domingo, 15 de agosto de 2021

A Xanela de GÁLIX. Ana María Fernández

ANA MARÍA FERNÁNDEZ

NOTA AUTOBIOGRÁFICA

Nacín en Palma (Illes Balears) en 1949. Pasei a infancia e a adolescencia en Andalucía e Asturias. Durante esta época sempre tiven como actividade lúdica a de ler e escribir os meus propios contos. Cheguei en 1967 á Coruña. Estudei a carreira de Maxisterio e licencieime en Filosofía e Letras.


Desde que pisei Galicia, o meu interese pola literatura galega foi en aumento. A pesar de descoñecer o idioma, lanceime a ler moitos dos libros clásicos, comezando pola poesía de Rosalía, Cabanillas e Curros Enríquez, pero tamén a prosa de Otero Pedrayo e outros autores.

A miña vida laboral como mestra comeza en Carballo en 1971 e segue por Fisterra, Muxía, Tordoia, Betanzos e A Coruña. Todos estes espazos, maioritariamente galegofalantes, contribuíron a que fose mergullándome no idioma e afianzando a miña expresión literaria en galego ao longo da década dos setenta. Por esta época tamén tiven a sorte de atopar xente entusiasta e con iniciativas para ampliar os horizontes da lingua e a literatura galega nos centros escolares. Con Xoán Babarro participei en cursos, libros colectivos, libros de texto, certames literarios e outras empresas creativas que para nós resultaban de interese. Xuntos gañamos O Barco de Vapor en dúas ocasións (Primeiro libro con Malola e Barrigaverde e o dragón Atchís) e tamén “O Facho” de teatro (Grande invento para saír do aburrimento).

Nun primeiro momento foron un aliciente para min os concursos da Agrupación Cultural “O Facho”; tanto o de contos (primeiro premio de 1977 con Os amigos do cabaceiro) coma o de teatro (obra recomendada para a publicación en 1973 con O profesor das estrelas). Neste senso, tamén me resultou ilusionante colaborar na revista Vagalume (“A xirafiña”, 1975) ou canalizar a produción literaria a través de libros escolares como Lúa nova 3 (1981) ou Contos degrañados (1981).

Ao longo do meu percorrido vital ata o momento actual escribín moitas obras para a infancia e a xuventude, nas que están representados varios xéneros literarios, entre os que ocupa unha parcela significativa a poesía. Por ela fun galardoada, entre outros, co Lazarillo de 2001, por Amar e outros verbos -tamén distinguido co The White Ravens en 2003-, así como coa presenza na Lista de honor IBBY de 2006, con O país de amarnos.

ACCESO

domingo, 1 de agosto de 2021

Este libro encantoume! (agosto2021)

 

Agosto 2021

Recomendamos: A Alcaldesa Vermella de El Hematocrítico, en tradución de Anaír Rodríguez

 

 

  

Cando lemos o título véñennos á mente outros títulos, estes nobiliarios, como a duquesa vermella.

Nun libro de El Hematocrito, Vermella só pode referirse a Carapuchiña e á posibilidade de que se presente ás eleccións municipais. Como vai ser iso? Pois da maneira máis natural. Estamos, como corresponde, no bosque e por el pululan todos os personaxes dos contos tradicionais cando fai a súa aparición o xenio da lámpada que quere instalarse aquí, agora que se xubilou. Todos empezan a soñar con pedirlle os seus desexos, por exemplo Hänsel quere unha casa de lambonadas sen bruxa, ata que Carapuchiña pensa que o mellor será poñerse de acordo e pedir cousas para toda a fraga, cousas para o común (arranxar os camiños, poñer puntos de luz, un hospital, unha escola...); iniciativas que lles resolvan a vida a todos e a todas e non a un por un. Alá van, coordinados por Carapuchiña, a convocar unha reunión e elaborar unha táboa reivindicativa ou listado de desexos. Cando a nena se reúne co xenio, el faille saber que xa non cumpre desexos, pero está impresionado, nunca llos presentaran dun xeito tan interesante e dirixidos ao ámbito público, así que anima á rapaza a que convoquen eleccións e constrúan ese mundo que responda aos seus desexos. De aí sairá a alcaldesa vermella, da democracia que permite escoller a persoa óptima para dirixir e facer o mellor para todos, pero no proceso recoñeceremos algún atranco que vemos cada día na vida real.

Introducir os aspectos políticos nos contos tradicionais semella algo necesario e de moito interese. Convencer de que no monte -ou na sociedade- o que compre é defender o público e común a toda a poboación, non pode ter máis vigor. O autor consegue estes dous obxectivos a través dun relato sinxelo no que as ilustracións de Mar Villar colaboran, achegando nova información, detalles humorísticos e apuntalando valores.



Pilar Sampedro

 

______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.