS, GUÍAS E RECURSOS ONLINE:

Cadernos pedagóxicos elaborados por GÁLIX para o Centro Dramático Galego [Tartufo] [Martes de Carnaval] [Días sen gloria] [O profesional] [Divinas Palabras Revolution]

O Centro Dramático Galego ten a vontade de abrirse ao sistema educativo. Así, ademais de continuar na liña do apoio ao teatro infantil e familiar, mantén un programa de visitas guiadas para escolares ao Salón Teatro. Estas poden complementarse cos planos do recinto especialmente destinados ao público infantil e xunenil, que poden descargarse nesta páxina.

Doutra banda, o CDG edita programas de apoio pedagóxico. Estes manuais, destinados aos docentes, complementan a programación de funcións abertas aos centros educativos. No apartado de publicacións podes obter información sobre os manuais editados en papel. Ademais tes a opción de descargar dende aquí os últimos dosieres publicados en formato dixital.

martes, 5 de xuño de 2018

Coñecemos os gañadores dos Premios Xerais 2018


Hai uns días coñecimos as obras gañadoras dos Premios Xerais na súa edición de 2018. Como novidade, salientamos que este ano a festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición das obras gañadoras.
Toda a información no blog de Xerais aquí e aquí
XXXIII Premio Merlín de Literatura Infantil

Concorreron 35 traballos, entre os que resultou gañadora a obra "Kusuma" de Héctor Cajaraville
«Kusuma».
No seu ditame, o xurado sinalou que Kusuma é unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo. É unha historia de superación, de amizade e de aventuras. Destaca polo rico léxico descritivo de especies animais e do contorno vexetal.

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 

Concorreron 22 obras, entre as que resultou elixida "Aplicación instantánea" de Carlos Negro. 
O xurado sinalou que ante presenza das pantallas e da tecnoloxía, a sociedade actual precisa máis ca nunca a poesía. Por iso o xurado valora desta obra, entre outros aspectos: a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas. Tamén a crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente. Unha obra que salienta pola conexión con outras voces literarias, nun rico e estimulante diálogo que leva a novas lecturas. Por último, estamos ante unha obra que rompe calquera visión estereotipada da poesía e a converte nun berro de rebeldía e reafirmación.

XXXV Premio Xerais de Novela

A gañadora  foi " Besta do seu sangue" de Emma Pedreira.

O xurado a sinalou que "Besta do seu sangue" supón unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros. Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega.

  • O xurado da XXXIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 33 obras, estivo formado por: Uxía Martínez Recamán (comercial-promotora de libros), Alba Piñeiro Estévez (profesora e crítica), María Sánchez Lires  (ilustradora), Maribel Tato Sánchez (libreira da libraría Cartabón de Vigo), Antonio Yáñez Casal (escritor) e o crítico e escritor  Miguel Vázquez Freire  que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
  • O xurado da X edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 22 obras, estivo formado por: Isabel Armesto Rodríguez (comercial-promotora de libros), Diana Fernández Gómez (editora do blog “Bolboretas no bandullo”), Mª Paz Fernández Pereiro (profesora, asesoría Bibliotecas Escolares), Alba González Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo), María Manuela Ordóñez Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo)  e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo e crítica  Isabel Mociño González, que actuou como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
  • O xurado da XXXV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 37 obras, estivo formado por: Santiago Lopo (escritor, gañador da edición anterior), David González Domínguez (editor do blog “Palabras de Gatsby”), Vitoria Ogando Valcárcel (catedrática xubilada), Claudia Morán (xornalista), Patricia Porto (libreira da libraría Lila de Lilith de Santiago) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuou como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

luns, 4 de xuño de 2018

Coñecemos as gañadoras e gañadores do concurso DILI 2018, Andersen en Cómic



Vimos de coñecer os gañadores e gañadoras do concurso do DILI 2018. 

As nenas e nenos participantes presentáronse polo seu centro docente ou biblioteca da súa localidade, en tres categorías PRIMEIROS LECTORES (1º, 2º e 3º de Primaria), LECTORES AVANZADOS (4º, 5º e 6º de Primaria) e SUPERLECTORES (1º e 2º de Secundaria).

A OEPLI outorga estes premios, dentro do concurso ANDERSEN EN CÓMIC, convocado a través das súas seccións (GÁLIX, Consejo General del Libro, ClijCat e Galtzagorri) co padroado do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, para conmemorar a celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL.


Bota un ollo aquí a todos os cómics gañadores / Máis información aquí

Os premios entregaranse o 14 de xuño, ás 11:00 h no CEIP A Xunqueira 1 de Pontevedra.

Velaquí os cómics gañadores en Galicia:

1ª Cat.:  Primeiros Lectores (1º, 2º, 3º de Primaria)






Mara Freire Carracedo. CEIP Xunqueira 1. Pontevedra. Polo traballo: "Os cisnes salvaxes". (2º EP)
Traballo presentado pola ANPA do centro, ANPA Celso Emilio Ferreiro.


2ª Cat.: Lectores Avanzados (4º, 5º, 6º de Primaria)







Sandra Paola Lozano Justo. CEIP Xunqueira 1. Pontevedra. Polo traballo "O reiseñor". (4º EP).
Traballo presentado pola ANPA do centro, ANPA Celso Emilio Ferreiro.


3ª Cat.: Superlectores (1º, 2º de Secundaria)






1 grupo de 1º ESO. IES Carlos Casares Vigo. Pontevedra. Polo traballo "O reiseñor" . (7 nenas e nenos)
Grupo "O reiseñor".  Autores/as do cómic, de 1º de ESO do IES Carlos Casares de Vigo: 
-Carlota Salgado García.
-Noemí Collazo Rodríguez.
-Lucía Domínguez Pérez.
-Raisa Rodríguez Pérez.
-Lucía Covelo Pereira.
-Álex Pais Costas.
-Pablo Fernández Abalde.


Descarga o cómic aquí.



Exposición María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes



A exposición itinerante percorrerá os concellos galegos, ata o mes de decembro, de : Santiago, Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.


A mostra está baseada en ilustracións dos principais personaxes e escenas de oito libros de María Victoria Moreno, a cargo de oito ilustradores galegos: Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, M.ª Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón,baixo a coordinación de David Pintor, autor á súa vez da imaxe central da mostra.


As obras con que os ilustradores e ilustradoras dialogan son O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema. 

Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas ao personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia das obras. 

Pode accederse ao folleto da exposición en liña na web da Consellería de Cultura.


Obras gañadoras nos Premios Gala do Libro Galego 2018


Velaquí as obras gañadoras nos III Premios Gala do Libro Galego, entregados a mediados de maio no Teatro Principal, en Santiago de Compostela.

Máis sobre a entrega de premios aquí / aquí / e aquí / Consulta aquí todas as obras e persoas finalistas.




OBRAS EDITADAS EN 2017

Infantil

A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado valora o tratamento divertido, cun ritmo trepidante, da asociación entre a fantasía, a imaxinación e a creatividade, reivindicando o papel das nenas e das mulleres en relación á ciencia é á técnica.
  
Xuvenil

Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).
O xurado considera a orixinalidade desta obra ao tratar un episodio practicamente descoñecido da nosa historia científica, cun amplo labor de documentación e rigorosidade, poñendo rostro a heroes anónimos.
  
Libro ilustrado

Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
O xurado estima a capacidade desta obra para introducir o público infantil na arte contemporánea abstracta, e o diálogo establecido coa poesía.
  
Libro de banda deseñada

 - Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
O xurado valora o espírito lúdico e a complexa e xogantina estrutura narrativa da obra, ao tempo que permite unha lectura múltiple e dinámica.

 Iniciativa bibliográfica

- Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera a relevancia dun enfoque plural nesta colección, que revitaliza a lingua no ámbito científico-tecnolóxico.
  
Tradución

Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
O xurado dá a benvida á tradución ao galego deste clásico universal, verquido directamente desde a lingua orixinal, transmitindo a frescura e a fluidez do texto da autora sueca.

 Libro mellor editado

- Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
O xurado considera a relevancia dun enfoque plural nesta colección, que revitaliza a lingua no ámbito científico-tecnolóxico.
  
PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

 Iniciativa cultural ou fomento da lectura

O xurado recoñece o tesón na traxectoria de máis de vinte anos desta iniciativa, contribuíndo a popularizar a banda deseñada, e conectala coa cultura do país.
  

Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
O xurado destaca a constancia no traballo deste espazo na rede, que permite seguir o panorama literario galego, achegando materiais orixinais.

Xornalismo cultural
O xurado destaca a súa incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o Diario Cultural da Radio Galega.


O xurado estivo formado por María Luz Corral, Mario Regueira, Marga do Val, Óscar Villán, Susana Sanchez Arins, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García.

Este libro encantoume (xuño 2018)


XUÑO, 2018

Recomendamos: Lúa, de Pepablo Patinho Penya.

Lúa íase deitar despois de desexar as boas noites ós asteroides e demais planetas que habitan a inmensa tranquilidade do cosmos. Mais, repentinamente, escoita a alguén que está berrando. Quen pode berrar así?, pregúntase abraiada : “É a Terra, miña rula, sempre berra con temor”. Contéstalle algún outro planeta.
E aló que marcha Lúa por ver se pode facer algo para remediar os males da Terra.
E vaia se o fai : remedia as absurdas e inxustas discriminacións, os egocentrismos, os egoísmos e máis o espírito belicoso dos habitantes da Terra. Que máis se pode pedir?...
Cunha linguaxe sinxela e en forma de pareados vainos contando Pepablo o doado que sería solucionar os problemas da xente utilizando sen máis a lóxica, a tenrura e o amor.
Este conto “encantoume” precisamente pola súa sinxeleza, fino sentido do humor e abraiante frescura..
As ilustracións de Nuria Díaz contribúen, coas súas puras e xeometrizantes liñas e os  seus trazos, enormemente expresivos,  a dar, en grande medida,   o ton sinxelo e humorístico que o libro transmite.
Permitídeme rematar esta breve recensión con estes catro versos tirados do propio conto:
“Imos para casa, amigos,
Eu non quero xamáis guerra,
Quero aloumiños
Da xente que me queira”

Carmen Bar Cendón
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.