Hai uns días coñecimos as obras gañadoras dos Premios Xerais na súa edición de 2018. Como novidade, salientamos que este ano a festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición das obras gañadoras.
Toda a información no blog de Xerais aquí e aquí
XXXIII Premio Merlín de Literatura Infantil
Concorreron 35 traballos, entre os que resultou gañadora a obra "Kusuma" de Héctor Cajaraville
«Kusuma».
No seu ditame, o xurado sinalou que Kusuma é unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo. É unha historia de superación, de amizade e de aventuras. Destaca polo rico léxico descritivo de especies animais e do contorno vexetal.
X Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil
Concorreron 22 obras, entre as que resultou elixida "Aplicación instantánea" de Carlos Negro.
O xurado sinalou que ante presenza das pantallas e da tecnoloxía, a sociedade actual precisa máis ca nunca a poesía. Por iso o xurado valora desta obra, entre outros aspectos: a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas. Tamén a crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente. Unha obra que salienta pola conexión con outras voces literarias, nun rico e estimulante diálogo que leva a novas lecturas. Por último, estamos ante unha obra que rompe calquera visión estereotipada da poesía e a converte nun berro de rebeldía e reafirmación.
XXXV Premio Xerais de Novela
A gañadora foi " Besta do seu sangue" de Emma Pedreira.
O xurado a sinalou que "Besta do seu sangue" supón unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros. Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
[Comentario blog]