AGOSTO
2024
Recomendamos Garabitolas de
Xoán
Babarro
Garabitolas (*) devólvenos aos xogos e versos dirixidos aos pequenos e as pequenas,
aos bebés da casa, a eses seres que tratamos de introducir no noso
mundo compartindo con eles o patrimonio oral.
Babarro
é o máximo artífice da poesía para as crianzas máis
pequerrechas; a ninguén mellor que a el se lle podía ocorrer
escribir este libro para recibir aos que chegan á familia dende as
barrigolas das nais. Os afectos vanse mostrando nos chuchos, os bicos
e as caricias, nas palabras e nas expresións, comezando con eses
versos de Rosalía:
"Olliños
de groria!
Cariña
de meiga!
Apértame
ben,
Corazón
de manteiga!"
Collémolo
no colo que é o mellor berce, arrandeámolo, cantámoslle cancións
que os animen a durmir e xogamos ás cabaletas porque os xeonllos son
cabalos. Ata lle cantamos noutros idiomas para recibilos dende a
diversidade das linguas dese mundo que os recibe. Cada momento ten o
seu canto (a comida, o baño...), os xogos de mans e de diferentes
partes do corpo. Os animais han de estar presentes, tanto os de
dentro da casa coma os de fóra: ese gatiño, a galiña e os pitiños,
o can e o burro, o raposo... pero tamén os pezas de roupa ou os
xoguetes... ata limpar os mocos ten o seu aquel cando son os dun
bebé.
Unha
festa e un gran acerto este libro que dá a benvida e acompaña os
primeiros tempos do bebé "para ler en voz alta e xogar coas
palabras" tal como se di na presentación.
* Selección de LIX galega, feita por GÁLIX para o Catálogo OEPLI 2023
Pilar
Sampedro
______________________
GÁLIX
publica
cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para
a sección
Este
libro encantoume
da
OEPLI.
Todos os meses poderás ver
neste
blog
as
recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web
da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos
lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar
coas
túas recomendacións, non dubides en nos
contactar.