Espazo Lectura vén de recibir o Premio Liber 2024 da Federación de Gremios de editores de España, na categoría á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público como recoñecemento o labor de promoción da lectura que desenvolve a asociación dende 2006 a través de distintas actividades nas que o libro sempre está presente.
Este proxecto partiu da actividade Contomar que un grupo de persoas comezou a realizar, en 2006, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Este labor inicial foi o xérmolo dunha proposta de actividades diversificadas na que os clubs de lectura van ter un protagonismo especial.
Dezaoito anos despois, a asociación, cunha forte implantación, ten consolidado en Gondomar un programa con 12 actividades mensuais estables, no que están implicados o Concello e os centros de ensino da zona, e conta co apoio da maioría das editoras galegas
As actividades artéllanse baixo tres grandes liñas de acción:
a creación e animación de clubs de lectura;
a difusión e sensibilización;
e a formación especializada no fomento da lectura.
Para acadar e desenvolver estas liñas de acción, Espazo Lectura conta cun equipo consolidado de persoas voluntarias e mantén unha programación permanente ao longo do ano e outra estacional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
[Comentario blog]