Bota a andar, nesta xeira, a sección: Lecturas desde O Garaxe; unha colaboración das alumnas do Curso Profesional de Creación Literaria e Ilustración da Escola O Garaxe Hermético, que, ao través da súa profesora Tamara Andrés, comparten con GÁLIX recensións críticas sobre álbums infantís publicados nos últimos tempos.
Abrimos tamén un taboleiro no noso Pínterest onde estarán recollidas todas as colaboracións recibidas para que poidan ser consultadas por xunto por calquera persoa interesada no tema.
Velaí vai, logo, o primeiro comentario:
por Angie Roa
Preséntovos Cando leo, unha obra de Eva Mejuto e Bea Gregores. Trátase dun álbum ilustrado para público infantil.
Esta historia conta como a través da lectura ata o imposible se volve posible e o malo chega a facerse bo ou mesmo mellor. Faino con textos sinxelos e breves de aire poético que facilitan a lectura aos lectores máis novos. Porén, nalgunhas delas puiden percibir certas metáforas que poden dificultar a comprensión da mensaxe ou do propio texto.
No tocante á ilustración, as imaxes son sinxelas pero con certa gracia nos personaxes e no ambiente. As cores e os tons vólvense relaxantes, diría que ata nas frases máis escuras axudan a percibir certa beleza. É interesante o xogo que teñen os textos e imaxes nalgunhas páxinas, sentes coma se o debuxo cobrase vida e quixese saír do libro.
A miña conclusión é que a mensaxe que pretende dar é clara: a lectura pode axudarnos a ver o mellor das cousas, lévanos a mundos novos e únenos a todos de xeito positivo.
Considero os libros como un método de fuxida da realidade, un momento para desconectar e abrirse a novos mundos. Seguramente a autora intente transmitir esa mesma mensaxe dun xeito máis sinxelo e xeneralizado que, co acompañamento das ilustracións, o faga máis ameno e entretido para que non teñas que parar a pensar demasiado nos detalles, simplemente gozalo.
0 comentarios:
[Comentario blog]