venres, 30 de marzo de 2018

Novas da LIX


Rematamos o mes cunhas cantas novas da LIX:

xoves, 29 de marzo de 2018

Salón do Libro 2018





Xa se achega a cita de 2018 co Salón do Libro!
Podes descargar o programa desta edición aquí.
A XIX edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, organizado baixo o lema "Mulleres de conto", celebrarase do 6 ao 29 de abril de 2018 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Máis información do Salón aquí.
GÁLIX estará presente no Salón con dúas actividades:

  • o Día do Libro Infantil, o luns, 2 de abril ás 12:30, na BPE Antonio Odriozola, coa lectura do manifesto da IBBY "Os libros fan grande o máis pequeno".  Participarán na lectura Fina Casalderrey, escritora, Víctor Rivas, ilustrador e Luz Gallego, libreira. Ao remate, inaugurarase a exposición "Invitemos a ler."
  • O domingo, 15 de abril, ás 13:00 horas, no Salón do Libro, celebraremos o acto "A proxección da LIX galega no exterior", coa participación de Antonio García Teijeiro, autor galego distinguido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Lista de Honra da IBBY.
  • Ademais, GÁLIX realizou unha selección de obras da LIX para mediador@s coas que traballar a igualdade e fomentar a ollada de xénero desde a literatura. Máis info aquí. Podes descargar a selección en formato xls aquí.


mércores, 28 de marzo de 2018

Na nosa biblioteca (94)

A Deputación de Pontevedra vén de facernos chegar estas novidades para a biblioteca GÁLIX:


Título: O picoto do pai
Texto e Ilustracións: Alumnos do Garaxe Hermético
Editorial: Deputación de Pontevedra
Colección:Cornelius


Título: Verne imaxinado
Texto e Ilustracións: Alumnos do Garaxe Hermético
Editorial: Deputación de Pontevedra
Colección: Cornelius
Reseña en  Revolta da freixa: bitácora de lingua sen aula  

sábado, 24 de marzo de 2018

Novo catálogo de literatura infantil e xuvenil publicada en 2017


Xa está dispoñible o catálogo que todos os anos elaboramos cos títulos de literatura infantil e xuvenil publicados en Galiza no ano anterior.

Podes descargar o catálogo 2018 neste enlace e lembra que podes ver o resto de catálogos na páxina de recursos, na sección Catálogos, guías e recursos online, ao final da páxina.

*Editado 27/03/18:

  • A presentación do catálogo nos medios: La Opinión, Cultura.gal, Noticias Vigo.
  • Sobre a elaboración do catálogo: o catálogo de GÁLIX elabórase coas publicacións das editoriais membro de GÁLIX e/ou AGE, asociacións responsables da publicación, así como coas novidades das que as editoriais galegas nos informan ao longo da anualidade anterior. 




xoves, 15 de marzo de 2018

Premio Fina Casalderrey de Literatura infantil pola Igualdade






A Editorial Baía vén de facer públicas as bases do Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade. O prazo de recepción das obras remata o 2 de abril.
Máis información neste enlace / Bases neste enlace.

Neste enlace, no blog de Pilar Sampedro, podes atopar unha boa iniciativa para as persoas mediadoras na súa recopilación de obras de literatura xuvenil e infantil para a igualdade. Bótalle un ollo aquí!

mércores, 14 de marzo de 2018

Feiras do Libro 2018


Xa temos o calendario das Feiras do Libro de Galicia deste ano. 
Clica na imaxe inferior para vela máis grande.

Máis info no facebook da Federación de Libreiros.

luns, 12 de marzo de 2018

III Feira do Disco e Libro Galego


Este sábado 17 de marzo terá lugar en Monterroso a III Feira do Disco e Libro Galego.

Este evento une discos e libros, elementos fundamentais da difusión cultural, nun mesmo espazo co galego como lingua vehicular. Atoparedes postos para ollar, imaxinar e gozar, e teredes a posibilidade de presenciar música en directo, presentacións literarias e diferentes actividades nos espazos integrados na feira.

Unha xornada cargada de actividades gratuítas na que coñecer as atractivas propostas de numerosos expositores.


mércores, 7 de marzo de 2018

Este libro encantoume (marzo 2018)


MARZO, 2018

Recomendamos: Un máis, de Olalla González.

Cando un membro máis vai chegar á familia sempre suscita interrogantes. Isto foi o que lle pasaou ao pequeno coello cando se enterou de que mamá coella ía ter un bebé.
A partir dese momento o pequeno coello quere saber cando nacerá.
Olalla González e Marc Taeger van tecendo unha tenra historia que temporalmente abarca a espera do novo bebé. O pequeno coello condúcenos por unha estructura repetitiva con tres puntos referenciais: as reiteradas preguntas que lle vai facendo a súa nai de cando nacerá, da que sempre recibe a mesma resposta; por outro lado o anuncio aos outros animais do bosque de que vai ter un irmán ou unha irmá e aos que tamén interroga coa súa pregunta de cando nacerá. A terceira referencia son as súas ensoñacións, a modo paréntese ou aposición gráfica, de todo o que ha suceder cando teña un irmán ou unha irmá.
Por fin mamá coella chega ao final da espera e danos unha gran sorpresa!
Desde o punto de vista gráfico hai que salientar o tratamento das gardas que nos introducen nun inmenso campo no que se vai desenvolver a historia e que se repite na dobre páxina seguinte, para rematar o álbum co mesmo efecto gráfico, o que lle da un carácter circular á narración gráfica.
Xa na portada nos presenta ao pequeno coello, cun sorriso, mirándonos atentamente, coas súas grandes orellas e con medio corpo afundido na herba. Na última páxina aparece unha imaxe similar do pequeno coello, pero moi ben acompañado, tamén mirándonos e aquí con cara de sorpresa.
Os fondos, polo feito de ser brancos, contribúen a que as figuras silueteadas con quebradizo trazo negro, adquiran protagonismo.
Álbum moi interesante para traballar os valores: a amizade, a solidariedade, a xenerosidade...
Extraordinaria proposta para compartir pequenos e adultos.

Ángeles Roca López
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.

Na nosa biblioteca (93)

Velaquí o último do divertido David Walliams en Sushi Books!

TítuloO rapaz do vestido
Texto: David Walliams
Ilustracións: Quentin Blake
Tradución: Moisés Barcia
Editorial: Sushi Books. Rinoceronte Ed.
Colección: Intermedio
Reseña literaria en Diario de Ferrol