Este libro encantoume! Decembro 2024

Publicado por GÁLIX | 1.12.24 Deixa un comentario

 


DEC
EMBRO 2024

Recomendamos O triángulo vermello de Carme Vidal e Pablo Iglesias Núñez

 

 


Este álbum, a terceira obra da colección Pequena Memoria de Xerais, achéganos a vida de Mercedes Núñez, infatigable loitadora antifascista, presa no Cárcere de Ventas (Madrid) na Guerra Civil e co campo de concentración de Ravensbrück durante a II Guerra Mundial, a través da ollada de neno do seu fillo Pablo. Carme Vidal, en colaboración co propio Pablo Iglesias Núñez, reconstrúe, literariamente, a vida desta muller senlleira a través de diversos momentos que xorden da descuberta que o Pablo cativo fai dun baúl de fotografías e documentos da súa nai. A memoria dos afectos, desde a súa visión de crianza, enfían un relato que percorre a ilusión e loita, a represión, a amizade e o amor, o medo, a fame, a violencia e as torturas, a disidencia da vida dunha muller única, incomprensiblemente pouco coñecida. O texto é contido, emotivo e certeiro, alóngase coa proposta plástica de Belén Diz, na súa primeira obra de ilustración. É difícil de crer que en tempos de IA haxa quen aposte por unha técnica tan singular e laboriosa como a de debuxar exclusivamente con boli bic. Si, pechen a boca do asombro, o azul monocromo da ilustración débese á tinta do bolígrafo, acompañada só puntualmente por un fío vermello cosido ao papel, que destaca momentos e obxectos especiais na historia. Belén Diz consegue recrear un imaxinario hiperrealista cunha destreza abraiante, por momentos próximo á fotografía documental, mais que combina a referecialidade con escenas poéticas e simbólicas para representar as emocións e sentimentos, do afecto ao horror.

Coma no resto dos volumes da colección, as gardas actúan de álbum de fotos onde aparecen documentos e fotografías contextuais da vida de Mercedes, que axudan ao lectorado miúdo a entender o contexto sociohistórico, canda un epílogo informativo final que recolle diversos fitos da biografía de Mercedes Núñez. Unha magnífica oportunidade para a achegar a memoria histórica á rapazada.


Eva Mejuto


_______________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]