luns, 31 de xaneiro de 2022

Na nosa biblioteca (276)

 


Chegaron n
ovidades da editorial Bululú como doazón para a Biblioteca de GÁLIX :
  • Quen é quen?,

  • A estraña sorpresa



 
Título: Quen é quen?

Texto: Vera Galindo

Ilustracións: Vera Galindo

Editorial: Bululú

+ info: https://www.editorialbululu.com/producto/quen-e-quen/





 

 

Título: A estraña sorpresa

Texto: Gracia Iglesias 

Ilustracións: Vicente Cruz

Editorial: Bululú

+ info: https://www.editorialbululu.com/producto/a-estrana-sorpresa/

venres, 28 de xaneiro de 2022

Xornadas GÁLIX - Desfacendo a Raia VIII. Poesía cargada de futuro para futuras xeracións

Esta actividade formativa, organizada por GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, sección da OEPLI correspondente ao ámbito galego) con axuda do Ministerio de Cultura e Deporte, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega que nos cede o espazo de celebración e os medios técnicos de retransmisión.

O CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) certifica con 8 horas de formación a actividade, na que o profesorado pode inscribirse co código G2102130.

A formación en modalidade presencial realizarase no salón de actos do 2º andar do Pazo de Raxoi, Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.

Tamén se pode seguir en directo pola canle YouTube de GÁLIX.

Convidamos a todas as persoas interesadas, profesionais da mediación e a creación no eido do libro infantil e xuvenil galego, a participar nesta xornada na que reflexionaremos sobre o momento actual da poesía infantil e xuvenil, centrándonos especialmente nos logros, mais tamén nas carencias para poder entre todos e todas achegar alternativas que colaboren a mellorar a situación.

 


domingo, 16 de xaneiro de 2022

A Xanela de GÁLIX. Marica Campo

María Pilar Campo Domínguez, Marica Campo naceu en 1948 en Val do Mao, no Incio, Lugo.

Quixo ser misioneira e, aos quince anos, ingresou nunha orde relixiosa e estudou teoloxía.

Obtivo o título de maxisterio e traballou, primeiro como mestra e, máis adiante, como especialista de lingua galega en varias escolas e
institutos.

Do seu labor como escritora, chama a atención a súa obra como letrista de cancións.

Foi nomeada Chairega de Honra pola Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá en novembro de 2007.

No ano 2013 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como elixiuna como A Escritora na súa Terra cunha homenaxe no Val de Mao, onde se erixiu un monólito na súa honra no campo da festa que leva o nome de Souto Marica Campo. No mesmo ano o concello de Lugo entregoulle o premio Entre mulleres.

A plataforma literaria A Sega, escolleuna no ano 2018 como protagonista da V edición do Día das Galegas nas Letras.

Ademais de ser unha mestra comprometida coa lingua, Marica é tradutora e unha escritora que abrangue todos os xéneros: divulgación, ensaio, narrativa, teatro e poesía.

No eido da Literatura Infantil e Xuvenil destacamos:

  • Crispín do Mao, Crispín do mar; Adeus, pés!; O enigma do menhir; Catro pallasos. (2003). Xunta de Galicia

  • Abracadabras (2006). Edicións do Castro.

  • E Xoel aprendeu a voar (2009). Obradoiro (2017) Oqueleo.

  • Noutra dimensión (2011). Galaxia

  • Unha misión para Clara (2018). Oqueleo.

E as traducións de:

  • As dúas casas de Alicia de Cristelle Vallat (2013) Baía.

  • A Terra acatarrouse de Roxane Marie Galliez (2013). Baía. 

     

    ACCESO


sábado, 8 de xaneiro de 2022

Primeiro Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia

 O Día de Rosalía de Castro 2022, 24 de febreiro, remata o prazo para presentar orixinais á primeira edición do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

 

  • Para obras inéditas escritas en lingua galega.
  • Que estean destinadas a un público infantil.
  • Cunha extensión máxima de 30.000 caracteres.
  • O premio ten unha dotación de 1.000 €

 

O acto de entrega do premio está previsto para o 27 de marzo, Día do Teatro. 

ACCESO ÁS BASES 

sábado, 1 de xaneiro de 2022

Este libro encantoume! (xaneiro 2022)

 XANEIRO 2022


Recomendamos:
Ninguén coma min. (Autobiografía dun tirano) de Ignacio Chao 

 

 

Ninguén coma min, subtitulado Autobiografía dun tirano, resultou finalista do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, forma parte de Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes del Banco del Libro na mención “Transgresión” (segundo citan, por realizar unha crítica necesaria dende o sarcasmo), formou parte da selección da OEPLI e acaba de entrar na prestixiosa lista The White Ravens da biblioteca xuvenil de Munich.


Trátase dun relato en primeira persoa no que un porco se retrata de forma egocéntrica, narcisista e pedante, sentíndose o elixido, un ser único e admirado por todos. Crese superior e considera que todo debe estar ao seu servizo. As súas afirmacións asustan, porque nelas recoñecemos o sentir de dirixentes reais e porque nos mostra unha realidade que se produciu no pasado e está presente na actualidade.

Este álbum foi definido como “pouco usual e desconcertante”, por traernos, de novo, a historia do ditador pero cun desenlace inesperado que lle dá a volta á crónica, situándoa nun contexto especial que nos produce perplexidade antes da gargallada final.

Unhas magníficas ilustracións mostran ese imaxinario de poder, incluso valéndose das sombras, e engaden significados enriquecendo así a narración.

Unha xoia que nos fai reflexionar, porque o discurso dese ditador que fala de como se ve e como mira o mundo que o rodea, cae polo propio peso do absurdo, na derradeira páxina, cando descubrimos que non é libre.

Unha obra mestra que parte dunha nova de prensa.

Un libro válido tamén para maiores que o relacionarán con obras de referencia. Unha lectura que peta na porta da nosa intelixencia para atender as diferentes capas de significado.

Unha lección de vida en poucas páxinas, un golpe en pleno peito, unha parodia.



Pilar Sampedro

______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.