XUÑO
2021
Recomendamos: Non te amola! de
Xela Arias
Agora na primavera fixen nove anos
A publicación dun libro inédito sempre é un feliz acontecemento e un achado. A escritora Xela Arias, á que se dedica en 2021 a homenaxe das Letras Galegas é ben coñecida por ser poeta, máis son escasas as súas contribucións á narrativa e este libro titulado Non te amola! é un volume destinado ao público infantil, con ilustracións de Luz Beloso, co que van gozar as e os máis pequenos, máis tamén todos os que queiran achegarse á memoria da Xela Arias preadolescente.
O atractivo do libro está en recuperar a voz da autora e a súa memoria de canda nena, así como na reflexión autobiográfica dunha pequecha que relata dende a súa experiencia dos dez anos como son as cousas que lle pasan e acontecen ao seu redor.
Xela le, escribe e debuxa, comparte xogos cos seus irmáns, observa todo o que sucede e describe o encanto de compartir a vida da aldea xunto cos cambios que están a acontecer na cidade na que se instala coa súa familia, con ilusión pero tamén con certo temor ante as mudanzas. Os dezaseis breves capítulos teñen como fío condutor a novidade que todo iso pode traer á súa existencia.
Coa frescor e simpatía que caracteriza a unha cativa da súa idade, Xela pensa en ser escritora, entende os xestos e as palabras, inventa historias dentro da súa historia e pecha o libro cunha premonición decidida e rotunda, consciente de que escribir vaille axudar a cambiar o mundo. Toda unha declaración de intencións e un libro que, de seguro, animará a comezar a escribir á cativada!
Ana Luna Alonso (Gálix)
______________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]