xoves, 11 de agosto de 2022

Este libro encantoume! (agosto 2022)

 AGOSTO 2022

 

Recomendamos 21 poetas do século XXI de Zaira Ferradás, Silvia García, Sara Fonta, Sara Faro, Rosalía Bernárdez, Paula Varela, Noé González, Nee Barros, Mariña Maceiras, Lucas Gago, Lorena Fernández, Lois Gayoso, Juan Rocamonde, Jorge Moral, Isolda Comesaña, Fabián Niño, Clara Blanco, Antía Balvís, Ángela del Canto, Andy da Fonte e Ana Fraile.  

Selección de Carlos da Aira.

No ano 21 do século XXI saíu esta antoloxía de 21 poetas que naceron no século XXI e tiñan, polo tanto, 21 ou menos anos. Poesía novísima de persoas que escriben cunha madurez abraiante, demostrando que, como dixo o poeta, “a poesía é un arma cargada de futuro”. Poesía para a xente nova de ata... 100 anos (ou máis).

Na cuberta posterior do libro dise: “A literatura é xogo e a poesía é, de entre todas as artes, a máis lúdica”. E estas persoas poetas xogan cos versos formando composicións poéticas moi importantes para elas e para nós, porque a poesía que se escribe nestas idades non se volve escribir despois, porque os sentimentos que se viven nestas idades son únicos e única é tamén a súa expresión. Única é a vivencia afectiva, psíquica, física e social, para estas persoas que escriben e para as que as lemos. A mocidade é ese tempo de escribir no borde dos cadernos, papeis reciclados, panos de mesa de papel, mensaxes de texto en redes sociais e app, notas de audio..., de debuxar neses mesmos espazos, con palabras ou imaxes, os nosos sentimentos e preocupacións.

Atopamos neste libro diferentes estilos, diferentes métricas, poemas “desmetricados”, poemas intimistas, poemas sociais, poemas sobre a vida cotiá, impulsivos, explosivos, implosivos... Poesía lírica, épica e dramática, asonante, consonante e disonante, versos e estrofas que nos trasladan a poemas altamente vivenciais.

En grego, a palabra que denominaba á poesía era “poiesis”, que significaba “facer”, facer na práctica, todo tipo de traballo artesanal, incluído o que realizaba un artista. Ese artista era o ποιητής (poietés): creador, autor; fabricante, artesán, facedor, poeta... Así, “poiesis” era un termo que significaba que existía unha actividade creativa, que se creaba, dende cero, algo que antes non existía.

Estas persoas poetas non só crean poesía, crean en nós a sensación de confianza na continuidade da lingua transmisora de formas diversas de ser e estar na vida.

Medre a poesía! E medre na xente nova!


Lourdes Maceiras


___________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.


 

martes, 2 de agosto de 2022

CREADOR@S NA RESERVA. Libro ilustrado

As Reservas de Biosfera foron concibidas no ano 1974 polo Grupo de Traballo do Programa sobre o Home e a Biosfera da UNESCO, co obxecto de conciliar a preservación da diversidade biolóxica dos recursos con uso sostible.

Na provincia da Coruña só hai unha reserva da Biosfera, declarada o 28 de maio de 2013, que abrangue 17 concellos das comarcas da Coruña, Betanzos e Terra de Melide: As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.


 

 

 

 

Co obxectivo de destacar, particularmente entre os máis novos, a riqueza natural desta zona e difundir o valor deste recoñecemento outorgado pola UNESCO, en GÁLIX xurdiu o proxecto de CREADOR@S NA RESERVA. Libro ilustrado, coordinado por María Canosa, e para levalo adiante contamos coa colaboración dos nosos socios e socias do ámbito da creación literaria e gráfica. Propuxémoslles formar parellas artísticas e crear un libro de textos ilustrados inspirados nesta Reserva da Biosfera.

O resultado final é unha publicación, coordinada por María Canosa,  que responde á idea inicial de poñer en relación a creatividade literaria co potencial da nosa ilustración. Deste xeito, recóllense nel 42 traballos (21 textos literarios e 21 ilustracións) que dan boa idea das sinerxías que se desenvolven cando se complementa o traballo textual co gráfico e viceversa.

O traballo contribuirá a promover esta zona, tamén como lugar de visita, apostando por novas fórmulas de difusión e contidos que poñan de manifesto o valor natural.

A publicación deste libro contou co apoio da Deputación da Coruña,