Setembro 2024
Recomendamos O grande aviario de Eli García
Unha moeda pode servirche para mercar, por exemplo, unhas poucas larpeiradas e librarte do bocadillo de mortadela da merenda, pero tamén para iniciar de forma insospeitada unha aventura pola cidade. Isto é o que lles aconteceu a Íar e a Lea cando decidiron seguir á pega que lles arrebatou a que lle dera ese mesmo día a súa avoa.
Cada unha das nenas protagonistas de esta banda deseñada, lévanos a través dos seus relatos a vivir dúas historia diferentes en torno dunha edificación que atopan agochada entre a vexetación dun bosque no medio da cidade: un gran aviario. Sería un invernadoiro abandonado? Ou quizais un gran hotel para paxaros? Pode que unha gorida secreta?
Grandes doses de imaxinación da autora, Eli García, e unhas ilustracións realizadas por ela mesma que acompañan tanto na forma como nas cores (diferentes dependendo de quen estea contando a historia). Destacan nesta máxica e misteriosa viaxe de forma especial as aves, e como Eli soubo “humanizalas” e facer un deseño de personaxe tan orixinal e acertado para cada unha delas.
Íar e Lea móstrannos ademais, ao final do libro, o seu caderno de paxaros: unha escolma de aves ilustrada. Que non vos engane Eli coa súa mestría na ilustración científica: son debuxos e non fotografías os que complementan ás descricións e nomes científicos de cada unha delas.
Un libriño fantástico para deixarse levar pola maxia da imaxinación e aprender moito, mais non só sobre aves. Eu aprendín tamén que as cousas que nos chegan ao corazón, non son sempre as máis brillantes.
__________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]