venres, 1 de agosto de 2025

Este libro encantoume! Agosto 2025

 


AGOSTO
2025

Recomendamos A escola robot de Anxo Fariña

 

 

A publicación dun libro de Anxo Fariña é sempre unha boa nova, non só para os seus fieis lectores, senón para a comunidade lectora en xeral. Fariña é un dos escritores e ilustradores máis refrescante do panorama literario e un agudo observador da deriva tecnolóxica da nosa sociedade.


Neste volume titulado A escola robot, o autor volve aos seus temas recorrentes: a importancia da ecoloxía, o valor da amizade, o traballo en equipo e a necesidade do humor para enfrontarse coas adversidades da vida. E neste último punto o autor desprega toda a súa habelencia construíndo un relato onde o narrador interpela decote ás persoas que están a ler. Informa dalgunhas cousas que pasaron, doutras que poden pasar e, mesmo, permítese opinar ou especular de tal xeito que acaba por converterse nun personaxe moi singular dentro da novela.

O libro flúe a un bo ritmo, cun aquel de suspense, diálogos enxeñosos e unhas ilustracións moi acaídas realizadas polo propio autor. A escola robot ensínanos moitas cousas alén das materias clásicas de calquera escola técnica, como por exemplo aprender a aprender ou, como puidemos comprobar coa apagada do mes de abril, que en realidade a enerxía que move o mundo é a enerxía creativa. Tamén nos lembra que os robots, as redes sociais, as mascotas ou os móbiles non son bos ou malos, senón que dependen dos seus donos. Mais, por riba de todo, esta escola ensínanos que para construír un robot, ou calquera cousa, cómpre ter en conta os aspectos técnicos e funcionais, pero tamén os éticos.



Álex Mene



GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.