O Centro Internacional del Libro
Infantil y Juvenil da Fundación Germán Sánchez
Ruipérez propúxolles en maio de 2004 a institucións,
asociacións e revistas de todo o Estado a constitución dunha rede
de traballo, para a elaboración de proxectos relacionados coa
selección de lecturas para nenos e xoves nas catro linguas
oficiais.
A partir desa data, na que quedou constituída a Rede de
Selección de Libros Infantís e Xuvenís, esta marcouse como
primeiro obxectivo harmonizar os esforzos de crítica e valoración
de obras que fan especialistas con moitos anos de experiencia, tocante á
recomendación de lecturas nas distintas linguas do Estado.
O
segundo obxectivo que se plantexou é peneirar da inxente
produción actual de libros para nenos e xoves os máis relevantes,
tarefa demandada por unha sociedade cada vez máis consciente do
importante que é espertar o gusto pola lectura nas primeiras edades.
Por último, pensouse en ofrecer relacións das mellores
obras como ferramentas para que os docentes, bibliotecarios, libreiros e
familias estimulasen con elas nos pequenos e adolescentes o pracer de ler.
Entre as vinte institucións que
participan na Rede, a literatura galega ten dous representantes, a revista
Fadamorgana e mais GALIX. O resultado dos traballos recóllense nuns
volumes de publicación anual editados pola
Fundación Germán Sánchez
Ruipérez, que aspiran a ser ferramentas útiles para os
mediadores no seu esforzo por achegar lectores e libros, desde o convencemento
de que a lectura avivece a imaxinación, a intelixencia e a
sensibilidade.
|