No ano 2024, con motivo do 35º aniversario da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil – GÁLIX, redactei, a petición do meu estimado David Cortizo, un artigo para a revista Grial no que repasaba a evolución da nosa LIX desde o nacemento da asociación ata os nosos días.
Aquel exercicio de lecturas e análise de datos, puxo de manifesto os magníficos estudos das investigadoras e especialistas que levan tempo afondando na nosa LIX, e espertou en min a necesidade de afondar na etapa anterior, de mirar cara a atrás e descubrir os primeiros pasos dunha literatura pensada para a rapazada galega. Deste xeito, cheguei á Editorial Galaxia.
A Editorial Galaxia nace o 25 de xullo de 1950, cunha vocación que vai máis alá da publicación de libros: nace para acompañar a construción cultural de Galicia. Había moito por facer e as persoas que formaban parte, ou estaban na órbita, de Galaxia asumían a tarefa coma propia. Hai cartas que constatan a preocupación que existía ante a ausencia de publicacións dirixidas á rapazada galega.
Nese contexto, Galaxia establece unha colaboración coa editorial catalá La Galera, da que, do bo facer de Xohana Torres, nacen as primeiras traducións ao galego de obras infantís:
O abeto valente, de Jordi Cots (1967)
O globo de papel, de Elisa Vives de Fábregas (1967)
Unha nova terra, de Francisco Candel (1967)
Todos os nenos do mundo seremos amigos, de Eulalia Valeri (1967)
A aprobación do uso das linguas vernáculas en todos os graos do ensino (1970) provoca un aumento da demanda de materiais en galego. Comeza así un novo impulso, tamén editorial, co obxectivo de crear libros próximos á realidade galega. Xunto ás traducións, empezan a publicarse na Editorial Galaxia literatura infantil e xuvenil orixinal, feita por autoras e autores galegos, coa vontade de ofrecer historias próximas, recoñecibles. Algúns dos títulos pioneiros son:
Polo mar van as sardiñas, de Xohana Torres (1968)
O lobo é o raposo (Popular, 1968)
Contos pra nenos, de Laureano Prieto (1968)
A galiña azul, de Carlos Casares (1968)
O león e o paxaro rebelde, de Bernardino Graña (1969)
Don Gaifar e o tesouro – Popular (1970)
Cousas de Xan e Pedro – Popular (1971)
Miúdo e a campaíña dos grelos, de Emilio Gregorio Fernández (1971)
O neno mentirán e o lobo, de F. Delgado Rodríguez (1972)
O espanta-paxaros, de Xosé Agrelo Hermo (1972)
Calriños e o abó, de Xoan Carlos Arias (1972)
O bosque de Ouriol, de Arcadio López-Casanova (1973)
A laranxa máis laranxa de todas as laranxas, de Carlos Casares (1973)
Os anxos cómense crus, de Jorge Díaz (1973)
En 1972, Galaxia publica Contos populares da provincia de Lugo, resultado dun traballo colectivo do Centro de Estudos Fingoy. (Mestres e mestras recolleron contos directamente dos beizos do seu alumnado.)
Ese mesmo ano, Carlos Casares traduce ao galego O Principiño.
E, fóra do círculo de Galaxia, tamén florecen iniciativas moi importantes:
Manuel María: Os soños na gaiola (autoedición, 1968) e As rúas do vento ceibe (Xistral, 1979)
Pura Vázquez: Versos pra os nenos da aldea (1968)
Dora Vázquez: Campo e mar aberto (Celta, 1975)
Ambas irmás: Monicreques (autoedición, 1974)
Cabe deixar constancia neste escrito do labor no eido da LIX galega de editoriais como: Edicións Celta (1938), Ediciós O Castro (1963) ou Edicións Xerais de Galicia (1979).
E, por suposto, non podemos esquecer a publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas (Follas Novas, 1961), obra considerada por moitas persoas como fundacional da nosa LIX. Actualmente, Galaxia edítaa en múltiples formatos, incluída a adaptación a banda deseñada realizada no ano 2024 por Iria Aldegunde.
O contexto cultura da época tamén xogou un papel importante. Agrupacións como O Galo (1961), O Facho (1963), Abrente (1969) ou o Instituto da Lingua Galega (1971) foron verdadeiros motores culturais e lingüísticos. Nace a revista Axóuxere e, despois, Vagalume (1975–1978), sendo referentes no eido da LIX galega.
No artigo “O presente”, publicado no Galaxia Almanaque (1950–1975), Ramón Piñeiro recoñecía o desenvolvemento dunha literatura infantil e xuvenil en galego como un dos froitos máis relevantes deses 25 anos de traballo.
Tartaruga, Árbore, Sete Mares... e moito máis
O traballo iniciado por Galaxia foi sementando un camiño que deu froitos duradeiros. As coleccións Tartaruga, Árbore, Sete Mares, Costa Oeste, Sonárbore, entre outras, permitiron construír unha oferta editorial estábel destinada aos rapaces e rapazas.
Desde GÁLIX, queremos aproveitar a celebración dos 75 anos da Editorial Galaxia para pór en valor o seu labor protagonista no comezo e desenvolvemento da nosa LIX.
Parabéns á Editorial Galaxia, socia número 45 de GÁLIX, por chegar a esta efeméride con tanta saúde. Grazas polo compromiso e por camiñar canda nós dende os primeiros pasos da asociación.
Quero rematar cunha frase recollida do, xa referido, Galaxia Almanaque (1950–1975):
“Un xeito seguro pra non mancar a un pobo é o de escolarizalo na propia lingua”.
Seguimos sementando.
Directiva de GÁLIX
Vigo, xullo de 2025
*As fotografías corresponden a libros da biblioteca persoal de Miguel Alonso Diz