martes, 28 de xaneiro de 2025

Na nosa biblioteca (437)

 


 

A Editorial Sushi Books achéganos estas novidades para a Biblioteca de GÁLIX:

  • A abella Maia e as súas aventuras 

     


Título: A abella Maia e as súas aventuras  

Texto: Waldemar Bonsels

Tradución: Eva Almazán

Editorial: Sushi Books

Colección: Intermedio
+ info: https://rinoceronte.gal/sushibooks/produto/a-abella-maia-e-as-suas-aventuras/

venres, 24 de xaneiro de 2025

Convocatoria do V Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

 

Aberto o prazo de presentación para o Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade que ven sendo convocado por Baía Edicións, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, desde o ano 2018 como recoñecemento ao labor da autora a prol da igualdade entre nenas e nenos e co obxectivo de promover a educación non sexista.


 
  • Ao certame poderán presentarse obras que atendan ao concepto de literatura infantil non sexista e coeducativa.

  • Deberán ser:

    • Textos inéditos e non premiados.

    • Escritos en galego normativo.

    • Extensión máxima de 5.000 caracteres.

  • O premio, único, ten unha dotación económica de 2.500 €.

  • A obra premiada será publicada por Baía Edicións como álbum ilustrado.

  • O prazo de recepción de obras remata o 8 de marzo de 2025.

Acceso ás bases completas na páxina da editora.

xoves, 23 de xaneiro de 2025

BERNARDINO GRAÑA. O escritor da rapazada. O amigo.

 

O sábado 18 de xaneiro ás oito da mañá recibín unha mensaxe que, non por esperada, non deixou de doer: “Ola, Miguel Anxo, bos días. Acábame de avisar Natalia, da residencia, que faleceu Bernardino”. A voz de Luís Cherre marcaba un comezo e un final, pero sobre todo a súa voz mancaba.

O poeta do mar e do amar, o poeta comprometido, o membro fundador do grupo Brais Pinto, o profesor, o primeiro presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), o académico da Real Academia Galega (RAG) e, sobre todas as cousas, o noso amigo Bernardino finalizaba o seu periplo vital.

 

Falarase moito sobre a súa obra nos vindeiros días, anos... e, aproveitando o espazo que a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) quixo ceder para homenaxear a Bernardino Graña, decidín deixar constancia por escrito, ademais do inmenso agarimo que lle profesamos na casa ao profeta do mar, o feito de que boa parte da súa obra tivo como receptor a rapazada galega.

Podo dar fe de que, nas nosas conversas, unha das súas preocupacións máis fondas era a perda de falantes, o incerto futuro da nosa lingua. Para ambos era triste comprobar que os nenos e nenas cada vez estaban máis afastados do seu idioma.

    - Ninguén me fala galego –afirmaba visiblemente anoxado.

    - Hai que seguir sementando, Bernardino. Non queda outra. Somos teimosos – contestáballe eu.

Escribo palabras que lle repetín en máis dunha ocasión e, ao facelo, podo ver o aceno do meu amigo. Lembro querer transmitirlle a idea de continuidade neste gran proxecto común que é a nosa lingua.

    - Outros virán despois de nós...

Ás veces sorría, outras...

Cando o coñecín eu era un neno que gozaba escoitando as súas historias. Manuel María, Novoneyra, Celso Emilio, Gabriel Celaya... Co tempo, tocoume ser a min o narrador.

Enfadábase porque a palabra exacta non quería acudir á súa chamada. Falabamos das actividades que realizaba coa rapazada, dos contacontos e dos libros que nacían ou que agardaban nacer. Era fermoso comprobar a ilusión coa que Bernardino recibía tanto os seus traballos coma os meus. Preguntábame por Manoli e as pequenas. Se tiña traballo... Fermosos encontros ao carón da ría con Luís Cherre ou con Alexandre Ripoll e Sabela como compañía.

Un tempo que xa é parte de todos nós.

Quero recordar agora, neste espazo, o seu discurso de entrada na Real Academia Galega. Comezou falando da súa infancia e de ser galego:

     "Os galegos somos coma os salmóns. Se queremos buscar as nosas augas puras e primixenias e seguirmos sendo coma nós mesmos, se queremos sobrevivir, sermos fieis á nosa identidade, temos que deixar o ancho mar castelán e impulsarnos contra corrente”.

Toda unha declaración que reflicte o seu compromiso coa lingua. O noso compromiso.

Bernardino poeta e Bernardino persoa, deixa unha pegada en moitos de nós, igual que nos lega unha magnífica presada de obras dirixidas ao público infantil e xuvenil, sobre todo no eido da narrativa e o teatro. Proba disto son os seguintes títulos: O león e o paxaro rebelde (Galaxia, 1969), premiado no II Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho; Xan Guindán, capitán (Xerais, 1991); Oso mimoso (Xerais, 1992); Rata linda de Compostela (Xerais, 1994); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais, 1994), premio Merlín de 1993; Xan Guindán mensaxeiro (Obradoiro, 1994), Xan Guindán e os salvaxes (Obradoiro, 1995); O quirico lambón (Xerais,1997); Tragaxán e Tragadiño (Galaxia, 2016) ou Lobísimo do saco. Tres titiritadas (Galaxia,2019), entre outros.

O Presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, destacou precisamente esta faceta durante o acto de despedida que tivo lugar en Cangas o pasado domingo 19 de xaneiro, afirmando que tamén era o escritor dos nenos, e eu non podo estar máis de acordo.

Queda moito por contar pero gardarei esas historias para compartilas ao redor dunha mesa. Tal como adoitabamos facer. En irmandade.

 

Vigo, 21 de xaneiro de 2024

Miguel A. Alonso Diz



A directiva de GÁLIX tamén quere mostrar o seu pesar polo pasamento de Bernardino Graña e deixar constancia, empregando a voz de Miguel Anxo, da súa contribución á LIX galega cunha obra que bebe directamente da oralidade do noso pobo.

Seguiremos teimando neste proxecto común que é Galicia. Dándolle visibilidade e promovendo a cultura e a lingua galegas a través da literatura infantil e xuvenil.

mércores, 22 de xaneiro de 2025

Os movementos migratorios na LIX. Xornadas GÁLIX-DESFACENDO A RAIA XIV

 

Os movementos migratorios na LIX é o título das XIV Xornadas GÁLIX-DESFACENDO A RAIA que se celebrarán no Salón de actos da Facultadede Ciencias da Educación de Santiago de Compostela os días 29 e 30 de xaneiro e o mércores 5 de febreiro en horario de 17:00 a 20:00.

Nesta edición das Xornadas Desfacendo a raia, queremos desfacer máis fronteiras aínda, poñendo o eixo do debate e a reflexión na situación das persoas, principalmente a infancia, que se se ven na necesidade de saír dos seus países por estaren en situacións de violencia ou miseria.

Abrirán as xornadas Valentín García, Secretario Xeral da Lingua, María López Sández, Vicedecana da Facultade de Ciencias da Información, e Andrea Jamardo, Secretaria de GÁLIX .


Contaremos coa presenza de profesionais de recoñecido prestixio no mundo do libro, da creación, da tradución, da ilustración, da investigación literaria e da edición: Lois Pérez, Marta Neira, Rosa Aneiros, Beatriz Maceda, Iago Nicolás, Carlos Labraña, Celia Díaz, Susana Suniaga e Laura Rodríguez.

A actividade formativa organizada por GÁLIX conta coa colaboración da OEPLI e o Ministerio de Cultura.

mércores, 15 de xaneiro de 2025

Rescate en audio 2. Crocodilo

 A ilustradora pontevedresa, Alicia Suárez rescata, para lectoras e lectoras de todas as idades, o álbum de primeiras lecturas Crocodilo de Antonio Rubio e Óscar Vilán, traducido por Manuela Rodríguez.

Este é un libro con máis de tres anos, como todos os libros que rescataremos neste programa, publicado por Kalandraka na colección Do berce á lúa no ano 2005, aínda que ten varias reedicións e está presente, como nos indica Alicia, nos andeis de todas as bibliotecas públicas e escolares.

É un estrambótico xogo de cores para ser lido e recitado.

No aniversario do seu nacemento, GÁLIX convoca o Primeiro Premio ao Libro Informativo para a rapazada

 

Este 14 de xaneiro, no que se cumpren os 36 anos do seu nacemento, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), que ten como unha das súas funcións a defensa e promoción da cultura e lingua galegas a través do libro infantil e xuvenil, convoca o Primeiro Premio ao Libro Informativo para a rapazada coa intención de fomentar a curiosidade pola lectura e a divulgación da ciencia na lingua propia.


 Cremos que é importante facilitar o acceso a obras informativas de calidade que fomenten actitudes positivas cara a ciencia e, se fose o caso, esperten vocacións temperás.

Agardamos que este certame sirva para estimular a creación de obras que fomenten o pensamento crítico e sexan vehículo de transmisión de coñecementos relacionados coas diferentes áreas científicas dun xeito lúdico, rigoroso e adaptado ao público ao que vai dirixido.

Consideramos que é importante espertar o interese da rapazada polas diferentes áreas do coñecemento científico.

Ademais, os libros de divulgación científica son un recurso valioso para o traballo nas aulas e unha marabillosa ferramenta que sirva de estímulo á lectura en galego.

GÁLIX  quere agradecer tamén o labor do grupo de traballo formado por Luisa Martínez LorenzoPilar Sampedro  e Miguel A. Alonso Diz  que elaborou estas bases e posibilitou a posta en marcha deste certame.

ACCESO ÁS BASES DO CONCURSO

Con esta convocatoria damos cumprimento ao acordo asinado coa extinta Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura (AGABEL) que financia esta primeira edición. Para todas as persoas que formaban parte dela o noso recoñecemento e agradecemento.


luns, 13 de xaneiro de 2025

Na nosa biblioteca (436)

 

Chegaron á Biblioteca de GÁLIX novidades de GALAXIA:

  • Vilapaspán

  • O pequeno libro da intrépida Éire


Título: Vilapaspán
Texto: Rodrigo Cota
Ilustracións: Fernando Tomé

Editorial: Galaxia
Colección: Libros singulares

+ info: https://editorialgalaxia.gal/produto/vilapaspan/





Título
: O pequeno libro da intrépida Éire
Autor: juáncho

Editorial: Galaxia
Colección: Xohán Ledo

+ info: https://editorialgalaxia.gal/produto/o-pequeno-libro-da-intrepida-eire/

mércores, 8 de xaneiro de 2025

Na nosa biblioteca (435)

Recibimos, como doazón para a Biblioteca de GÁLIX, o novo proxecto de Pakolas en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)

  • Ecoralia, a lambona ecolóxica

 

 

Título: Ecoralia, a lambona ecolóxica
Texto: Paco Cerdeira (Pakolas)
Ilustracións: Laura Romero
Editorial: CRAEGA

Libro-Disco

+ info: https://pakolas.com/estreaecoralia/

 

Novas na rede: