Fran
Alonso (Vigo,
1963)
Escritor
e editor
Socio
nº 235 de GÁLIX
É
licenciado
en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC e Máster en Promoción da
Lectura pola UCLM, comezou
a súa traxectoria laboral no ámbito do xornalismo, no Diario
16 de Galicia, e
desde 2018 é director de Edicións Xerais de
Galicia, onde leva traballando máis de dúas décadas.
Entre
2006
e 2010 ocupou o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de
Editores,
é un dos membros fundadores da asociación Espazo
Lectura
e realiza espectáculos
de animación poética.
Como
escritor é autor dunha obra literaria que
abarca a narrativa, a poesía, a literatura electrónica, a
literatura infantil e xuvenil e o xornalismo. Toda
a súa obra se caracteriza por un desexo
de renovación formal e
un posicionamento inconformista.
Autor
de máis de 35 títulos, entre os seus títulos de LIX cabe citar A
curva da pantasma
(2023), Douche
a miña palabra (2021),
Street
poems (2018);
Poemas
birollos para ler cos ollos
(2016), Contos
nerviosos (2016),
O
meu gato é un poeta
(2011), A
araña e mais eu (2009),
Cartas de amor (2006),
Poetízate
(2006),
O
brillo dos elefantes
(1999), ou Cidades
(1997).
http://www.franalonso.gal
http://www.poetica.gal
A maior fortaleza, sen dúbida, é a forza das súas creadoras e
creadores, capaces de construír unha literatura que, no Estado
español está a resultar canónica.
Ti
es o socio número 235. Por que te asociaches a GALIX e
continúas apoiando este proxecto?
Asocieime
no seu día porque creo que a representación gremial e o esforzo
colectivo sempre paga a pena, moi especialmente no ámbito da
creatividade, e debe facerse desde a xenerosidade e a amplitude de
miras.
Que
ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?
Cando eu era
neno a LIX galega apenas existía ou era practicamente invisible.
Achegueime a ela xa con certa idade e empurrado por unha curiosidade
innata que sempre formou parte de min.
Que
libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?
Eu
sempre digo que, como persoa escasamente mitómana que son, resúltame
moi complexo buscar un único título, pois fun e son e serei o
resultado de moitas lecturas e todas elas contribuíron a formarme.
Un dos primeiros autores que lin en galego foi Eduardo Blanco Amor e,
posteriormente, quizais X. L. Méndez Ferrín.
Un
libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres
imprescindible?
Creo
que a estas alturas, a LIX galega xa ten unha boa nómina de
imprescinbles, pero por remitirme a un clásico de poesía infantil,
citaría Os soños na gaiola, de Manuel María. Un libro
pioneiro, ou fundador en moitos sentidos.
Con
que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?
É
unha pregunta moi complexa porque agora, desde a miña ollada de
adulto, non teño a mesma resposta que tería de neno e agora a miña
apreciación é máis literaria que se estivese centrada nun
personaxe concreto. Cando era neno, por desgraza, a LIX galega non
chegou a min e sempre me sentín moi identificado cun personaxe da
LIX estranxeira que é Pipi Calzaslargas.
Os
límites da LIX galega, en moitos casos, están marcados polo
descoñecemento ou o prexuízo de quen non le nunca en galego.
A
que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes
aos teus soños ?
A
calidade das ilustradoras e ilustradores galegos é fantástica e
sentiríame a gusto con moitos deles, pero para os meus libros
probablemente síntome máis cómodo con ese tipo de ilustración que
ten un certo pouso poético, como o que empregou Bea Gregores para
ilustrar o meu libro Douche a miña palabra.
Sinala
a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil
galego.
A
maior fortaleza, sen dúbida, é a forza das súas creadoras e
creadores, capaces de construír unha literatura que, no Estado
español está a resultar canónica. A maior debilidade está na súa
dependencia do sistema educativo e no baixo nivel de vendas por
impulso ou espontáneas que existe nas librarías.
Dende
que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios
destacarías na súa evolución.
Creo
que ao longo dos últimos anos a LIX galega evolucionou moi
positivamente, superando vellos tabús, abríndose tematicamente,
medrando en concepción, en ambición, en calidade e en relación
para converterse nunha literatura que merece ser exportada e lida
internacionalmente.
Cal
consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
Os
límites da LIX galega, en moitos casos, están marcados polo
descoñecemento ou o prexuízo de quen non le nunca en galego, que é
unha porcentaxe moi ampla da poboación lectora galega. Tamén é
certo que a LIX ten unha maior potencialidade para introducirse nas
casas a través do sistema escolar que a literatura de adultos.
Evidentemente, hai moito camiño por percorrer para que todos os
lectores e lectoras galegos se recoñezan na súa LIX; como dixen
antes, continúa demasiado apegada ao ámbito escolar e ese feito é
especialmente grave na adolescencia e coa literatura xuvenil, porque
a LIX galega non está presente por vontade propia entre os
adolescentes nos seus foros de debate, nas redes sociais nin nos
ámbitos lectura xuvenil non académicos, como si que o está a LIX
en castelán.
Apunta
un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros
infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección
fóra de Galicia.
Creo
que son dous obxectivos distintos. O máis necesario para promover a
LIX galega en Galicia pode concretarse en dous puntos: 1) Conseguir
unha normalización do uso do galego moito máis eficaz e real; 2)
Crear un plan de fomento da lectura ligado á sociedade civil que
teña accións efectivas e permanentes con moita continuidade no
tempo.
Para
conseguir unha maior proxección da LIX fóra de Galicia é necesario
un Instituto Rosalía de Catro (como está contemplado na Lei do
Libro e a Lectura); é dicir, un organismo institucional que promova
as traducións, a exportación e a visibilidade da LIX galega no
exterior. Potencial non nos falta; lembremos que aproximadamente
entre as últimas 20 edicións do Premio Lazarillo hai 10 obras en
lingua galega, o que é unha proporción abraiante.