Setembro 2022
Recomendamos Contos de seu de Xosé Tomás
Xosé
Tomás Díaz Teijo é un prolífico autor que ten
desenvolvido a súa actividade no eido da ilustración e do humor
gráfico, A maioría da súa obra vai dirixida ao público infantil e
xuvenil. Galardoado en numerosas ocasións é ademais profesor de
ensino secundario. Na obra que nos ocupa, “Contos de seu”,
Xosé Tomás fai gala da súa mestría na banda deseñada e
adéntranos na realidade dun país, dunha terra poboada por
individuos con costumes e características particulares. Lévanos
sutilmente a un mundo imaxinario pero tamén real, coas súas
consabidas peculiaridades paisaxísticas, antropolóxicas e
lingüísticas. Desvélanos os segredos desta nai común, chamada
Galiza, depositaria de vellas tradicións, costumes e crenzas que
conforman a alma do pobo. Envurullados polo misterio, a brétema e os
soños.
Mediante
a banda deseñada e guiado pola luz dun candil, Xosé Tomás, tómalle
o pulso a Ánxel Fole, nunha sentida homenaxe que tan só pretende
convidarnos ao universo máxico do grande narrador. Réndelle, pois,
o seu respecto e admiración con deseños animados que unhas veces
calan e outras asustan, soñan, valoran e percorren os universos
infindos do ilustre fistor.
___________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
[Comentario blog]