Gloria Sánchez, Socia de Honra GÁLIX 2024

Publicado por GÁLIX | 4.9.24 Deixa un comentario

 

Temos o pracer de anunciarvos que a escritora e mestra Gloria Sánchez García foi elixida Socia de Honra GÁLIX 2024, co voto unánime da directiva da entidade, pola súa traxectoria profesional, a obra publicada e dedicación á literatura infantil e xuvenil galega.

O seu compromiso coa lingua e a cultura de Galicia levouna a participar en proxectos de investigación e difusión do libro infantil na dirección de GÁLIX e no Consello de Redacción de FADAMORGANA.

Gloria Sánchez é unha das voces máis orixinais da literatura infantoxuvenil, con obras moi surrealistas, cargadas de humor, ironía e respecto polo seu lectorado.

Dende que en 1990 recibira o premio Merlín por Fafarraios leva publicadas arredor de medio cento de obras, de poesía, narrativa e teatro, que foron traducidas a castelán, catalán, éuscaro, portugués, coreano ou Braille.

Entre os numerosos recoñecementos recibidos as súas obras forman parte da Listaxe de Honra do IBBY e do catálogo The White Ravens.

O acto de entrega do galardón terá lugar o vindeiro sábado 14 de setembro ás 12.00h na sala infantil da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela.

Nas anteriores edicións foron galardoados Xavier Senín, David Otero, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro, Helena Villar Janeiro, Marifé Quesada, Paco Martín, Xabier P. DoCampo, María Xesús Fernández, Miguel Vázquez Freire e Ánxeles Roca.

Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]