xoves, 29 de xaneiro de 2026

Este libro encantoume! Febreiro 2026

 


 

 

 

 

FEBREIRO 2026

Recomendamos Medo me da! de Ramón Domínguez Veiga

 

 

 

 

En formato de texto teatral, perfectamente representable, cóntanos de maneira impecable unha historia sinxela e divertida que acontece o día 2 de novembro, en que se honra aos mortos e no que nenos e nenas se disfrazan de personaxes tétricos.

Un vampiro, un home lobo, unha bruxa, unha momia, unha pantasma e alguén máis… transitan por espazos nos que una criatura humana de curta idade adoita ter medo, como pode ser ir a unha clínica dental.

O feito de que os “monstros” sexan nesta ocasión os que sufran eses medos tan comúns aos humanos, fainos máis atractivos e a mensaxe “quita-medos”, máis efectiva.


Trátase de seis escenas que van sementando intriga. Ao final de cada escena sempre acontece “algo” inesperado que lle impide ao lector, á lectora, saber de que se disfrazaron, avanzando habilmente cara a un desenlace final que sorprende e satisfai á cativada a quen vai destinada a obra.

Precisamente un dos seus valores é que ten os ingredientes precisos para conquistar á xente miúda cara ao gozo da lectura.

Aínda que convida a ser representada coma un musical, tanto por escolares (en calquera curso de primaria) como por profesionais da escena. Cada escena remata cunha canción a modo dos populares romances de cego daquela literatura chamada “de cordel” (con temas truculentos e sucesos insólitos) e con “baile”. Préstase tamén a ser lida individual o colectivamente coma unha peza literaria moi amena que trata de desmontar os medos máis comúns da infancia cun humor ateigado de equívocos e lúcida ironía, da que nenos e nenas poden gozar porque hai no autor ese esforzo en comunicarse con quen é máis novo ca nós, non menos intelixente.


FinaCasalderrey 

 

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

 

luns, 19 de xaneiro de 2026

Rescate en audio 12. O misterio do cemiterio vello de Fina Casalderrey

 

Antía Yáñez rescata "O misterio do cemiterio vello" de Fina Casalderrey, candidata ao ALMA 2026 a proposta de GÁLIX.

Nesta sección, dedicada a evitar que grandes obras literarias galegas se nos perdan no esquecemento, as nosas socias e socios están compartindo as súas lembranzas e opinións sobre as obras desta autora de referencia para a LIX galega, como parte da campaña que estamos despregando para apoiar a súa candidatura.

Este podcast está dispoñible no programa Rescate en audio de Ivoox e no programa Fina Casalderrey ao Premio ALMA 2026. 

Antía Yáñez é Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos e escritora. Foi Vicepresidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX).

No eido da literatura infantil e xuvenil ten publicado:

  • O misterio de Portomarín

  • A reconquista, Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola Igualdade, 2018

  • O misterio do torque de Burela, tamén adaptado a Lectura Fácil.

  • Be Water

  • Plan de rescate, Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade 2019

  • Be Water II


No ano 2022 recibiu o Premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

 

mércores, 7 de xaneiro de 2026

Consideracións sobre as xornadas Educar dende a LIX.

 

O pasado mes de novembro celebramos as Xornadas-Obradoiro "Ensinar dende a LIX", coordinadas por Miguel Alonso Diz e nas que contamos coa colaboración de Raquel Castro, Anxo Iglesias Mariño e Xavier Estévez Ferreiro.

A actividade contou co apoio da OEPLI e a axuda do Ministerio de Cultura e Deporte.

Realizouse en tres días diferentes usando as ferramentas pedagóxicas que nos proporciona a LIX nos ámbitos do teatro, a poesía e a narrativa.


No seu desenvolvemento constatamos a necesidade de crear sinerxías entre os distintos sectores da mediación para conseguir un intercambio de ideas, experiencias e ferramentas para enfocar a transmisión da LIX dunha forma eficaz, amena e resolutiva á hora de traballar co alumnado (infantil, primaria e ESO) e usuarios e usuarias das bibliotecas. As persoas asistentes traballaron man a man co profesorado que impartiu as diferentes sesións. Así, durante os tres días transmitíronse experiencias en vivo dunha metodoloxía eficaz para a promoción da lectura, afianzamento dos lectores e lectoras e captación de novo lectorado.

Neste sentido, un dos resultados que consideramos fundamental foi definir o marco teórico e os campos de actuación na práctica da mediación lectora.

Evidenciouse a importancia de coñecer unha extensa e contrastada bibliografía de LIX para que as persoas mediadoras saiban recomendar obras de calidade e, sobre todo, aquelas que promovan a adquisición de valores tan sensibles como os referidos ao acoso escolar, solidariedade, igualdade e diversidade, ou sexa, a realidade na LIX e a súa importancia na formación de mellores persoas no futuro.

xoves, 1 de xaneiro de 2026

Rescate en audio 11. O misterio dos fillos de Lúa de Fina Casalderrey

 

Como parte da campaña que GÁLIX está despregando para apoiar á candidatura de Fina Casalderrey ao Premio ALMA (Astrid Lindgren Memorial Award) 2026 impulsada pola asociación, a nosa socia Pilar Sampedro rescata a obra O misterio dos fillos de Lúa, unha libro infantil, publicado en 1995 pola Editorial S.M. que gañou o Premio Nacional de Literatura infantil en 1996.

 Este podcast está dispoñible no programa Rescate en audio de Ivoox e no programa Fina Casalderrey ao Premio ALMA 2026. 

Pilar Sampedro Martínez é mestra e licenciada en Ciencias da Educación.

Traballou en educación Primaria e Secundaria, en educación no exterior, en formación do profesorado e na Asesoría de bibliotecas escolares.

Formou parte da directiva de GÁLIX en diversas ocasións. Publica en diferentes revistas dixitais ou en papel e xestiona os blog: De libros e outros artefactos e No país das marabillas.