Este libro encantoume! Setembro 2023

Publicado por GÁLIX | 1.9.23 Deixa un comentario

 


SETEMBRO 2023


Recomendamos Planeta Bugallo de Raquel Castro

 

 

Os galegos sempre fomos un pobo migrante, que temos a sona de chegar a todos os recunchos do mundo e, incluso, á Lúa, levando nosa cultura e os nosos costumes, e, por suposto, a nosa lingua. Pero seriamos quen de conquistar os planetas que están moito máis lonxe?

Pois parece que así foi, como vemos nesta peza de teatro, que mostra a existencia dun planeta chamado Bugallo no que se fala a lingua internacional do universo, que é, por suposto, o galego. Os habitantes dese planeta, que saben que a orixe do seu nome está na Terra, mandan unha misión encabezada polos axentes especiais Tambo e Deva, disfrazados de peregrinos, para descubrir o significado de bugallo.

Por casualidade, van aterrar no camiño de Santiago que pasa polo Courel. Aí van descubrir, abraiados, que no planeta orixinario da súa lingua, que é tamén a nosa, non é a maioritaria. Na súa visita, vanse atopar con peregrinos chegados doutros países, o gardabosques do parque e unhas rapazas que pasan toda a obra na procura da existencia de vida extraterrestre. Finalmente, cando descobren o significado de bugallo, marchan de volta ao seu planeta, pero coa intención de volver coa misión espallar o galego por toda a Terra.

Nesta obra, en ton de comedia e cunha linguaxe moi coidada, faise unha reflexión sobre a difícil situación da lingua galega neste momento actual. Ademais, ao tratarse dunha peza teatral ten a vantaxe de chegar a unha maior cantidade público, coa lectura individual ou dramatizada e cando se leve á escena.


Carlos Labraña


___________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]