FEBREIRO, 2018
Recomendamos: A batalla da pequena Chañan Curi Coca, de Rosa Aneiros.

Se cadra alguén podería obxectar o final feliz un chisco forzado, cando por desgraza, tanto no caso dos incas como no de tantas familias vítimas dos desafiuzamentos, os “invasores” acabaron gañando as guerras. A miña opinión é que a autora tamén aquí atopa un recurso intelixente, que se vai facendo visible lentamente case desde o inicio do propio relato, e que de novo se insire no metarrelato épico co que a pequena Noelia se protexe da hostilidade da situación que lle toca vivir. E que, por certo, acaba introducindo un novo tema social de non menor interese: o dos anciáns que viven sós e que se resisten a abandonar os seus domicilios de toda a vida.
Respecto da linguaxe, a autora usa un rexistro sen grandes complicacións léxicas, doadamente accesible para o lectorado das idades ás que se dirixe, mais sen renunciar a un sobrio nivel literario. Aínda que en ningún momento se nos indica cal é a localidade onde transcorre a acción do relato, o uso da expresión “a moito filispín”, idiosincrática da zona de Ferrol, dános unha pista e ao mesmo tempo amosa o coidado da autora na procura dunha linguaxe próxima aos usos dunha comunidade falante concreta.
As ilustracións son de Almudena Aparicio, sinxelas e funcionais, e das que eu destacaría as orlas que presiden cada páxina e que van marcando os cambios nas situacións do relato.
Miguel Vázquez Freire
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
[Comentario blog]