mércores, 1 de outubro de 2025

Blanca Millán gaña o 1º Premio ao Libro Informativo para a Rapazada convocado por GÁLIX.

 

Os membros do xurado do 1º Premio ao Libro Informativo para a Rapazada convocado por GÁLIX, destacaron a alta calidade e rigorosidade das propostas presentadas.

Logo de valorar e deliberar sobre diversos aspectos contemplados nas bases do certame, declaran como gañadora a obra presentada baixo o título:

Ferramentas básicas para ser artista da que resultou ser autora Blanca Millán


Este certame, dirixido a premiar proxectos de libro informativo para lectorado infantil e xuvenil, é a primeira vez que se convoca en Galicia e responde ás necesidades expresadas dende a mediación e a docencia para cubrir unha grave carencia de textos informativos de calidade feitos en Galicia e en galego.

Sobre a obra premiada, o xurado destaca a destreza na composición das páxinas e na claridade das ilustracións que se complementan con textos de rigor científico e o dinamismo das personaxes que van guiando, de xeito sinxelo, ao lectorado ao que vai dirixido.

Por último GÁLIX confía en que o certame sexa o xerme da creación de obras similares que esperten a curiosidade das novas xeracións.

Este libro encantoume! Outubro 2025

 


OUTU
BRO 2025

Recomendamos Xela, aventura na fraga de Inma Soto Iglesias

 

 

Logo de Xela, superheroina de aldea, Inma Soto e Clara Cerviño ofrecen una nova entrega protagonizada por esta nena curiosa e valente. Nesta ocasión, o escenario desprázase da aldea á fraga, un espazo natural cheo de vida, misterio e descubrimento. O argumento xira arredor dunha desaparición estraña; Xela debe seguir pistas - pegadas, plumas e restos - ata descubrir que animal se agocha. Así, a historia convertese nun xogo detectivesco que invita a quen le a participar activamente na procura.


O álbum destaca pola súa capacidade de transmitir valores ambientais sen caer na didáctica excesiva. A través de Xela, o lectorado miúdo aprende a observar e respectar os ecosistemas e a recoñecer a contorna. Se o primeiro libro poñía o foco na comunidade rural, esta aventura céntrase na fraga, no bosque, no húmido chan, nos sons que se agochan entre as árbores e a emoción dos misterios naturais.

A narración, sinxela e accesible, sostén o interese grazas ao ritmo pausado que combina suspense e contemplación. Pola súa parte, as ilustracións de Clara Cerviño engaden o marco perfecto: cores vivas, texturas de follas e sombras, pequenos detalles que converten cada páxina nun convite a mergullarse no bosque.

Estamos a falar dunha obra fermosa, comprometida e perfecta para achegar o amor pola natureza, moi recomendable na escola e con Inma Soto como contacontos.

En definitiva, confirma que Xela chegou para quedar. Unha lectura que me encantou e quero recomendar para abrir os ollos, sementar preguntas e conectar coa nosa terra. 

 

Ivana Gómez Abuín

 

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

 

martes, 30 de setembro de 2025

Na nosa biblioteca (466)

 


Novas achegas de
Editorial Galaxia para a Biblioteca de GÁLIX, :

  • Odio

  • Un porquiño polo San Martiño

  • Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios


 

Título: Odio

Texto: Gabriel Romero de Ávila

Editorial: Galaxia
Colección: Bitácora

PREMIO NEIRA VILAS DE LITERATURA XUVENIL 2025

+ info: https://editorialgalaxia.gal/produto/odio/

Novas na rede:


 

TítuloUn porquiño polo San Martiño
Texto: Macarena García Vicente

Ilustración: Iria Bermúdez Rozas

Editorial: Galaxia
Colección: Álbums

PREMIO ALBERTE QUIÑOI 2025 DE ÁLBUM ILUSTRADO

+ info: https://editorialgalaxia.gal/produto/un-porquino-polo-san-martino/

Novas na rede:

Xornal da Estrada: https://xornaldaestrada.com/2025/05/07/un-porquino-polo-san-martino-gana-o-premio-alberte-quinoi/




Título: Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio

Palacios

Texto: Diego Giráldez

Ilustración: MeliMolita

Editorial: Galaxia
Colección: Xohán Ledo

+ info: https://editorialgalaxia.gal/produto/nas-horas-do-seu-reloxo-unha-viaxe-de-antonio-palacios/






mércores, 24 de setembro de 2025

Obras finalistas no PREMIO AO LIBRO INFORMATIVO PARA A RAPAZADA 2025

 

Reunido o xurado do I Premio ao Libro Informativo para a rapazada 2025, este decidiu proclamar como obras finalistas do certame as presentadas baixo os títulos:  


Diálogos sobre as artes e Ferramentas básicas para ser artista.

Formaron parte do xurado: María Montes Sueiro, María Solar Núñez, Pilar Sampedro Martínez, Luísa Martínez Lorenzo e Susana Seoane Dovigo.

No mes de outubro darase coñecer a obra gañadora.

Reiterando o noso recoñecemento á Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura (AGABEL), damos un paso máis no cumprimento do acordo coa extinta asociación que financia esta primeira edición do Premio ao Libro Informativo para a rapazada.

Coa convocatoria deste premio, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil atende á demanda das persoas mediadoras do libro infantil que levan anos denunciando a carencia de textos informativos de calidade, tan necesarios e útiles para a rapazada, feitos en galego e en Galicia.

E tamén damos cumprimento do acordo coa extinta asociación AGABEL, que financiou esta primeira edición do Premio ao Libro Informativo para a rapazada.

domingo, 21 de setembro de 2025

Na nosa biblioteca (465)

 




Chegaron á
Biblioteca de GÁLIX os premios Barriga Verde, publicados pola Editorial Baía:
  • O faro

  • Manchea

 

 

 

 

Título: O faro  

Texto: Carlos Labraña

Editorial: Baía

Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques 2024
+ info: https://baiaedicions.gal/barriga-verde/604-o-faro.html


 

 


Título
: Manchea
Texto: Andrea Freire
Ilustracións: Lola Villa Pérez

Editorial: Baía

Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (categoría infantil) 2024


+ info: https://baiaedicions.gal/barriga-verde/605-manchea.html

Novas na rede:

luns, 15 de setembro de 2025

Lecturas desde O Garaxe - 2. O galo que puxo un ovo

 


Levamos todo o verán sen novas na sección: Lecturas desde O Garaxe: esas recensións críticas sobre álbums infantís publicados nos últimos tempos, feitas polo alumnado do Curso Profesional de Creación Literaria e Ilustración da Escola O Garaxe Hermético.

Lembrade que hai un taboleiro no noso Pínterest onde estarán recollidas todas as colaboracións recibidas para que poidan ser consultadas por xunto por calquera persoa interesada no tema.

Velaí vai a colaboración de hoxe: 

 

  


 

O galo que puxo un ovo de Indy García Acedo por Nuria Rama Fariña.

 

 

 

O libro do que vou escribir chámase O galo que puxo un ovo. Foi escrito por Indy García Acedo, ilustrado por Laura Torrado Varela e traducido por María Xesús González Ximénez. Foi publicado tanto en galego como en castelán por OQO editora.

Indy García non só se dedica a escribir. Ela é psicóloga titulada e ademais traballa como contacontos. Fai obradoiros creativos e diversas actividades para fomentar a lectura nos cativos. Esta obra en particular é o seu cuarto álbum.


Laura ten una ampla produción artística. Dela podemos salientar as súas ilustracións e murais. Ten un estilo moi distintivo, persoal e tenro. Busca transmitir sensacións.

A versión en castelán e en galego deste conto foron publicadas no mesmo día. É dicir, saíron á venda o un de marzo de 2023. É un libro pequeno de tapa dura. Conta con 36 páxinas que inclúen ilustracións e textos. Está dirixido a un público novo.

O libro conta a historia dun ovo perdido e como as galiñas andan a buscar por el. Por iso teñen que preguntarlles ós outros animais da granxa.

Son textos pequenos e sinxelos de ler para o publico máis novo. Doado de entender, non hai palabra complicadas ou que poidan confundir os lectores. Ademais, o texto utiliza a repetición da mesma pregunta unha e outra vez; o que varía é a contestación que reciben. No texto decatámonos de como os sons dos animais están resaltados para chamar a atención dos cativos.



luns, 1 de setembro de 2025

Este libro encantoume! Setembro 2025

 


SETEMBRO 2025

Recomendamos Que cabe nun calcetín? de Paula Carballeira

 

 

Este libro encantoume por varios motivos: Está escrito por unha das miñas autoras favoritas, é moi divertido, faime revivir a Gianni Rodari… e ademais é unha obra de teatro con moita maxia.

Desenvólvese en Venecia. Por alí andaba a bruxa Befana, que se desprazaba en góndola polos canais e a noite do 5 de xaneiro repartía agasallos e comida a quen lle deixaba á vista os calcetíns.


En Venecia tamén vive Colombina, Arlequín, Polichinela, o Capitán e Pantalone. Colombina era unha rapaza moi espelida pero pasaba moita fame. Non quería traballar, pero gustaríalle comer cando lle apetecese e ter de todo. Para poder cambiar de vida, ocorreuselle tenderlle unha trampa a Befana a fin de facerse coa súa maxia. Pero o plan non se lle pon doado.

Moi interesante esta proposta de Paula Carballeira para ler e xogar ao teatro dentro da escola. Ten ademais un carácter interdisciplinar que nos pode levar a investigar sobre Italia e os seus costumes e tradicións, a situar Venecia no mapa ou a coñecer as súas singulares rúas.

Está ilustrado por Iria Fafián, que nos mostra na cuberta unha potente imaxe feminina, que coa súa ampla vestimenta penetra na contracuberta, creando un todo narrativo. Cores sobrias para que o branco do título destaque con firmeza, á vez que metaforiza todo o que cabe nun calcetín.

As ilustracións do interior, en xeral, ofrecen coherencia e unidade cromática e fan gala dun debuxo preciso e ocorrente, moi apropiado para unha obra de teatro divertida. No seu conxunto, son imaxes dinámicas e ben circunscritas ao escenario teatral.


Ánxeles Roca



GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.