DECEMBRO 2023
Recomendamos Unha
veciña de película
de Iria
Misa.
Con esa frescura característica dos veráns da infancia, Unha veciña de película relata as prodixiosas vacacións de Elsie e Simón, dous irmáns xemelgos que observan con curiosidade a chegada dunha nova veciña. O que comeza como un castigo limpando o xardín da muller, remata por converterse nunha inesquecible aventura. E é que Alice é unha veciña moi singular que posúe un obxecto non menos especial ca ela: un proxector de cine capaz de transportalos a calquera escenario de película.
Narrada cun estilo sensible e desenfadado, que completan as animadas ilustracións de Laura Suárez, a novela trasládanos á evocadora atmosfera das longas vacacións da nenez, onde todo é posible. A trama mestura as vivencias de Elsie e Simón cunha variedade de filmes clásicos que responden ao desenvolvemento dos acontecementos relatados. Porén, o asombro agarda á volta de cada páxina. Porque O mago de Oz, Viaxe á lúa ou Frankenstein non son exactamente como as lembrábamos. A maxia de Alice consegue adaptar o argumento de cada película para que os xemelgos se convertan en protagonistas das mesmas. E invita a soñar cada novo final. Ao acerto da elección dos filmes, representativos de distintos xéneros e épocas, hai que sumar a hábil incorporación de fragmentos guionizados que envolven ao lector ou lectora nun universo fascinante, dando lugar a unha historia áxil e entretida que non esquece temas como a superación dos prexuízos ou a incorporación de modelos de familia diferentes. Unha vez máis, Iria Misa sorpréndenos cunha novela distinta, orixinal e intensa da que non só gozarán os nenos e as nenas, senón calquera amante do cine que se mergulle nas súas páxinas.
________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
[Comentario blog]