Presentación

Este prestixioso galardón de carácter oficial, o máis antigo na literatura infantil e xuvenil española, foi creado polo Instituto Nacional del Libro Español no 1958, co patrocinio dos Ministerios de Información e Turismo e de Educación Nacional, coa finalidade de estimular a produción de bos libros infantís e xuvenís. Inicialmente tiña tres modalidades: escritores, ilustradores e editores -esta última, de carácter honorífico, deixou de se convocar en 1975. A súa primeira dotación económica foi de 50.000 pesetas para os escritores e de 25.000 para os ilustradores. A partir de entón sufriu sucesivas modificacións: incremento das dotacións económicas, substitución das obras publicadas por inéditas e posibilidade de presentar orixinais en calquera das linguas oficiais do Estado. Na actualidade segue gozando dun recoñecido prestixio, tanto en España coma nos países iberoamericanos, de onde proceden algúns dos autores premiados.

Dende o 1986 é a OEPLI a encargada de convocalo, co patrocinio do Ministerio de Educación e Cultura. A convocatoria está aberta a toda España e Iberoamérica e cabe a posibilidade de presentar obras de calquera xénero literario. Consta de dúas modalidades: creación e ilustración dotadas cun primeiro premio de 6.600 euros e un accésit de 2.000 euros. Na convocatoria de creación literaria, dende 1997, contémplanse dúas modalidades que van alternando cada ano, unha infantil (obras destinadas a lectores menores de 12 anos) e outra xuvenil (obras destinadas a lectores a partir de 12 anos).


Convocatoria

Os orixinais deben presentarse baixo lema e adxuntar un sobre pechado co lema identificador e o título da obra, que conteña o nome, apelidos, enderezo e teléfono do autor correspondente. Normalmente convócanse no mes de marzo e o prazo de recepción de orixinais na secretaría da OEPLI remata, no caso da modalidade de creación literaria, o 1 de xullo e na modalidade de ilustración, o 1 de agosto. A resolución do premio faise pública durante a celebración da Semana do Libro Infantil e Xuvenil, no mes de decembro.

GÁLIX encárgase de traducir as bases e difundilas, de designar as persoa que forman parte dos xurados por parte galega e, na modalidade de creación literaria, de realizar, no caso de que sexa necesario, unha preselección dos títulos presentados a este premio en calquera das linguas do estado.

 

 

Autores galegos galardoados co Premio Lazarillo

1990 Contos por palabras, Agustín Fernández Paz.

1993 Historias e algún percance todas ditas en romance, Antón Cortizas (accésit).

1996 Cidades, Fran Alonso (accésit).

1997 ¡A min que me importa!, Concha Blanco (accésit).

1999 A banda sen futuro, Marilar Aleixandre.

2000 Chinto e Tom, Gloria Sánchez.

2001 Amar e outros verbos, Ana María Fernández.

2004 A noite da raíña Berenguela, X. Antonio Neira Cruz.

2005 A sombra descalza, An Alfaya.

Bases

BASES LAZARILLO 2009 - CREACIÓN LITERARIA

BASES LAZARILLO 2009 - ÁLBUM INFANTIL ILUSTRADO

 
(c) GALIX 2004 - galix@oepli.org


Blog