venres, 8 de novembro de 2024

RESCATE EN AUDIO. Nova sección do blog de GÁLIX.


    Algunhas das persoas coas que contactamos para colaborar na sección “Este libro encantoume”, na que damos conta dos últimos lanzamentos editoriais da nosa LIX, consultan a posibilidade de comentar algún libro de calidade, con máis de tres anos de antigüidade.

Por iso, atendendo esta suxerencia das nosas socias e socios, desde o blog de GÁLIX queremos poñer en marcha un novo proxecto ao que imos chamar “Rescate en audio”. 

 


Ao seu abeiro, as persoas asociadas poderán achegar as súas críticas, reflexións e lembranzas persoais sobre obras clásicas da literatura  infantil e xuvenil galega, de ficción ou non ficción. Deste xeito, pretendemos darlles espazo aos libros que, sen seren novidades recentes, dalgún xeito deixaron pouso e marcaron o camiño no que é o LIXG actual.

O formato que empregaremos será o dunha breve peza de audio, en formato MP3, de entre 3 e 10 minutos de duración e cun enfoque completamente libre.

As colaboracións recibidas publicaranse no blog e incorporaranse ao programa Rescate en audio da plataforma iVoox.

Calquera persoa asociada que queira enviar a súa colaboración pode facelo a través do correo da asociación: galixblog@gmail.com, indicando na cabeceira da mensaxe o nome da sección e o título da obra seleccionada.

Grazas pola vosa colaboración!

1 comentario:

  1. Moi boa iniciativa. Admitides colaboracións de adolescentes? Sería un bo xeito de que pescudaran nas obras LIX non tan recentes.

    ResponderEliminar

[Comentario blog]