ABRIL 2025
Recomendamos Mica, Cuarzo e Feldespato de Antonio Manuel Fraga
Que
gatos e ratas colaboren é algo que só pode suceder nunha historia
de Antonio Manuel Fraga, un dos autores máis tenros da nosa LIX.
Mais o argumento non sorprende tanto cando sabemos que o inimigo ao
que se enfrontan é unha manda de gaivotas usureiras que rouba a
comida dos roedores, ameazando o equilibrio de todo o vertedoiro. Só
semellante inxustiza poderá levar a Garfus e Gordoespello, dúas
ratas exploradoras, a afrontar os seus maiores medos e buscar axuda
nos seus depredadores naturais. Pero, como nesta historia nada é o
que parece, os gatos Mica, Cuarzo e Feldespato non comen rata porque
están ben alimentados, á serpe Serpentina móvea a súa vaidade,
non o seu estómago, e o incluso o temible morcego Laracho resulta
ser máis fráxil do que parece. Todos eles, xuntos, poden
converterse en heroes, só por un día.
Fábula de colaboración impregnada da emoción e humor ao que Fraga nos ten acostumadas nas súas historias para a xente miúda. Unha lectura áxil e cálida que amosa que ata nos lugares menos fermosos acaba entrando a beleza cando os seus habitantes fan comunidade.
E claro que ás ratas lles acabamos por coller agarimo, como ben advirte o narrador nas primeiras páxinas. E si, o vertedoiro xa non nos parece un lugar tan terriblemente feo cando pechamos o libro. Debémoslle isto último, por suposto, ás engaiolantes ilustracións de Bea Gregores, refachos de cor que tornan o vertedoiro nun mundo de fantasía.
Iria Misa
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]